4 de marzo de 2019

Con B de ciencia (7) : Cara o cruz.



A representación de personalidades, caracteres, vicios e virtudes en forma de animais xa está presente nos primeiros relatos que lembramos. Na BD resúltanos especialmente familiar, desde Donald ata Maus, desde a Pantera Rosa a Blacksad...

Ese é o recurso ao que acode Lou Lubie en Goupil ou face (na tradución pérdese o xogo de palabras) e, como tantas veces, emprégao para dulcificar e mesmo -vaia paradoxo!- humanizar comportamentos ou episodios terribles. Neste caso, o que atopamos é parte da personalidade escindida da protagonista, a "parte escura", transformada nun raposo cunha extrordinaria capacidade de mutación e de sedución. Lou ten que descubrir ese fuxidío raposo (que pouca axuda lle prestan os psico-profesionais!) e, unha vez localizado, iniciar unha longa batalla que, ante a imposibilidade de  sucumbir un dos contendentes sen que o faga o outro, terán que resolver mediante un acordo.

Como facernos entender unha enfermidade mental? Como introducirnos nese mundo tan complexo e abstracto dos transtornos bipolares, ciclotimia e psico-cerellos  varios, sen vanalizar nin crear alarmismos?

Lou Lubie dános as respostas. Conségueo desde o recurso do raposo nunha narración conducida polo ton biográfico-confesional. Nela é quen de crear -a través do humor- unha sutil distancia entre nós e os momentos máis angustiosos e de proporcionarnos, moi ben dosificada, valiosa información científica, tanto a través da trama como dos atractivos esquemas e diagramas que, a xeito de digresións, incrusta na narrativa gráfica.

En definitiva, Cara o cruz: conviviendo con un transtorno mental  logra, con sobresaliente, ese difícil equilibrio entre narración / ficción, por un lado, e información / documentación por outra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario