Por Natalia Fernández, Profesora de Bioloxía
O mércores 2 de febreiro, o alumnado STEM de 2º do Bacharelato desprazouse ata os laboratorios de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía da USC, para levar a cabo unha práctica con bacteriófagos, os virus que infectan as bacterias.
Tras rematar a actividade, pasearon polo Campus Sur, achegándose ata o Observatorio Astronómico da USC que, ao igual que o noso centro, leva o nome do astrónomo de Lalín, Ramón Mª Aller Ulloa,
Despois de xantar visitaron o Museo de Historia Natural da USC Luis Iglesias, onde puideron apreciar, entre outras moitas cousas, a magnífica colección de minerais e rochas que alí se expón, así como os modelos cristalográficos de madeira que pertenceron ao matemático de Bermés, Xosé Rodríguez González.
Ao fío da visita, dous dos alumnos do STEM achegáronnos a seguinte reflexión:
"A actividade resultou moi interesante ao non poder facer uso no laboratorio do noso instituto destas técnicas coas que puidemos observar a actuación de bacteriófagos en disolucións con bacterias. Ao mesmo tempo, puidémonos facer unha idea aproximada do que é a vida na Universidade, e ata accedemos ao interior dos edificios das Facultades de Bioloxía e Medicina"
Marta García e Adrián Llinares, 2º Bac. A
Ningún comentario:
Publicar un comentario