25 de maio de 2022

Club de ciencia no Pontiñas

A pesar da choiva, o frío e os exames, os intrépidos e aguerridos membros do Club de Ciencia animáronse a seguir as súas profesoras e o seu profesor de Xeografía e Bioloxía, respectivamente, e estudar algúns detalles sobre o río que forma o Lago do Pontiñas.

Despois de ser recibidos, de maneira clamorosa, polas ocas, descubriron que o nome oficial do leito que forma o lago é Rego de Cabirtas. Algúns xa o sabían. Tamén que as súas augas van ao Asneiro, logo ata o Deza e finalmente acaban, grazas ao Ulla, na Ría de Arousa. O día chuvioso permitiu apreciar a cantidade de sedimentos que arrastra o regato, e as medicións previas da profesora Marta Otero demostráronlles ao resto de asistentes á actividade que, nun día, pode transportar case unha tonelada de residuos sólidos. Marta só tivo que recoller a auga nunha botelliña, fervela para quedar só cos restos sólidos e pesalos. Logo faise o cálculo e xa sabemos como pode ir medrando o delta no que todo iso vai acabar.

Pero a parte pasiva rematou aquí. A partir dese momento o alumnado debía calcular a velocidade das augas do Regato de Cabirtas, antes e despois do lago, para ver se esta modificación no leito do río, produto da man do home, afecta ou non á súa velocidade.
Para a actividade só precisaban uns tapóns de cortiza (porque non pesan), metro, cronómetro e un ganapán para recoller o que tiraran ás augas. A idea era facer tres medicións e calcular a media, pero na parte baixa do regato, o vento e os remuíños da corrente complicaron a tarefa, pois os primeiros tapóns ían río arriba, cal salmóns en época de desove.

Na parte alta, o problema foi outro, a mala conservación da ribeira, inzada de herba alta, e o esvaradío das pedras ameazaron con que algún participante acabase na auga. Por sorte o único que foi dar ao lago foi unha das follas do caderno de campo, iso si, recuperada e entregada ao día seguinte cos cálculos feitos.




Aprender desta maneira resultou entretido e divertido. Pero no Pontiñas tamén hai un parque de xogos, e non se podía desaproveitar.



29 de abril de 2022

Ao fío do Encontro con Juan Gestal Otero

Organizado e coordinado polas profesoras Alba Payo de Xeografía e Historia e Ana Penas de Bioloxía, o pasado 6 de marzo tivo lugar un Encontro con Juan Gestal Otero arredor da Historia das pandemias perante o alumnado de 4º da ESO de Cultura científica.

O profesor Juan Jesús Gestal ofreceu ao alumnado de Cultura Científica de 4º da ESO unha soberbia conferencia sobre un dos acontecementos históricos que deixará pegada na experiencia vital de todos nós: a COVID 19.
O profesor debullou a evolución do virus dende a súa aparición hai xa dous anos en Wuhan ata as últimas novidades en canto a medidas e coñecemento científico deste coronavirus. E case máis importante, desmentiu trolas que circulan polas redes sociais e teorías conspiracionistas.
Para o noso acougo, e aínda que dixo non ter unha bóla de cristial, augura unha normalización da vida cotiá máis cedo que tarde, debido por un lado á inmunidade que nos ofrecen as vacinas e por outro á maior capacidade de contaxio da variante ómicron que xerou inmunidade de xeito natural a aquelas persoas que contraeron a enfermidade.
Aínda que OLLO! “O virus xa nos enganou dúas veces” pero desta volta é máis optimista, o tempo é un aliado e a circulación doutros virus respiratorios unha boa nova.
Alba Payo Froiz, profesora de Historia






E antes de marchar de volta á USC aínda tivo tempo de dedicarnos a súa última publicación, Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, publicado por Bolanda.


E ao fío do Encontro con Juan Gestal non está de máis botarlle unha tranquila ollada ao libro Pandemias, froito da Exposición Pandemias, proxecto desenvolvido o curso anterior. 

 

25 de febreiro de 2022

Noelia Seijas: Premio Extraordinario de Odontoloxía


De novo estamos que non nos cabe a autoestima, e é que unha vez máis alumnado de noso vén de sobresaír, neste caso referímonos a Noelia Seijas Otero, Premio Extraordinario de Grao de Odontoloxía, e con que satisfacción recibimos estas novas que nos animan a seguir no noso labor docente.
Mágoa que non se poida acceder libremente á entrevista concedida por Noelia a Faro de Vigo, o que non estaría de máis de cara a divulgar a mesma entre a comunidade educativa.
Moreas de parabéns Noelia.
 
Foto: Faro de Vigo / Xoán Álvarez

 E non podía faltar a foto de Noelia de 2º do Bacharelato do curso 2013-2014:

Copyright : IES Aller Ulloa



Sofía Haselgruber, máxima nota no MIR-2022


A noticia é esa, e así a recollen a revista Redacción Médica (cunha entrevista) e La Voz de Galicia. A lembranza e o orgullo chegan pois da man.

Sofía chegou ao IES Aller Ulloa no 2009, dentro dunha promoción da que algúns só temos recordos imborrables. Algún que outro xa pasou por estas páxinas e seguro que todos deberían estar, por varias e boas razóns. E aquí están... 

A foto de Sofía collémola de La Voz, pero a foto de Sofía da xente coa que compartiiu os seus anos no instituto vén directamente da memoria. 12 anos tería(n), 12 anos pasaron. O sorriso fíxose máis grande, e iso emociona. 

O éxito pola intelixencia posta ao servizo do esforzo é unha aprendizaxe de moitos anos. Esta foto de aquí abaixo recolle, quizais, uns comezos; a foto de arriba unha etapa máis cara ao que só agardamos que sexa o mellor do mellor. Parabéns, Sofía.

Sofía, a primeira á esquerda
 
Unha vez máis congratulámonos do bo facer formativo e profesional da nosa xente e neste caso todos os parabéns son para Sofía Haselgruber, nº 1 do MIR 2022.
A seguir a Sofía de 2º do Bacharelato do curso 2014-2015:
 
Copyright IES Aller Ulloa