24 de abril de 2015

Pa-ciencia: a novena gota (píngole, píngole).

Tan pronto vin a noticia, sentín un impulso de traela a este blogue. Tan pronto como comecei esta entrada, decidín parala. Tanta présa mesmo semellaba unha traizón. Así que decidín esperar un ano: é a miña homenaxe á paciencia da ciencia.

A certa visión romántica de que tras os grandes descubrimentos científicos está o azar ou a sorte, súmase hoxe a presentación, por parte dos medios, da ciencia como espectáculo. Non é cousa de lamentalo: unha e outra axudan a divulgar a ciencia, a facela visible en códigos atractivos para non iniciados. Así e todo, non nos debe ocultar a realidade de que a ciencia require investimentos económicos (os éxitos nos saen do sombreiro máxico) e de longas e anodinas xornadas, longos e aburridos ensaios, e moita constancia, perseverancia, paciencia...

Por iso, o experimento iniciado por Thomas Pawell (alá polo 1927, na Universidade de Queensland, Australia) paréceme unha perfecta parábola da pa-ciencia.

Para mostrar que existen substancias de apariencia sólida que, en realidade, son líquidas, Pawell deseñou un funil especial no que dispuxo unha porción de betume ou brea, un líquido extraordinariamente viscoso: 100 mil millóns de veces máis viscoso que a auga! Tras cerrar a parte inferior do funil, esperou tres anos para abrila. A primeira pinga caeu en 1938. A esta sucedérona outras en 1947, 1954, 1962, 1970, 1977, 1988 e 2000.
O experimento segue (é o experimento en curso máis prolongado do mundo)  e a última gota caiu hoxe... hai un ano, que tan pouco queriamos apurarnos.



Claro que non sei se aquela enigmática adiviña que tanto me aguilloaba na infancia terá algo que ver con todo isto:
Píngole, píngole estaba pingando,

míngole, míngole estaba miando.

Se píngole, píngole non pingara,

míngole, míngole non miara.

Por non falar xa daqueloutra versión:
Píngole, píngole estaba pingando,

fúngale , fúngale estaba fungando.

Se píngole, píngole non pingara,

fúngale , fúngale non fungara.





Ningún comentario:

Publicar un comentario