Amedeo Balbi e Rossano Piccioni relátannos, con ingredientes de novela de misterio, o descubrimento do
Big Bang. O grande enigma é a orixe do universo, o detective que
debe resolvelo será a comunidade científica. Nesta, atoparemos quen
procura e recaba datos e quen elabora hipóteses e teorías. No
momento en que uns e outras encaixen, o misterio quedará resolto.
Así
é que, por un lado, Cosmicómic preséntanos a Penzias
e Wilson medindo un ruído de fondo que inunda o universo, para o que
non atopan explicación; igual que non lla atopa Hubble á
conclusión que lle ofrecen as súas medicións: aparentemente, as
galaxias estanse afastando da terra. Por outra, encontramos a
Friedman, Lamaître ou Gamow. Estes formulan hipóteses ("o
universo expándese e, se é así, tivo que haber un momento en que a
distancia entre todos os seus puntos debeu ser nula"), pero
carecen de datos con que demostralas. Tamén coñecemos a Hoyle, Bondi e Gold,
que idean un espazo estacionario. E, por suposto, a Einstein, empeñado nun
universo estático, pero capaz de rectificar despois.
A
BD, que se estende durante medio século, desenvólvese -tanto no
aspecto "literario", como grafico- nun relato sobrio e
fluído, ameno e preciso. A limpeza da narración e a claridade con
que expón os conceptos científicos fai que case non advirtamos a
cantidade e a dificultade de comprensión dos mesmos, polo que cada
nova lectura representa unha lectura máis avanzada, máis complexa e máis rica que a anterior.
O
desenlace xa o coñecedes: o ruído non era ruído, era un sinal, un
sinal "que non proviña dunha fonte concreta senón de todo o
espazo. O universo estivera a unha temperatura moi alta tras o Big Bang, e despois expandírase e arrefriara durante miles de millóns
de anos" (p. 110, trad.). Sen quereren, Penzias e Wilson
mediran o que restaba daquela calor inicial, descubriran o máis
antigo de todos os fósiles. A teoría do Big Bang botou corpo.
(Xa sabedes, na Marela BD, varias ligazóns sobre a obra)
Ningún comentario:
Publicar un comentario