26 de novembro de 2015

Campus de Verán de Lugo: a experiencia de Jaime

O campus de verán científico técnico, 2015.


por Jaime Blanco Vilariño.


Era unha día de verán e, sobre as catro e media, saímos cara a Lugo.

Recordo que ao chegarmos, recibiunos o que sería o noso xefe, un tal Choury (vaia nome...), un home que seguramente nin sequera cale baixo a auga. Mentres o resto da xente ía chegando, eu xa fun coñecendo os meus compañeiros. De todos eles, tan só dous sabían onde estaba Lalín.

Raspberry pi 2, o modelo que empreguei para as prácticas de programación
Logo de nos dar a charla inicial, de nos explicar as normas da residencia (moi boa por certo), xogamos unhas partidas ás cartas e fomos durmir.

No segundo día, coñecemos as instalacións da universidade. Para iso, fixemos unha especie de carreira por todo o campus, que non é pequeno.

Máis tarde, comezamos cos nosos proxectos, xunto a outras actividades, algunhas mellores ca outras; e, ao caer as sete da tarde, volvemos para á residencia a cear, dar un paseo pola muralla e durmir, para agardar polo día seguinte.

Xa de volta na facultade, Ciencias no meu caso, comezamos a programar un ordenador. Tocounos unha Raspberry pi. Con este pequeno trebello fixemos marabillas, coma un tradutor de código morse, un detector de proximidade e ata simulamos unha bomba, malia que non nos deixasen poñer pólvora para dotala de realidade.

Entre risos, obradoiros, animais, química e xogos, case sempre de cartas e maxia, a semana foi tocando á súa fin. Ata que, logo de presentar os nosos proxectos, chegou a despedida: un completo caos de choros, apertas, risas... un pouco de todo.


Á fin e ao cabo non foi unha mala experiencia, coñecín xente marabillosa, coa que aínda falo, escribo e, ás veces, vexo.

Aquí tedes un vídeo sobre o noso proxecto:


Aquí, un sobre o campus:
 

19 de novembro de 2015

Nas VI Xornadas de Bibliotecas escolares.




Mañá venres o Toc-Toc estará nas VI Xornadas de bibliotecas escolares.

Co gallo diso, preparamos un caderniño  Issuu, no que resumimos estes tres cursos.

Velaquí o tedes:

18 de novembro de 2015

100 anos de relatividade xeral co IES Fontexería

Este Einstein  non é cousa de perder.
Unha das mellores expresións de PLAMBE é a xenerosidade coa que a xente distribúe materiais para compartir. A mellor maneira de agradecelo é empregar eses materiais.

Hai días os compañeiros do Fontexería ofrecíannos o seu traballo. Pois ben, aquí o tedes, na nosa bufarra.



Como vedes, arrimámoslle unha pequena selección vídeo-bibliográfica, un cadro co que nos agasallou Míra Szabotin (alumna de ELTE Apáczai Csere János Gyakorlógimnázium, de Budapest) e os quadrinhos de Um sábado qualquer (xa coñecidos deste blogue) dedicados polo brasileiro Carlos Rúas a Don Albert.


 

15 de novembro de 2015

Lecturas : El universo está dentro de nosotros / Neil Turok



Unha das preocupacións non intrinsecamente científicas que manifestan case todos os autores dos libros que comentamos nesta serie é a da necesidade de inserir con naturalidade o coñecemento científico no interior da sociedade. Este obxectivo responde, fundamentalmente, á percepción de que o alto grao de investimento económico e a enorme sofisticación dos experimentos e resultados obtidos (lonxe xa de descubrimentos sobre realidades inmediatas para calquera persoa), poderían levar a provocar unha fisura de incomprensión entre sociedade e ciencia. Tamén, de forma máis ou menos velada, Turok advirte de certa prepotencia científica como un factor disuasorio para o achegamento da sociedade ao mundo da ciencia.

Neil Turok dedica moitas páxinas deste libro a argumentar o necesario que é que ambas partes se aproximen con honradez, seguro como está de que " reconectar la ciencia con la sociedad tiene una finalidad más profunda que desarrollar la próxima tecnología comercializable". Turok afirma que esa “reconexión” permitiría axudar a ambos os polos da relación a dirixir os esforzos a obxectivos positivos e beneficiosos para todos. A imaxe con que titula o seu libro expresa con nitidez a idea que intenta defender.

Turok, como cada vez é máis frecuente nestes libros, recorre ao persoal, ao humano, ao biográfico, para achegar a ciencia a través dos científicos. E, ata, ao autobiográfico. Neste sentido, son especialmente interesantes as páxinas que dedica ao seu testemuño persoal sobre o seu estimulante aposta educativa na Sudáfrica do apartheid, e os seus resultados extraordinarios de avance humano; avance que relaciona co que ocorreu durante a ilustración escocesa, cando unha aposta similar pola educación deu lugar a figuras de primeira orde como Newton, Faraday e Maxwell.

Polo que respecta á súa parte técnica, o libro explica con bastante claridade os elementos básicos da física cuántica, as distintas teorías plausibles sobre a orixe do universo (se hai un momento cero que xorde das flutuacións cuánticas do baleiro ou se falamos dun universo cíclico) e a fórmula matemática ou ecuación que resume toda a física coñecida, e que expresa os retos aos que a ciencia aínda se ten que enfrontar (especialmente, esa orixe á que acabo de aludir e o futuro).

Nos seus capítulos finais, Turok apontoa a indisoluble unidade entre o ser humano e o mundo físico no que nos inserimos, abordando o fascinante tema da conciencia, que une inextricablemente física, química e bioloxía. Turok cuestiónase se todo é puramente accidental ou se, pola contra, o ser humano camiña de forma inevitable cara a un control do universo que lle permitiría terminar converténdose na súa conciencia.
(C.M.)


TUROK, Neil (2015): El universo está dentro de nosotros. Del cuanto al cosmos. Plataforma Editorial. Barcelona.
 

13 de novembro de 2015

Un universo de luz

Chegan á súa fin as actividades asociadas ao Ano internacional da luz, que tamén foi asumido como un dos temas do Día da ciencia en galego.

Descargamos e imprimimos os paneis da exposición Un universo de luz, realizada polo CSIC, con apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).


O alumnado de PMAR elaborou un xeitoso cuestionario, para axudar aos de 1º e 2º da ESO a seguir a exposición.

Ciscamos unha escolma de poemas, coa luz como tema. Algúns acollidos polo omnipoliedro.


Aproveitamos a oportunidade, para facer unha pequena mostrar de libros de fotografía, escollidos entre os nosos fondos.

E non quixemos esquecer que este tamén era o Ano  internacional dos solos e, malia non lle prestarmos a atención que quixeramos, tratamos de lembralo imprimindo a BD Vivir no solo (preme para descargala en PDF) de Marilar Aleixandre e o Estudio Tangaraño. Con ela, forramos unha columna ben á vista.

5 de novembro de 2015

Publicacións en liña sobre medio ambiente (II)

Fonte
Unha vez máis seleccionamos as publicacións en liña desde a escolma que nos proporciona o servizo de novidades do Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga do CEIDA.

Nesta caso recollemos a dos envíos corespondentes aos de xuño, xullo e setembro.


 
Alimentación



Botánica


Guía de cultivo do castiñeiro para a produción de castaña / editora, Josefa Fernández López. Santiago de Compostela : Consellería do Medio Rural e do Mar , 2014. Descarga. (PDF)

Conservación do medio ambiente / Conservación da natureza.



GOMES OLIVEIRA, Nuno... [et al.] (2011) Guía da Reserva Natural Local do Estuário do Douro . Gaia : Reserva Natural Local do Estuário do Douro. Descarga (PDF).

GONZÁLEZ, Marta, BAREA, Julio & CANTERO, Alicia (2015): Radiografía social del medio ambiente en España. [Madrid] : Greenpeace. Descarga (PDF).
Perspectiva del Patrimonio Mundial de la UICN 2014 : evaluación sobre la conservación de todos los sitios naturales del Patrimonio Mundial. (2015). Gland, Suiza : Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza y de los Recursos Naturales. Descarga (PDF).

Impactos no medio ambiente


Desengancharse del plástico : problemas de un material ubicuo (2015). [Madrid] : Ecologistas en Acción. Descarga (PDF).

FONSECA MARTÍN, Emilio & BUCIÑOS, Uxía:  Queimar o monte. -- Televisión de Galicia. Ligazón. 

Xeoloxía


Hilario, A. (ed.) (2015): Patrimonio geológico y geoparques, avances de un camino para todos. Madrid : Instituto Geológico y Minero de España. Descarga (PDF).


Zooloxía


Enfermidades infecciosas emerxentes (EIE) : outra ameaza para os anfibios (2015). Santiago de Compostela : ADEGA : Sociedade Galega de Historia Natural ; [Madrid]: Asociación Herpetológica Española. Descarga (PDF).

El lobo en los medios : consejos de estilo  Palencia : Asociación para la Conservación del Lobo Ibérico , [2015]. Descarga. (PDF)