29 de xaneiro de 2016

Encontro con Josefina Ling



A próxima semana visitaranos a profesora Josefina Ling para profundar sobre algunhas das mulleres astrónomas que son protagonistas da exposición Con A de Astrónomas.

É unha boa ocasión para recuperar un vídeo promovido por TEDxGalicia, no que a doutora Ling nos achega ao tema das estrelas dobres, obxecto de estudo introducido por D. Ramón entre nós e, aínda hoxe, liña de investigación preferente no Observatorio de Santiago.

Algo máis dun cuartiño de hora, no que se conxuga amenidade e precisión:

 
Josefina Ling from denha on Vimeo.

Polo demais, non está de máis lembrar a serie da SEA e a UNED Mujeres en las estrellas. 

No segundo capítulo "Las pioneras españolas: el inicio del camino", atoparémonos coas doutoras Ling e Ferrín (a primeira discípula de D. Ramón), entre outras.

25 de xaneiro de 2016

Campus de profundización científica: a experiencia de Rubén.

Campus de profundización científica: Soria 2015.

Por Rubén Ferreiro Arias.

Durante o ano 2015 o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convocou 80 bolsas de estudo para levar a cabo o Campus de Profundización Científica que tivo lugar en Soria durante o mes de xullo do ano pasado, en dúas quendas de 10 días cada unha.
Afortunadamente, tiven a oportunidade de participar neste Campus e o pasado verán, entre os días 17 ao 27 de xullo, trasladeime a Soria moi ilusionado por esta nova aventura.


Ao contrario do que agardaba, as actividades científicas do campamento eran experimentos e prácticas moi entretidas. Tamén tivemos algunhas pequenas clases de Bioloxía, Matemáticas, Física e Química; así como conferencias, excursións e outras actividades culturais, todas elas moi amenas e ben preparadas polos monitores.


Non obstante, a ciencia só ocupaba unha parte do noso tempo, xa que o máis importante para min foi a convivencia e a amizade cos outros 39 compañeiros cos que compartín a miña quenda. 

 Gustaríame destacar tamén a gran dedicación das monitoras que, para facer a nosa estancia máis sinxela e agradable, organizaban todos os días excursións, actividades e xogos para coñecer os encantos da zona. Algunhas destas actividades foron: baixadas en balsas de rafting polo río Douro, rutas de sendeirismo, xogos de orientación polo monte, visita a un parque de aventura (tirolinas, escalada), etc.


En resumo, cómpre dicir que foi unha experiencia única tanto a nivel de coñecementos, xa que souberon mostrarnos o lado atractivo da ciencia, como por suposto a nivel emocional, xa que me proporcionou unhas vivencias e unhos lazos de amizade que estou seguro perdurarán na mente de todos por moito tempo.


22 de xaneiro de 2016

Exposición: Con A de astrónomas



Esta é unha historia que empeza hai miles de anos, quizais centos de miles.
Cando as nosas antepasadas, con “a”, miraron ao ceo e se preguntaron polo que había nel. É seguro que, xa entón, as mulleres mediron o tempo observando a Lúa e o Sol.

Miles de anos despois, outras mulleres dirixiron a súa mirada ao Cosmos e converteron na súa profesión investigar os seus misterios. Esas son as astrónomas, tamén con “a”. Foron moitas, moitísimas. En todas as épocas da historia houbo astrónomas. Todas elas, co seu esforzo e dedicación, fixeron
avanzar a ciencia. Algunhas realizaron achados transcendentais. Esta exposición mostra algunhas das súas contribucións.

Esta historia tamén fala doutro “a”, a de astronomía, claro. Resoan ademais moitos outros as: a de avanzar, a de arela, a de afouteza, a de alegría, a de análise.
De antes e de agora. De aprendizaxe. Pero tamén de algo de amargura, porque as mulleres tiveron que enfrontarse sempre a moitos obstáculos para desenvolveren o seu coñecemento.
O texto que precede é o de presentación da exposición Con A de astrónomas, que nos acompañará na entrada do instituto, a partir do luns.

A exposición componse de trece paneis que trazan un percorrido polos momentos cruciais da astrofísica e o papel fundamental que moitas mulleres tiveron no avance desta ciencia. Fora confeccionada no 2009, Ano Internacional da Astronomía, coa colaboración de nove astrónomas. Unha delas Josefina Ling, da USC, que foi a comisaria, deunos facilidades inmensas para dispoñermos dela e aínda nos agasallará coa súa presenza na primeira semana de febreiro.

Comezamos así as actividades conmemorativas do Quincuaxésimo cabodano de D. Ramón Aller.