25 de maio de 2022

Club de ciencia no Pontiñas

A pesar da choiva, o frío e os exames, os intrépidos e aguerridos membros do Club de Ciencia animáronse a seguir as súas profesoras e o seu profesor de Xeografía e Bioloxía, respectivamente, e estudar algúns detalles sobre o río que forma o Lago do Pontiñas.

Despois de ser recibidos, de maneira clamorosa, polas ocas, descubriron que o nome oficial do leito que forma o lago é Rego de Cabirtas. Algúns xa o sabían. Tamén que as súas augas van ao Asneiro, logo ata o Deza e finalmente acaban, grazas ao Ulla, na Ría de Arousa. O día chuvioso permitiu apreciar a cantidade de sedimentos que arrastra o regato, e as medicións previas da profesora Marta Otero demostráronlles ao resto de asistentes á actividade que, nun día, pode transportar case unha tonelada de residuos sólidos. Marta só tivo que recoller a auga nunha botelliña, fervela para quedar só cos restos sólidos e pesalos. Logo faise o cálculo e xa sabemos como pode ir medrando o delta no que todo iso vai acabar.

Pero a parte pasiva rematou aquí. A partir dese momento o alumnado debía calcular a velocidade das augas do Regato de Cabirtas, antes e despois do lago, para ver se esta modificación no leito do río, produto da man do home, afecta ou non á súa velocidade.
Para a actividade só precisaban uns tapóns de cortiza (porque non pesan), metro, cronómetro e un ganapán para recoller o que tiraran ás augas. A idea era facer tres medicións e calcular a media, pero na parte baixa do regato, o vento e os remuíños da corrente complicaron a tarefa, pois os primeiros tapóns ían río arriba, cal salmóns en época de desove.

Na parte alta, o problema foi outro, a mala conservación da ribeira, inzada de herba alta, e o esvaradío das pedras ameazaron con que algún participante acabase na auga. Por sorte o único que foi dar ao lago foi unha das follas do caderno de campo, iso si, recuperada e entregada ao día seguinte cos cálculos feitos.




Aprender desta maneira resultou entretido e divertido. Pero no Pontiñas tamén hai un parque de xogos, e non se podía desaproveitar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario