20 de novembro de 2020

Premio "Inspiraciencia" do CESIC para Adrián Llinares Juíz

Comprácenos anunciar a nova de que o alumno de 1º do Bacharelato Adrián Llinares Juiz vén de gañar o concurso de relatos "Inspiraciencia", organizado polo CSIC, na categoría de 12 a 17 anos co relato "El amor es pura química... y la familia también" (preme no título para ler o relato).
 
Adrián na Biblioteca do centro perante a foto do Congreso de Solvay
 
Para saber máis do porqué da súa participación preme en YouTube.
Moitos parabéns Adrián, e por suposto á comunidade do CPI de Rodeiro.

11 de novembro de 2020

Encontro con Roc Olivé: Ilustraciencia

Mañá, xoves 12, ás 13.40, teremos un encontro co ilustrador científico Roc Olivé Pous (rocbook.blogspot.com/), arredor da importancia da ilustración como medio de divulgación e comunicación das investigacións científicas.

A actividade enmárcase no proxecto Illustraciencia, coordinado polo Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC) e a Asociación Catalana de Comunicación Científica (ACCC), coa colaboración da Fundación Española por la Ciencia y laTecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación e a Fundación «la Caixa».


6 de novembro de 2020

Bombas sobre Lalín (o que faltaba!)

A exposición do Proxecto Física Nuclear. 75 aniversario de Hiroshima e Nagasaki ofrece a curiosidade dunha parella de carteis que mostran un que pasaría se Lalín sufrise o ataque nuclear polo que pasaron as dúas cidades nipoas. 

Para os interesados, a ferramenta empregada para elaborar a simulación chámase NUKEMAP e está explicada en The Nuclear Secrecy Blog,  do historiador da ciencia Alex Wellerstein.

 

2 de novembro de 2020

XI Día da Ciencia en Galego

Como todos os anos, e xa van alá once, o 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego, e con el novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo de tal conmemoración é o de amosar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra no ámbito da divulgación científica.

 


Ao fío de tal conmemoración, o  Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) propón dedicarlle dito Mes da Ciencia a dous científicos, un estranxeiro, Robert Koch, e outro galego, Ernesto Viéitez Cortizo.

 

Robert Koch
                                                         

A elección do profesor e científico galego Ernesto Viéitez Cortizo veu motivada por ser declarado por parte da Asemblea das Nacións Unidas o ano 2020 como "Ano internacional da sanidade vexetal", e dado que o profesor Viéitez Cortizo se ocupou de fisioloxía vexetal.

 

Ernesto Viéitez Cortizo

A seguir engadimos un enlace para que poidas ler o Manifesto “O feitizo da ciencia” que o  profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño Alfonso elaborou co gallo do Mes da Ciencia en Galego.

Ademais, e aproveitando tal evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Andrés Avelino Comerma y Batalla, natural de Valls (Tarragona), pero que desenvolveu o seu labor profesional en Galicia como enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador científico. [Ler máis na páxina da RAGC]

                                                  Andrés Avelino Cormena y Batalla