27 de novembro de 2018

O universo dos plásticos. XXXI Congreso ENCIGA [2]





"O termo “plástico” abarca unha serie de materiais sintéticos e semisintéticos que se utilizan para innumerables aplicacións. Miramos ao noso arredor e vemos plástico. Encontramos plástico nos envases, na roupa, nos coches, nos móbiles, nos dispositivos médicos, etc.
Os plásticos son materiais orgánicos, como o algodón, a la, a madeira ou o papel. Obtéñense por un proceso de polimerización a partir de materias primas naturais como o petróleo, o carbón, o sal ou a celulosa, entre outras.
O plástico pódese moldear durante a súa fabricación, o que permite fundilo, prensalo ou extrusionalo para obter diferentes formas, como fibras, tubos, láminas, placas, botellas, caixas, etc. Porén, a diferenza doutros residuos, os plásticos non se descompoñen nin podrecen coa auga, polo que permanecen nos vertedoiros durante centos de anos sen desaparecer. Por este motivo, a eliminación dos residuos plásticos ten que pasar por solucións como a reciclaxe para fabricar novos obxectos, para xerar electricidade ou para obter combustibles.
O primeiro gran reto é a súa recollida selectiva, é dicir, que os separemos do resto do lixo e os depositemos no contedor axeitado. Isto require a colaboración de todos, porque este primeiro paso é imprescindible.

A exposición que presentamos neste XXXI Congreso de ENCIGA consta dunha serie de carteis, que se elaboraron en 2015 no marco das actividades do proxecto Toc Toca Ciencia, nos que se abordan, de xeito moi sinxelo, distintos aspectos relacionados cos plásticos:
  •  Importancia dos plásticos como substitutos doutros materiais utilizados ata a súa aparición.
  •  Que son, e de que materias primas derivan.
  • Como se obteñen mediante un proceso de polimerización.
  •  Propiedades que os fan idóneos para moitos dos seus usos.
  • Aditivos que se utilizan na súa fabricación e que modifican as súas propiedades, o que permite obter os máis variados obxectos.
  • Os plásticos e o medio ambiente: a súa toxicidade e as dificultades para a súa eliminación natural e para a súa reciclaxe.
  • Os tres “R” para os plásticos.
  • Formas de reciclaxe.
  • Tipos de plásticos e clasificación dos mesmos.
  •  Termoplásticos e os seus usos.
  •  Termoestables máis comúns e os seus usos.
  • Os elastómeros.
  • Os bioplásticos como alternativa aos plásticos de uso na actualidade.
Expóñense, ademais, os mais variados obxectos clasificados en función do tipo de plástico que os compoñen dende bolsas e recipientes, ata prendas de roupa, CDs, gafas ou utensilios de cociña".

Boletín das Ciencias,86, 25. Vilas Iglesias, Eva María



Ningún comentario:

Publicar un comentario