29 de marzo de 2016

28 de marzo, a ollo ceibe

Foi onte día de emocións múltiples, á volta da figura de Don Ramón Aller.



Pola mañá, celebrouse no Observatorio "Ramón Mª Aller Ulloa" da USC, a presentación do libro Astronomía a ollo ceibe, tradución ao galego de Astronomía a simple vista, impulsada por José Ángel Docobo e realizada por Celia Rozas, ex-alumna do noso instituto.
Máis alá dunha tradución, a obra é en certa medida unha restitución: pouco antes do golpe de estado do 36, o Seminario de Estudos Galegos anunciaba a súa publicación, pero daquel orixinal entregado nunca máis se soubo. Oitenta anos despois, a Universidade e a Xunta recoñecen e recuperan este título fundacional da divulgación científica en galego.
E se pensamos no título en sentido estrito, é inexcusable citar as palabras de Celia Rozas no prólogo:
"A relativa infidelidade do título desta versión /.../ -e aínda a inhibición da preferencia académica de ceibo/a fronte a ceibe-  responde á vontade dos editores, que eu como tradutora tamén fixen miña, de manter inalterado o título que, segundo a prensa da época ía ter a obra /.../, Astronomia a ollo ceibe; un título polo demais, provisto dun arrecendo enxebrista bastante característico do galego escrito da época, e ben fermoso e elocuente do sentido rabiosamente divulgativo da obra.

Pola tarde, a homenaxe trasladouse a Lalín. Primeiro, coroa de flores no monumento a Aller e, despois, traslado da actividade ao Museo: breves intervencións das autoridades políticas e académicas (Concelleira de Cultura, Reitor da USC, Conselleiro de Educación e Alcalde), dúas pequenas charlas e a inaguración da exposición.

Ademais de instrutivo, sempre é tremendamente emotivo escoitar a evocación que de Don Ramón realiza o profesor Docobo, o seu sucesor no observatorio compostelán e artífice fundamental na recuperación e difusión da figura do noso sabio.
Nesta ocasión, estivo acompañado de Cecilia Doporto, doutoranda súa, responsable do Museo e arquitecta da exposición. Cecilia, suxeriunos datos da súa tese sobre Don Ramón, e, sobre todo, deixounos albiscar a cantidade de fíos de memoria, admiración e agradecemento que o noso astrónomo foi deixando por aquí e por acolá, e que ela recolle para, tece que tece, preparar un extraordinario tapiz biográfico ao que, así o esperamos, pronto teremos acceso.

A exposición inaugurada é imprescindíbel. Manuscritos, debuxos, ilustracións, instrumental -entre o que podemos admirar esa auténtica icona da ciencia galega que é o teodolito de Don Ramón- dispóñense con harmonía e claridade para ofrecernos unha ben perfilada imaxe de aproximación ao sabio. Non  conforme con iso, tráenos o que, mesmo para moitos iniciados na obra do homenaxeado, resultará unha sorpresa: unha estupenda colección de retratos, obra do Don Ramón fotógrafo, restaurados por María Alejo.

28 de marzo de 2016

50º cabodano de D. Ramón Aller


Hoxe cúmprense cincuenta anos do falecemento de Don Ramón. Andan no forno algunhas actividades toc-toqueiras. Xa volas iremos mostrando

Por agora, presentámosvos o deseño do logotipo. A súa autora é Marta Calviño Sixto.

 Parabéns e graciñas, Marta.

21 de marzo de 2016

Día mundial da poesía: Lágrima de preta

É ben que desde o Toc-toc lembremos a poesía, e que mellor que cun poema. Este de Antonio Gedeão aínda que ben coñecido, nunca é abondo divulgado.

Fonte da foto

Lágrima de preta

Encontrei uma preta
que estava a chorar,
pedi-lhe uma lágrima
para a analisar.
    Recolhi a lágrima
com todo o cuidado
num tubo de ensaio
bem esterilizado.
    Olhei-a de um lado,
do outro e de frente:
tinha um ar de gota
muito transparente.
    Mandei vir os ácidos,
as bases e os sais,
as drogas usadas
em casos que tais.
    Ensaiei a frio,
experimentei ao lume,
de todas as vezes
deu-me o que é costume:
    nem sinais de negro,
nem vestígios de ódio.
Água (quase tudo)
e cloreto de sódio.

14 de marzo de 2016

Lecturas: La realidad no es lo que parece / Carlo Rovelli

Podes ler o primeiro capítulo
La realidad no es lo que parece é un excelente exemplo do que se pode atopar hoxe en día en materia de divulgación científica: trátase dunha breve, pero precisa e clara introdución na física que protagonizará o século XXI, exposta sobre os ombreiros dos xigantes do século XX, e que non esquece a tradición de séculos anteriores. Ao longo do seu ensaio, Carlo Rovelli exhibe ademais un control intelectual de eminentes obras filosóficas e literarias do pasado que non pode senón explicar o porqué da súa admirable capacidade explicativa: a precisión e claridade do seu estilo demostra que a súa formación humanística permea inevitablemente todos os seus recursos expresivos.

Aínda que se necesitan mutuamente, a efectos informativos o libro pódese dividir en dous grandes partes: por unha banda, aquela na que o autor explica os fundamentos da relatividade e a física cuántica, e, por outro, aquela na que expón a proposta da gravidade cuántica de lazos, teoría na que o autor é un experto.

A teoría da gravidade cuántica de lazos, ou de bucles, é a principal competidora da teoría de cordas como teoría finalmente dominante para explicar a realidade física. Rovelli aposta por ela e, malia deixar claro que aínda está en cueiros, chama a atención sobre unha das vantaxes que ten sobre aquela: é menos esixente co que debería haber do que é a teoría de cordas, que, por exemplo, necesita da existencia dunhas aínda descoñecidas partículas supersimétricas.

Rovelli explica os logros da relatividade e da física cuántica, e lembra o obstáculo que hai para unificalas: o estudo do campo gravitatorio, que, pola súa extrema debilidade, só parece ser mensurable nas dimensións dos grandes artefactos cósmicos, mantense á marxe da física cuántica, a que, á súa vez, formúlase sen ter en conta esa curvatura espazo-temporal que explica a gravidade, e que as ecuacións de Einstein matematizan.

Aplicado a realidades concretas, o problema materialízase no muro de formigón contra o que se golpea impotente a relatividade cando se penetra en singularidades tales como os buracos negros e a hora 0 do universo, nas que o cuántico parece atoparse máis cómodo.

Para cimentar a proposta a respecto diso da gravidade cuántica de lazos, o autor subliña con insistencia tres ideas clave da mecánica cuántica: a granularidade, o indeterminismo e a relacionalidade. É unha novidade que alguén destaque tanto a primeira e a terceira, e é mérito de Rovelli chamarnos a atención sobre a súa enorme importancia, mesmo por riba do espectacular do indeterminismo. E é así porque son ideas que lle permiten ao lector saír do diminuto, estraño e incomprensible mundo cuántico e facelo algo máis próximo.

A granularidade da realidade implica que non hai nada infinito: nin hai infinitos estados posibles nin hai unha infinita subdivisión da materia. Isto afectaría directamente ao que ocorreu no big bang: dado que non é posible unha contracción infinita, a orixe puido estar nunha nube de probabilidades cuánticas, sen espazo nin tempo, que deviría dun universo anterior e que se resolveu no que nos levou ata o presente.

A relacionalidad, pola súa banda, afirma con claridade que a realidade non é, senón que é relación (aspecto intuído pola idea de relatividade): non hai realidade per se, senón que esta é unha consecuencia da relación, interacción, entre estados físicos. As partículas sono no momento en que se relacionan con algo; mentres iso non ocorre, as partículas son ondas, campos que abarcan literalmente todo o universo.

Xa no seu momento, Einstein advertiu que o espazo-tempo é un campo máis, o gravitatorio. No que Rovelli e outros traballan é en demostrar que ese campo gravitatorio tamén é cuántico e que, sen negar a idea de que a materia curva o espazo-tempo, pode explicar o que ocorre nas singularidades citadas.

A idea, como se indicaba máis arriba, é que o espazo non pode ser infinitamente divisible. O límite é a lonxitude de Planck: a millonésima parte da milmillonésima parte da milmillonésima parte da milmillonésima parte dun centímetro (10 elevado a -33 cm.). É xusto nesta lonxitude cando se manifesta a gravidade cuántica e o espazo-tempo de Einstein deixa de ter sentido. Todo está, así, cuantizado: non só as partículas ou as superficies, senón tamén os volumes. Hai átomos elementais de espazo, un billón de millóns de veces máis pequenos que o máis pequeno dos núcleos atómicos.

A gravidade cuántica de lazos tenta describir o que é ese volume cuantizado.

Os lazos son as liñas de Faradady, as do campo electromagnético, finitas e diferenciadas, que literalmente tecen o espazo. Téceno formando unha malla tridimensional de lazos entrecruzados. Os nodos que se forman con ese entrecruzamento son os cuantos de espazo. Aquí o relevante é destacar que eses cuantos non están no espazo, senón que son o espazo: un espazo que, en tanto que é cuántico, créase co interacturar deses cuantos de gravidade individuais. Non existe como dimensión física diferenciada desa relacionalidade elemental. Consecuentemente, co tempo pasa o mesmo. A gravidade cuántica de bucles nega tamén a existencia do tempo como unha dimensión física diferenciada. Non existe no sentido de que os acontecementos que ocorren non seguen ningún ritmo externo a eles; ocorren, e, é na súa relación con outros acontecementos cuánticos, cando xeran o seu tempo. O cambio existe, pero non respecto do tempo, senón respecto dunhas cousas coas outras.

En definitiva, un apaixonante libro de divulgación que ensina o básico dunha das teorías máis prometedoras para entender a realidade física.


ROVELLI, Carlo (2015): La realidad no es lo que parece. La estructura elemental de las cosas. Tusquets. Barcelona.

4 de marzo de 2016

Arredor da xenética

Arredor da actividade que vides seguindo estes días, tamén puidemos dispoñer dunha exposición de fondos da biblioteca e carteis explicativos...




...de dúas presentacións...




... e ata do Faro de Vigo que quixo colaborar cunha entrevista a Gonzalo Álvarez Jurado, despois da charla que nos ofreceu...

1 de marzo de 2016

Ao fío do encontro con Álvarez Jurado

   PERCORRIDO XENÉTICO POLA CASA DOS AUSTRIA 

por Laura Arcay Rozas


O pasado xoves 26 de febreiro tivo lugar na biblioteca do noso centro a conferencia impartida por Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático e profesor de Xenética na Universidade de Santiago de Compostela. Este coñecido científico e afeccionado á historia leva a cabo, xunto con todo o seu equipo, un estudo realizado mediante diversas análises xenéticas, co fin de demostrar que douscentos anos de consanguinidade foron os causantes da dexeneración e extinción da dinastía española dos Austria.

En primeiro lugar, o profesor situounos na sociedade dos séculos XVI e XVII na que eran frecuentes os matrimonios endogámicos, especialmente entre as clases sociais máis altas, por motivos fundamentalmente políticos e culturais. Con todo, aclarounos que o motivo de escoller como obxecto de estudo os Habsburgo, foi a posibilidade de coñecer datos imprescindibles como é o caso da árbore xenealóxica, formada por máis de tres mil personaxes. Outro tipo de información relevante que empregaron ao longo desta investigación, foron os datos de mortalidade infantil segundo a porcentaxe de consanguinidade dos nenos nacidos en dita dinastía. Grazas a isto, puidemos observar que ao principio da monarquía dos Austria, o índice de mortalidade infantil era igual a cero, pero que, co paso do tempo e o aumento das relacións consanguíneas, o número de nenos que morrían antes de alcanzar os dez anos de idade supoñía aproximadamente o 20% do total.

Como ben nos explicou o doutor Gonzalo, a Casa dos Austria instaurouse en España no 1506 con Filipe, “O Fermoso”, marido de Xoana, A Tola, e xenro dos Reis Católicos. Tras case dous séculos de numerosos e continuados matrimonios entre primos, pais e nais cos seus respectivos fillos, tíos e sobriños, esta dinastía desapareceu con Carlos II no ano 1700, pola súa incapacidade para ter fillos en ambos os seus dous matrimonios. A inexistencia dun sucesor ao trono, provocaría posteriormente o estoupido da Guerra de Sucesión.

Carlos II, tamén coñecido como “O Enfeitizado”, padecía numerosos trastornos como raquitismo, esterilidade, un avellentamento adiantado e numerosos problemas máis que lle causaron a morte con tan só 38 anos. Todo isto, convérteo no exemplo máis claro da dexeneración xenética causada polos sucesivos cruces entre os membros dunha mesma familia. A investigación dirixida polo Dr. Álvarez Jurado revelou que o seu nivel de consanguinidade era do 25%, o que supón que unha cuarta parte do seu xenoma repetía a mesma secuencia nun cromosoma que no seu homólogo. Esta situación adóitase dar, segundo nos explicou, nos descendentes de relacións entre pais e fillos ou entre irmáns. Non obstante, Carlos II proviña do matrimonio formado por Filipe IV e Mariana de Austria, ambos tío e sobriña, polo que esa porcentaxe tan elevada é froito das 16 xeracións endogámicas polas que pasara toda a súa familia. Ademais, grazas ao importante traballo da doutora Celsa Quinteiro, este grupo de científicos cren ter chegado á raíz do “feitizo” deste monarca, considerando así, que padecía mutacións cromosómicas que lle produciron unha acidose tubular renal (distal), ademais dunha deficiencia combinada de hormonas pituitarias, o que explicaría a infertilidade deste. Así e todo, isto continuará a ser unha hipótese mentres non se demostre experimentalmente analizando unha mostra do defunto.

Gonzalo Álvarez tamén nos comentou que a posibilidade de herdar alelos iguais de ambos os proxenitores (homocigose), é simple cuestión de azar. Demostrounos isto, poñéndonos como exemplo os irmáns de Carlos II: a infanta Margarida Francisca e o príncipe Filipe Prósper. Mentres que a infanta levou a cabo un desenvolvemento normal e unha vida libre de problemas de saúde, o pequeno Filipe morreu con apenas 4 anos, debido a problemas semellantes aos que sufriría máis tarde o seu irmán Carlos II.

Nos últimos minutos da charla respondeu a algunhas preguntas formuladas por alumnos do Bacharelato de Ciencias, e de Natalia, ex alumna súa na universidade e actual profesora de bioloxía no noso centro, aplicando o explicado durante a conferencia, pero esta vez, á vida do famoso naturalista Charles Darwin, científico que levou a cabo algunhas investigacións no tema para intentar coñecer se o feito de casar e procrear cunha prima súa, provocara a aparición de tuberculose nunha das súas fillas, coa súa posterior morte.

Finalmente, sobra mostrarlle o noso máis grande desexo para que continúe tendo éxito nas súas próximas investigacións, así como darlle as grazas por compartir os seus coñecementos con todos nós na pasada xornada.


Foto: Bernabé & Javier Lalín. Faro de Vigo (26-2-16)