10 de decembro de 2021

O señor das moscas

Cando falamos de "O señor das moscas" vénnos a cabeza a figura de William Golding, autor da novela inglesa Lord of the flies, pero este 4 de decembro a Universidade Nacional Autónoma de México, a través da súa conta de Twitter para a divulgación da ciencia, quixo recordarnos que hai outro "señor das moscas": Thomas Hunt Morgan, xenetista estadounidense, Nóbel en Medicina (1933) e que, entre outras cousas, estudou a macromutación na mosca da froita. Aquí vos deixamos a publicación da DGDC UNAM:



3 de novembro de 2021

XII Día da Ciencia en Galego

Unha vez máis conmemoramos o Día da Ciencia en Galego, e con el novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de normalizar o uso do galego no ámbito da divulgación científica.

E ao fío de tal conmemoración, o Instituto Galega de Ciencia (Igaciencia) propón dedicarlle dito Mes da Ciencia a Alan Turing, e á galega, Tarsy Carballas.

Alan Turing

A elección da edafóloga e científica galega María Tarsy Carballas veu motivada por ser unha pioneira no estudo da xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona temperada–húmida de España.

María Tarsy Carballas

A seguir engadimos un enlace para que poidas ler o Manifesto que Ángel Carracedo, catedrático e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago e da Fundación Galega de Medicina Xenómica e vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal elaborou co gallo do Mes da Ciencia en Galego.

Ademais, e aproveitando tal evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Jimena Fernández de la Vega, natural de Vegadeo (Asturias), xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. [Máis na páxina da RAGC]

 

Jimena Fernández de la Vega

 

 

23 de xuño de 2021

Despedida científica

Co título Despedida científica (toda unha declaración de intencións), a profesora de Bioloxía, Raquel Honrubia desenvolveu unha actividade de achegamento do alumnado ao mundo da ciencia. 

Raquel explícanos dun xeito claro o proceso: O último día de clase, o alumnado de 4º da ESO tivo unha "Despedida científica" na que a temática xirou arredor da molécula de ADN. Tras comentar algúns datos curiosos desta molécula, así como as principais aplicacións do seu estudo no eido da xenética, os tres grupos realizaron unha extracción de ADN caseira, con materiais presentes en calquera cociña que se prece (xabón, sal...).  Con esta pequena práctica, o alumnado puido ver que se pode facer ciencia e comprender procesos moi relevantes a nivel biolóxico sen grandes medios materiais.

Desde o Toc-Toc-A-Ciencia aproveitamos a nova desta actividade para render unha pequena pero sentida homenaxe a Raquel pola súa total entrega e profesionalidade. Foi todo un pracer. Moita sorte, a porta sempre estará aberta para ti.

 












 

18 de xuño de 2021

Obradoiro sobre sexualidade e prevención de ETS

Ao longo da semana, as profesoras Raquel Honrubia e Lara Rodríguez impartiron a alumnado de 1º da ESO e de 4º da ESO un Obradoiro sobre sexualidade e prevención de ETS

Ao fío do Obradoiro, Raquel e Lara reflexionan sobre a actividade: 
“As ETS, a menstruación, a anatomía dos aparatos reprodutores, así como dos órganos sexuais, os métodos anticonceptivos, a influencia da pornografía na concepción das relacións sexuais, os estereotipos xerados arredor do sexo, o concepto de “virxindade”, a importancia da comunicación e do coñecemento do propio corpo…; estes foron algúns dos temas tratados nestes obradoiros tan necesarios para a mocidade. Nestas sesións puxéronse en común preocupacións, dúbidas e curiosidades, nas que se tentou non só dar e compartir información senón tamén abrir camiño de cara á normalización da sexualidade e a desestigmatización do pracer”. 
“Foi unha experiencia do máis produtiva e enriquecedora, que obtivo unha boa acollida por parte do alumnado, sempre disposto a aprender, opinar e compartir as súas reflexións e dúbidas. Dende logo, o éxito destas xornadas debeuse a elas e eles”. 
E como non, unhas fotos da actividade:
 







17 de xuño de 2021

Itinerario IES Aller Ulloa - Fraga de Catasós : segunda andaina

O locus amoenus existe e está en Catasós. 
O mércores, 16, retomouse o Itinerario IES Aller Ulloa / Fraga de Catasós, desta volta co alumnado de 4º da ESO, andaina promovida nesta ocasión pola profesora Raquel Honrubia. 
Como a primeira andaina, iniciouse esta segunda a primeira hora da mañá, comezando a marcha desde instituto. E de novo, durante o percorrido houbo as correspondentes paradas nos puntos de interese con breves explicacións ao alumnado por parte do profesorado acompañante (Raquel Honrubia, Mar Espinosa, Alba Payo e Luis Guitián).  
Unha vez na Fraga, o clímax da natureza en todo o seu esplendor, gratificante experiencia para os sentidos, alimentada coa presenza dun trebón; e as fotos, desta volta da profesora-reporteira Alba Payo, son testemuña: