5 de marzo de 2015

Campus científico de verán

Realizouse a convocatoria 2015 do Campus científico de verán para estudantes de 4º ESO e 1º BAC. Carlos Meixide, que acudiu o ano pasado, relátanos a súa experiencia e anímavos a participar.

Universidade Carlos III de Madrid: deseño e construción de microrrobots, do 6 ao 12 de xullo de 2014.
Por Carlos Meixide
“Se soubese o que estou facendo, non lle chamaría investigación, verdade?”, dixo Einstein. E a verdade é que no fondo non erra en que ninguén dos que chegabamos dende lonxe, cansados de parar nunha chea de estacións para baixar, correr para non perder o metro turrando pola maleta na que nosos pais nos meteron un mundo, equivocarse, perdelo e toda unha sorte de adversidades das que un despois se sente orgulloso e gusta de narrar; por moito que presumiramos de marchar de viaxe, non  faciamos nin a máis mínima idea de que ía aquilo e das continxencias que podía supoñer. Con todo, este ambiguo escepticismo ao que nos viamos sometidos ao darnos a man conforme iamos chegando á residencia e dicindo o noso nome en voz baixiña ía minguando a medida que nos decatabamos de que non estabamos tratando coas estrañas persoas pouco faladoras e insulsos científicos a pé fixo que todos nos imaxinabamos de camiño a Madrid. Acaeceu o oposto, se eramos todos iguais! Ao relegarmos o medo á diversión, todo se normalizou e a primeira noite xa se oíron principios dun barullo festeiro- sempre eutrapélico- nos cuartos.



Secomasí, chegou o primeiro día e con el a escisión do grupo en cadanseus departamentos que tiñamos asignados. Foi todo un pracer e unha honra pasar esas mañás compartindo longas conversas cos catedráticos de automática, electrónica e informática. Revivir vellos tempos de programación en C, posta en funcionamento de humanoides, robótica aplicada á astrofísica, simulación Java de estruturas robóticas, matemáticas discretas, manipulación de impresoras 3D... Sobra enumerar todas as áreas do saber tecnolóxico a cuxas fiestras nos asomamos de xeito vago e tímido. Pracer é ver como o pequeno skybot move unha roda tras horas e horas de variables, operadores e estruturas flotantes.
Así a todo, despois de xantar o rigor científico semellaba desaparecer para dar paso a aqueles partidos de fútbol e volei baixo o espléndido sol do serán ou, de cando en vez, non se lle facía excepción a un bo partido de waterpolo. Mesmo facer o pallaso semellaba ser para nós unha descarga contra o rigor ao que nos sometía a ciencia polas mañás.
Pasaron os días e a conferencia televisiva achegábase. Pero a tarefa ardua e máis complexa era a despedida, intre que pouco a pouco socabava as nosas morais.
En suma, debémonos liberar de todos os falsos atisbos sobre as decisións de viaxar sós e coñecer sitios, ámbitos e xente completamente estupenda que, dun xeito ou outro, fai que este tipo de experiencias deixen unha pegada nas vidas das persoas.
A conclusión é sinxela: ánimo, a ciencia non se fai soa! Poder experimentar sen consecuencias as rutinas daquelas personaxes grazas ás que hoxe en día existe o transistor, se sabe da existencia do ADN ou mesmo é posíbel poñer ao home na lúa é máis que un perfecto agasallo.
Accede aquí toda a información da convocatoria de 2015. Prazo de presentación das solicitudes ata o 20 de marzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario