10 de novembro de 2022

Visita ao CiMus

 Este martes 8 de abril, o alumnado de 2º do Bacharelato STEM visitou o CIMUS acompañado da súa profesora Natalia Fernández, quen nos deixa a súa crónica do día: 

"Nesta xornada exerceu de anfitrioa Cristina Iglesias, antiga alumna do IES Aller Ulloa, e actualmente bióloga e investigadora neste centro da USC, punteiro a nivel mundial. Cristina amosounos o laboratorio e explicounos o proxecto no que están traballando ela e o equipo de "Metabolismo Molecular" do que forma parte. Contounos como traballan no grupo "Liver team" estudando os cambios metabólicos en hepatocitos de ratas sometidas a dietas con diferentes proporcións de graxa e como inflúe no metabolismo da obesidade, e que fan no grupo "Brain Team" estudando no hipotálamo de ratos e ratas, unhas células da Glía chamadas Tanicitos, que tapizan o terceiro ventrículo encefálico e de grande importancia, posto que ademais de revestir as súas paredes emiten unhas prolongacións cara ás neuronas hipotalámicas e parece que interveñen en importantes procesos metabólicos, ademais de ter capacidade neuroxénica.

Tamén nos amosou como manipulan xeneticamente os tanicitos mediante Esterotaxia, un procedemento mediante o que inxectan virus con ARN nas células do hipotálamo dos ratiños para inhibir a expresión xénica das proteínas.

Vimos as salas de cultivos, a sala de crioxenia onde manteñen as liñas celulares dos diferentes proxectos de investigación do CiMus en N líquido a -170º, microscopios de fluorescencia e moitas cousas máis que non conto para non abrumar.

Como me enorgullece e alegra ver que os meus antigos alumnos e alumnas se abren camiño e fan cousas tan importantes para a sociedade!!"

Achegámosvos o enlace á información que hoxe ofrece La Voz de Galicia sobre a actividade.




Ningún comentario:

Publicar un comentario