22 de maio de 2019

Recital-concerto: 50 anos da chegada á lúa.

Na Biblioteca, celebraremos un "Recital-concerto" para conmemorar a chegada á Lúa.


Preme aquí para ver o programa do evento.

19 de maio de 2019

2019: Ano Internacional da Táboa Periódica

A UNESCO declarou o 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica. Nós quixémonos sumar ás actividades que se están a celebrar en universidades e centros de ensino de todo o mundo, construíndo a nosa particular táboa periódica xigante que podedes ver estes días no recanto do Toc Toc. Como novidade, aparecen, sinalados nela, os elementos químicos descubertos por mulleres ou que teñen nome de muller, e tamén os que se descubriron en España.



Esta pequena exposición é o resultado do traballo realizado polo alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato durante o segundo trimestre deste curso. Podedes tamén ler información sobre algún elemento químico de interese, coma o sodio, o ferro ou o cobre, e observar uns sinxelos modelos da rede cristalina do cloruro de sodio, dos isótopos do carbono e dos fluorocarbonos, todos eles realizados na clase con boliñas de poliespán, escarvadentes e pinturas de cores.




14 de maio de 2019

Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas


Trinta historias da investigación e o labor científico en Galicia é o agasallo que, o ano pasado, nos fixo o Consello da Cultura Galega.



Baixádeo en PDF e parádevos un chisco nel. Paga a pena.

9 de maio de 2019

Galiciencia 2019: Un problema de peso


Un ano máis, o alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de Bacharelato, coordinado pola profesora de bioloxía Natalia Fernández, presenta esta semana un proxecto na Galiciencia. Igual ca na última ocasión, o traballo presentado está relacionado cos hábitos de vida saudables e leva por título Un problema de peso: un mundo cheo de obes@s?

Luz, Marcela e Noelia acompañadas de Natalia.
Velaquí o resumo que Natalia escribiu para o noso blog.

O sobrepeso e a obesidade son problemas de saúde que alcanzan proporcións alarmantes nos adolescentes e na poboación adulta. Calcúlase que, en 2050, o 60% da poboación padecerá obesidade e outras enfermidades derivadas: diabetes, hipertensión, problemas óseos e articulares, síndrome metabólica, asma, problemas psicolóxicos, etc. Estas complicacións, propias dos adultos, empezan a ser frecuentes a idades cada vez máis temperás. Estudos recentes confirman que unha alimentación pouco saudable, cun consumo elevado de produtos industriais, excesiva inxesta calórica polo abuso de alimentos moi enerxéticos (refrescos, doces, bolería, snacks, comida rápida, elevada achega de azúcares, fariñas refinadas, graxas, sal, embutidos...), inxesta deficiente de froitas, legumes e verduras, unido á vida sedentaria, favorece a aparición de doenzas asociadas ao sobrepeso e á obesidade, como as cardiovasculares, a diabetes ou o cancro.
 É moi importante intervir a nivel educativo para romper esta tendencia e que o alumnado aprenda e valore a importancia e os beneficios da adquisición de bos hábitos na súa conduta alimentaria. Para facer este traballo formulámonos preguntas como as seguintes:

  • Que é o índice glicémico dos alimentos?
  • Que é a taxa de metabolismo basal?
  • Que é o índice de masa corporal?
  • Temos todos as mesmas necesidades energéticas?
  • Como é a anatomía e a fisioloxía do aparello dixestivo?
  • Que enfermidades teñen a súa orixe na obesidad?
  • Como funciona a insulina producida polo páncreas?
  • Como evolucionou a alimentación desde as orixes do ser humano ata os nosos días?
  • Por que deberíamos de reducir o consumo de determinados alimentos? 

Faro de Vigo (Deza): 09/05/2019




8 de maio de 2019

Encontro con Ben Feringa, premio Nobel de Química en 2016


Na tarde de onte desprazámonos ao CIQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC, para asistir a un encontro co Profesor Ben Feringa, premio Nobel de Química de 2016 polo "Deseño e síntese de máquinas moleculares".

Tras recibir unha invitación do CIQUS, convidamos cinco estudantes de brillante expediente académico que tiveron así a oportunidade de coñecer o profesor Feringa, unha persoa moi próxima que conectou dun xeito espectacular coa audiencia.

A charla, "A arte de construír en pequeno", ía dirixida a estudantes de secundaria de Galicia e estaba enmarcada nas actividades que a USC organiza dentro do seu Programa ConCiencia. Nela falou da súa orixe, dos seus primeiros contactos coa ciencia, de como influíu nel un profesor cando era estudante, do seu campo de investigación e posibles aplicacións, e por suposto, do que supuxo para el o galardón recibido. Animou en todo momento os asistentes a perseguiren os seus soños.

Tras a súa intervención abriuse unha rolda de preguntas na que participaron varios estudantes, entre eles o noso alumno Rubén Fontán de 4º de ESO. Rematou o evento cunha sesión fotográfica e cun pequeno ágape.

Foi unha experiencia de seguro inesquecible para todos. 

Moitas grazas aos organizadores: Jorge Mira, Diego Peña e Jose Luis Mascareñas.


De esquerda a dereita: Laura López, Pablo García,
María Abeledo, Ben Feringa, Rubén Fontán e Marta Ceán.
María, Rubén e Marta con Ben Feringa.
Imaxe de www.usc.es/ciqus

Imaxe de www.usc.es/ciqus

O Profesor Feringa ao inicio da conferencia.
Imaxe de www.usc.es/ciqus

O Profesor Feringa durante a rolda de preguntas.



As alumnas e alumnos do IES Aller Ulloa
uns minutos antes de comenzar o evento.
La Voz de Galicia (Deza): 08/05/2019


Entrevista en La Voz de Galicia (08/05/2019)