10 de novembro de 2022

Visita ao CiMus

 Este martes 8 de abril, o alumnado de 2º do Bacharelato STEM visitou o CIMUS acompañado da súa profesora Natalia Fernández, quen nos deixa a súa crónica do día: 

"Nesta xornada exerceu de anfitrioa Cristina Iglesias, antiga alumna do IES Aller Ulloa, e actualmente bióloga e investigadora neste centro da USC, punteiro a nivel mundial. Cristina amosounos o laboratorio e explicounos o proxecto no que están traballando ela e o equipo de "Metabolismo Molecular" do que forma parte. Contounos como traballan no grupo "Liver team" estudando os cambios metabólicos en hepatocitos de ratas sometidas a dietas con diferentes proporcións de graxa e como inflúe no metabolismo da obesidade, e que fan no grupo "Brain Team" estudando no hipotálamo de ratos e ratas, unhas células da Glía chamadas Tanicitos, que tapizan o terceiro ventrículo encefálico e de grande importancia, posto que ademais de revestir as súas paredes emiten unhas prolongacións cara ás neuronas hipotalámicas e parece que interveñen en importantes procesos metabólicos, ademais de ter capacidade neuroxénica.

Tamén nos amosou como manipulan xeneticamente os tanicitos mediante Esterotaxia, un procedemento mediante o que inxectan virus con ARN nas células do hipotálamo dos ratiños para inhibir a expresión xénica das proteínas.

Vimos as salas de cultivos, a sala de crioxenia onde manteñen as liñas celulares dos diferentes proxectos de investigación do CiMus en N líquido a -170º, microscopios de fluorescencia e moitas cousas máis que non conto para non abrumar.

Como me enorgullece e alegra ver que os meus antigos alumnos e alumnas se abren camiño e fan cousas tan importantes para a sociedade!!"

Achegámosvos o enlace á información que hoxe ofrece La Voz de Galicia sobre a actividade.




4 de novembro de 2022

XIII Día da Ciencia en Galego

Un ano máis conmemoramos o Día da Ciencia en Galego, ao abeiro do cal novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de normalizar o uso do galego no ámbito da divulgación científica.


Ao fío de tal conmemoración, o Instituto Galega de Ciencia (Igaciencia) propuxo dedicarlle dito Mes da Ciencia a Evaristo Galois e á galega Ángeles Alvariño González.

Wikipedia.org

A elección da zoóloga e oceonógrafa e galega Ángeles Alvariño González veu motivada por ser unha das pioneiras en Galicia e en España na Oceanografía biolóxica, e por describir vinte e dúas novas especies de zooplancto mariño e ser considerada unha autoridade mundial en tres grupos de organismos do mar, os quetognatos (Filum Chaetognatha), os sifónoforos (Orde Siphonophora) e as hidromedusas (da Clase Hydrozoa).

mujeresconciencia.com
 

21 de outubro de 2022

PMAR na loita contra o cancro de mama

Este 19 de outubro, o alumnado de PMAR, coa súa profesora Ana Penas Facorro, decidiu traballar sobre o cancro de mama. 

Despois de buscar información sobre a enfermidade, a prevención e o tratamento; as rapazas e os rapaces deste grupo de 2º da ESO deseñaron e confeccionaron un cartel para recordar á Comunidade Educativa do IES Aller Ulloa a necesidade de visibilizar e desdramatizar esta doenza que a todos e todas nos toca de cerca.

Deseño do cartel: Lúa Fernández López. Fotografías: Ana Penas Facorro





25 de maio de 2022

Club de ciencia no Pontiñas

A pesar da choiva, o frío e os exames, os intrépidos e aguerridos membros do Club de Ciencia animáronse a seguir as súas profesoras e o seu profesor de Xeografía e Bioloxía, respectivamente, e estudar algúns detalles sobre o río que forma o Lago do Pontiñas.

Despois de ser recibidos, de maneira clamorosa, polas ocas, descubriron que o nome oficial do leito que forma o lago é Rego de Cabirtas. Algúns xa o sabían. Tamén que as súas augas van ao Asneiro, logo ata o Deza e finalmente acaban, grazas ao Ulla, na Ría de Arousa. O día chuvioso permitiu apreciar a cantidade de sedimentos que arrastra o regato, e as medicións previas da profesora Marta Otero demostráronlles ao resto de asistentes á actividade que, nun día, pode transportar case unha tonelada de residuos sólidos. Marta só tivo que recoller a auga nunha botelliña, fervela para quedar só cos restos sólidos e pesalos. Logo faise o cálculo e xa sabemos como pode ir medrando o delta no que todo iso vai acabar.

Pero a parte pasiva rematou aquí. A partir dese momento o alumnado debía calcular a velocidade das augas do Regato de Cabirtas, antes e despois do lago, para ver se esta modificación no leito do río, produto da man do home, afecta ou non á súa velocidade.
Para a actividade só precisaban uns tapóns de cortiza (porque non pesan), metro, cronómetro e un ganapán para recoller o que tiraran ás augas. A idea era facer tres medicións e calcular a media, pero na parte baixa do regato, o vento e os remuíños da corrente complicaron a tarefa, pois os primeiros tapóns ían río arriba, cal salmóns en época de desove.

Na parte alta, o problema foi outro, a mala conservación da ribeira, inzada de herba alta, e o esvaradío das pedras ameazaron con que algún participante acabase na auga. Por sorte o único que foi dar ao lago foi unha das follas do caderno de campo, iso si, recuperada e entregada ao día seguinte cos cálculos feitos.




Aprender desta maneira resultou entretido e divertido. Pero no Pontiñas tamén hai un parque de xogos, e non se podía desaproveitar.