25 de novembro de 2017

Mellor comunicación e presentación oral, no Galiciencia


O traballo "Radiografía dun cigarro" xa se vía compensado coa excelente acollida que tivera no Galiciencia. O premio á Mellor comunicación e presentación oral foi un agasallo do que moito nos alegramos.

Natalia subliña que, malia só poderen figurar Ángela e Andrea, o mérito e o esforzo son de todo o grupo de Anatomía aplicada.

Ángela, Andrea e Natalia.
Parabéns!

Todos os premiados


24 de novembro de 2017

Radiografía dun cigarro, no Galiciencia



O alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de bacharelato está participando na feira científica "Galiciencia 2017" en Ourense, co proxecto de investigación "Radiografía dun cigarro", coordinado e dirixido por Natalia Fernández. O stand está acandando moito éxito de público. Os parabéns recibidos animánnos a seguir facendo proxectos.


O tabaquismo segundo a OMS é unha enfermidade aditiva crónica. A capacidade do tabaco para xerar dependencia débese á nicotina, que activa funcións cerebrais no sistema pracer/recompensa do cerebro. Hoxe son coñecidos os efectos do tabaco sobre o organismo. Provoca importantes patoloxías agudas e crónicas: pulmonares, coronarias, cerebrovasculares, úlceras, cancro, etc. Aínda así, moitas persoas comezan a fumar adquirindo o hábito. Cada cigarro aumenta a dependencia e prexudica seriamente a saúde. Por que o fan? Con este traballo investigamos como funciona o ap. respiratorio, as substancias que compoñen o fume do tabaco, os efectos prexudiciais para a saúde, os beneficios de non fumar, co obxectivo de axudarnos a tomar decisións libres e resistir a presión social que favorece o seu consumo.



A adolescencia é unha etapa fundamental para tomar conciencia dos hábitos de vida saudables, xa que os cambios  cerebrais  que se producen no cerebro (na codia pre frontal) nesta etapa da vida, son moi importantes e están relacionados coa capacidade de tomar decisións. Deixar de fumar ou non comezar co hábito, é unha decisión que favorece moito á saúde. Unha información axeitada sobre os compoñentes e as consecuencias do tabaco é fundamental para previr o tabaquismo e axudará  a tomar decisións libres e  a resistir a presión social que potencia seu consumo. 



https://issuu.com/marelatarabela/docs/tr__ptico_galiciencia 
Se queres consultar o tríptico preme na imaxe.

1 de novembro de 2017

As viaxes científicas


A ONU declarou 2017 Ano Internacional do Turismo Sostible. Foi unha excelente idea adaptalo, entre nós, como 2017 Viaxes pola Ciencia.

IGACIENCIA explícanos as razóns e as propostas:
  • Conmemorar a viaxe do Beagle
  • Conmemorar as viaxes de Domingo Fontán para elaborar a Carta xeométrica.
  • Reivindicar o Camiño de Santiago como modelo de viaxe sostible.
  • Realizar actividades coa tecnoloxía viaxeira, como o GPS, SIX...
  • Implicar a outra materias no Ano internacional.
Actividades sinxelas, eficaces e non careiras que nos propoñen son:
  • Manexar o GPS. Entender o sistema de coordenadas GPS e os sistemas de visualización xeográfica como GoogleMaps ou Openstreetmaps.
  • Experiencias relacionadas coa orientación. Recrear os primeiros compases cunha agulla imantada sobre unha cortiza flotando nun recipiente con auga.
  • Expoñer no centro educativo a serie de carteis sobre Darwin e a Evolución.
  • Parcicipar no concurso de actividades con GPS.
  • Buscar en novacarta.eu as paisaxes e os miradoiros do norte de Galicia que os fan famosos. .


20 de outubro de 2017

Congreso Solvay: 28 mulleres e un home

Tras case un curso de construción e ensaios, o mércores 11 de outubro estreamos a montaxe  Mulleres que fan historia: Marie Sklodowska Curie.
Neste proxecto participaron arredor de corenta persoas e o resultado non puido ser máis satisfactorio.
Desde aquí queremos dar os nosos parabéns a todos e a todas, especialmente aos actores principais Lorenzo e Rosa.
Teatralización, presentación de diapositivas, historia(s), interpretación de músicas dos anos vinte, danza e entusiasmos diversos foron tecendo a biografía de Marie Curie ao longo de cincuenta curtos minutos.

Velaquí, unha brevísima reportaxe fotográfica:

Ao fondo, a nosa interpretación do 5º congreso Solvay: 28 mozas e un mozo, na maior concentración de xenialidades da historia. No primeiro plano, Rosa.

Marie Curie, interpretada por Lorenzo, acompáñounos no percorrido pola súa biografía.

Einstein tivo o seu momento e mesmo nos mostrou, a través do violín de Nerea, que era un apaixonado violinista.

Profesorado e alumnado do III Liceum de Zielona Gora (Polonia) que participan  nun intercambio connosco, compartiron espectación con 1º de BAC.

Aquí o programa do evento e unha sinopse da obra:


E aquí a presentación que acompañou á representación teatral:


Dirección e guion: Ana Reboiro
Presentación con diapositivas: Verónica Peña
Organización do concerto: Almudena Mosquera

19 de outubro de 2017

Recanto TOC-TOC para o Congreso Solvay



No recanto Toc-toc_A Ciencia, podemos visitar a exposición documental que forma parte da nosa conmemoración do nonaxésimo aniversario do Quinto congreso Solvay e o 150º do nacemento de Marie Curie (1867-1934).






10 de outubro de 2017

Teatro e música arredor de Marie Curie

O mércores 11 poderemos seguir un breve percorrido biográfico de Marie Curie. Teatro, música e a foto do Quinto Congreso Solvay..., estrea mundial no salón de actos ás 12:15.

22 de xuño de 2017

Campus científicos de verán 2017

Ao longo do mes de xullo levarase a cabo a oitava edición dos Campus Científicos de Verán en diversas universidades españolas, un programa que pretende potenciar o interese dos estudantes de 4º de ESO e 1º de bacharelato pola ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Carlos Santorum, alumno de 1º de bacharelato, conseguiu unha das prazas ofertadas grazas ao seu excelente expediente académico. Acudirá, xunto a outros estudantes españois, á Universidade Carlos III de Madrid para traballar no campo da estatística.


Tamén Xaime Blanco, de 2º de bacharelato, participará de novo no Campus Xuvenciencia da USC en Lugo, un proxecto que vai pola quinta edición, a máis existosa en canto a número de participantes.

Os nosos parabéns.

7 de maio de 2017

Segundo premio no IX Concurso Galego de Robótica

Os nosos alumnos de bacharelato  acadaron unha merecidísima segunda posición no IX Concurso Galego de Robótica organizado pola Fundación Barrié e IGACIENCIA.

Fotografía de Javier Bernabé, Lalín, Faro de Vigo.
Javier Enjamio, Jaime Blanco, Emma Álvarez e Bruno Fraga.

Texto do profesor Javier Enjamio


O certame que busca aproximar o mundo da Robótica ao alumnado e á sociedade galega tivo nesta edición unha participación duns 2279 alumnos acompañados duns 120 profesores.
O noso centro participou con 12 alumnos de Tecnoloxía de 4º ESO e 16 de Tecnoloxía Industrial de Bacharelato.
O concurso organízase en torno a desafíos Robóticos cuxa dificultade e puntuación asociada vai aumentando. Nestes desafíos os alumnos deben programar Robots Lego NXT ou a súa versión mais actual EV3, para que empregando a información captada polos sensores vaian superando probas.
Na fase inicial varios grupos de ESO e Bacharelato do noso centro  tiveron puntuacións destacadas, pero solo o grupo formado por Emma Álvarez Conde, Jaime Blanco Vilariño, Bruno Fraga González e Pablo Cambeiro Cardelle superou os puntos necesarios para participar na final.
Na final de Coruña as probas da categoría limitáronse a catro, dunha maior dificultade. Entre os retos da categoría de Bacharelato debía programar o Robot para percorrer un sinxelo labirinto baixo sinais específicas dos diversos sensores, apartar obstáculos por cores, ensinar gráficos ou avanzar describindo un percorrido poligonal cunha cantidade de lados indicada previamente de forma táctil.
As posición finais decidíronse por pequenos detalles dado o alto nivel e a boa actitude de tódolos participantes.
Finalizadas as probas, varios grupos de entre os participantes,  fixeron unha breve demostración-explicación dos desafíos programados. Con esta presentación pecharon unha participación na que amosaron unha ampla variedade de competencias, habilidades e coñecementos necesarios para superar os retos: tecnolóxicos, informáticos,  matemáticos, científicos, de comunicación lingüística e a iniciativa para emprender solucións innovadoras.
Dámoslles os nosos  parabéns aos gañadores e aos demais alumnos do centro que participaron, pola inmellorable actitude e as aportacións  individuais construtivas na coordinación dos distintos grupos.



25 de abril de 2017

Mulleres que fan historia: Marie Curie [2]

En 1894, Marie coñece a Pierre Curie, un físico cunha recoñecida carreira profesional no campo do magnetismo. Entre os seus achados destaca o estudo sobre a perda de propiedades magnéticas das substancias ferromagnéticas unha vez acadan unha determinada temperatura, o punto de Curie. 
Casan en xullo de 1895 nunha sinxela cerimonia. Co agasallo de voda, mercan un par de bicicletas coas que percorren Francia ese mesmo verán.
Os seguintes anos traballarán xuntos no campo da radiactividade, fenómeno descuberto por Henri Bequerel en 1896.


20 de abril de 2017

Finalistas no IX Concurso Galego de Robótica

Boas novas! O equipo de alumnos formado por Emma, Jaime, Bruno e Pablo pasou á final, na categoría de bacharelato, do IX Concurso Galego de Robótica  organizado por  IGACIENCIA e patrocinado pola Fundación Barrié.
O profesor de Tecnoloxía, Javier Enjamio, é o promotor desta actividade dende hai varios cursos. Foi en 2014 cando un grupo de rapaces de ESO acadou a segunda posición.
Noraboa a todos e sorte na fase final do 4 de maio na Coruña.







5 de febreiro de 2017

Mulleres que fan historia: Marie Curie [1]

Xa adiantamos aquí que estamos traballando nun proxecto arredor da fotografía do Congreso Solvay de 1927. Nela só aparece unha muller: Marie Curie. Con esta entrada inauguramos unha sección dedicada a ela, pois en 2017 cúmprese o 150 aniversario do seu nacemento.

Marie Curie (de solteira, Sklodowska) naceu o 7 de novembro de 1867 en Varsovia, cidade baixo o dominio do Imperio Ruso. Filla de pais profesores, foi unha alumna brillante, mais na súa terra non puido, coma todas as mulleres da época, acceder a estudos superiores. Ingresou na Universidade Flotante, unha institución clandestina que si as aceptaba. En 1891 emigrou a Francia onde conseguiu licenciarse en Física e en Matemáticas pola Universidade da Sorbona.

Imaxe www.mariecurie-usa.org/



1 de febreiro de 2017

Ao fío do encontro co grupo de investigación do Reino Protista

  


Por Antía Rodríguez Fernández (1º bach A)

   O venres 25 de novembro, alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato mostraron na biblioteca do centro o traballo que realizaron o curso pasado na clase de Bioloxía coa axuda da profesora Natalia Fernández e que, ademais, presentaron na XVI Reunión do grupo especializado en filoxenia, taxonomía e diversidade da Sociedade Española de Microbioloxía. Este traballo consistiu na investigación de organismos do reino protista en mostras de auga dóce.
   Ao comezo da exposición, un dos alumnos, Óscar, fixo unha breve introdución sobre o traballo e sobre o Reino Protista, citando, por exemplo, a Lynn Margulis e a Teoría da endosimbiose. A seguir, a súa compañeira, Sara, describiu os obxectivos do proxecto, así como o procedemento que empregaron para observar ao microscopio os diversos organismos do Reino Protista que eles mesmos recolleron en diferentes lugares coma charcas, fontes, lagoas…  
   Logo desta introdución ao proxecto, os demais alumnos do grupo de traballo (Sarai, Antía, Laura, José Manuel, Olimpia, Emma e Nerea) profundaron máis en varios grupos do Reino Protista, mostrando con imaxes as súas características principais, entre as que destacan a súa estrutura vista ao o microscopio ou a rapidez dalgúns destes organismos que impedía fotografalos facilmente, fronte á lentitude doutros coma a ameba. Tamén destacaron a capacidade de moitos destes organismos para agruparse en colonias, adoptando diferentes formas, ou a maneira que teñen de reaccionar ante un estímulo, contraéndose de xeito veloz.
   Para concluir a exposición, destacaron o aprendido ao realizar o traballo, que para eles supuxo o descubrimento duns seres dos que estamos rodeados e que son de grande importancia nos ecosistemas. Xa rematando o relatorio, os alumnos e as alumnas que realizaron este traballo non dubidaron en agradecerlle á Sociedade Española de Microbioloxía o feito de contar con eles no congreso ao que asistiron o curso pasado.



1 de xaneiro de 2017

Congreso Solvay - 1927

En outubro de 1927, celebrouse o quinto congreso Solvay. Foron vinte e nove asistentes que para moita xente representan a maior concentración de xenialidade científica da historia.


Fonte: Wikipedia

2017. Ollo ao piollo! Imos tratar de nos infiltrar nela.