Amosando publicacións coa etiqueta Toc-Toca Física. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toc-Toca Física. Amosar todas as publicacións

25 de novembro de 2018

Astronomía na aula. XXXI Congreso ENCIGA [1]

O XXXI congreso de ENCIGA animounos a compartir algunhas das actividades e exposicións que fomos confeccionando desde que puxemos a andar o Toc-toc. Irémolas lembrando estes días, acompañadas do texto publicado no programa do Congreso.
Polo demais, o noso agradecemento a todos os participantes, relatores e conferenciantes, á dirección de ENCIGA e a Paulino, o seu presidente. Para as compañeiras que toman o relevo: moitos ánimos.







" A Axencia Espacial Europea, a través de ESA Education, ofrece numerosos recursos e diversas actividades de formación para profesorado de primaria e de secundaria, cos que pretende achegar a astronomía e a investigación espacial ás aulas. 

Tras participar no ESA Summer Teachers Workshop de 2015 xurdiu a idea – xa compartida no XXVIII congreso ENCIGA celebrado en Sarria -  de realizar este proxecto co alumnado da materia de Cultura Científica de 1º de bacharelato no curso 2015/2016  no marco das actividades do 50 cabodano de don Ramón Aller.
Nesta exposición resúmense os dous traballos realizados: modelo dun sistema binario e  demostración experimental da segunda lei de Kepler. Ambos os proxectos consistiron nunha pequena demostración experimental que serviu de pretexto para realizar unha indagación na Internet e en bibliografía especializada, así como para elaborar vídeos con Camtasia Studio e pósters en formato dixital co software Open Office Draw. Incidiuse na importancia de citar as fontes empregadas así como a autoría das imaxes.
Empregáronse aproximadamente dez sesións de clase, dúas para o traballo experimental e oito para a busca de información e elaboración de materiais. Dado que as sesións se impartiron no laboratorio e na aula de informática, a avaliación do proxecto, que resultou moi satisfactoria, puido realizarse ao longo de todo proceso".
Boletín das Ciencias,86, 23. Reboiro López, Ana

3 de xaneiro de 2018

Toc - toca: maqueta do sistema solar

O alumnado de Cultura Científica de 4º de ESO, xunto coa súa profesora Verónica Peña, estivo traballando no primeiro trimestre na temática do universo, a súa orixe e evolución, os misterios da materia escura e da enerxía escura e, en particular, o sistema solar.
No noso recanto do toc-toc expuxemos a maqueta que construiron no laboratorio e mais o material de divulgación do Instituto de Física Teórica da UAM, que xa empregaramos hai tres cursos na exposición Materia vs Antimateria.
Velaquí unas fotos:






20 de outubro de 2017

Congreso Solvay: 28 mulleres e un home

Tras case un curso de construción e ensaios, o mércores 11 de outubro estreamos a montaxe  Mulleres que fan historia: Marie Sklodowska Curie.
Neste proxecto participaron arredor de corenta persoas e o resultado non puido ser máis satisfactorio.
Desde aquí queremos dar os nosos parabéns a todos e a todas, especialmente aos actores principais Lorenzo e Rosa.
Teatralización, presentación de diapositivas, historia(s), interpretación de músicas dos anos vinte, danza e entusiasmos diversos foron tecendo a biografía de Marie Curie ao longo de cincuenta curtos minutos.

Velaquí, unha brevísima reportaxe fotográfica:

Ao fondo, a nosa interpretación do 5º congreso Solvay: 28 mozas e un mozo, na maior concentración de xenialidades da historia. No primeiro plano, Rosa.

Marie Curie, interpretada por Lorenzo, acompáñounos no percorrido pola súa biografía.

Einstein tivo o seu momento e mesmo nos mostrou, a través do violín de Nerea, que era un apaixonado violinista.

Profesorado e alumnado do III Liceum de Zielona Gora (Polonia) que participan  nun intercambio connosco, compartiron espectación con 1º de BAC.

Aquí o programa do evento e unha sinopse da obra:


E aquí a presentación que acompañou á representación teatral:


Dirección e guion: Ana Reboiro
Presentación con diapositivas: Verónica Peña
Organización do concerto: Almudena Mosquera

19 de outubro de 2017

Recanto TOC-TOC para o Congreso Solvay



No recanto Toc-toc_A Ciencia, podemos visitar a exposición documental que forma parte da nosa conmemoración do nonaxésimo aniversario do Quinto congreso Solvay e o 150º do nacemento de Marie Curie (1867-1934).






10 de outubro de 2017

Teatro e música arredor de Marie Curie

O mércores 11 poderemos seguir un breve percorrido biográfico de Marie Curie. Teatro, música e a foto do Quinto Congreso Solvay..., estrea mundial no salón de actos ás 12:15.

25 de abril de 2017

Mulleres que fan historia: Marie Curie [2]

En 1894, Marie coñece a Pierre Curie, un físico cunha recoñecida carreira profesional no campo do magnetismo. Entre os seus achados destaca o estudo sobre a perda de propiedades magnéticas das substancias ferromagnéticas unha vez acadan unha determinada temperatura, o punto de Curie. 
Casan en xullo de 1895 nunha sinxela cerimonia. Co agasallo de voda, mercan un par de bicicletas coas que percorren Francia ese mesmo verán.
Os seguintes anos traballarán xuntos no campo da radiactividade, fenómeno descuberto por Henri Bequerel en 1896.


5 de febreiro de 2017

Mulleres que fan historia: Marie Curie [1]

Xa adiantamos aquí que estamos traballando nun proxecto arredor da fotografía do Congreso Solvay de 1927. Nela só aparece unha muller: Marie Curie. Con esta entrada inauguramos unha sección dedicada a ela, pois en 2017 cúmprese o 150 aniversario do seu nacemento.

Marie Curie (de solteira, Sklodowska) naceu o 7 de novembro de 1867 en Varsovia, cidade baixo o dominio do Imperio Ruso. Filla de pais profesores, foi unha alumna brillante, mais na súa terra non puido, coma todas as mulleres da época, acceder a estudos superiores. Ingresou na Universidade Flotante, unha institución clandestina que si as aceptaba. En 1891 emigrou a Francia onde conseguiu licenciarse en Física e en Matemáticas pola Universidade da Sorbona.

Imaxe www.mariecurie-usa.org/



9 de xuño de 2016

Astronomía na aula (II) : comprobación da segunda lei de Kepler

Neste proxecto, tamén realizado polo alumnado de Cultura Científica, comprobamos experimentalmente a segunda lei de Kepler, indagamos sobre os cometas (a súa órbita, a composición,…) e sobre a Misión Rosetta da ESA.
O material didáctico que empregamos como apoio, pódese descargar aquí.
O resultado de todo traballo realizado resúmese neste vídeo...
 

...e mais nestes carteis.

6 de xuño de 2016

Astronomía na aula (I): estudo dos sistemas binarios

Presentámosvos aquí outro dos proxectos realizados na materia de Cultura Científica arredor da astronomía. Empregouse como guía o material didáctico do ESA Summer Teachers Workshop 2015, que se pode descargar aquí no seu formato orixinal.
O alumnado construiu na aula un modelo dun sistema binario - dous obxectos astronómicos ligados pola forza gravitatoria - e realizou unha indagación na Internet sobre asteroides, planetas e estrelas dobres.
 
O resultado podédelo ver resumido neste vídeo…


… e nestes carteis en formato A3, que tamén podedes consultar no recanto do Toc Toc.

31 de maio de 2016

Proxecto Equinoccio

Os alumnos de Cultura Científica de 1º de bacharelato estiveron traballando na clase, dende o primeiro trimestre, en pequenos proxectos relacionados coa astronomía.

Como sabedes, en 2016 conmemoramos o 50 aniversario do pasamento de D. Ramón Aller Ulloa, o astrónomo lalinense que dá nome ao noso centro e do que podedes visitar estes días a exposición que temos montada na entrada do instituto.

Móstrovos aquí un dos traballos realizados, o Proxecto Equinoccio, impulsado por Kevin Martz, profesor de física en Montgomery (EEUU). El e mais o resto de participantes son alumnos e profesores de varias escolas de catro continentes que tiven a oportunidade de coñecer no High School Programme do CERN en 2014.

Nesta presentación podedes consultar o procedemento que seguimos...


...e aquí algunha fotografía.







2 de maio de 2015

Toc - toca: 2015 Ano Internacional da Luz

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2015 como o Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz. Non é casualidade que se escollese precisamente este ano. E a razón non é outra máis que a conmemoración de diversos aniversarios: os traballos no campo da óptica realizados en 1015 por Ibn Al-Haytham, a  natureza ondulatoria da luz proposta por Fresnel en 1815, o 150 aniversario da síntese electromagnética de Maxwell, o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein e as achegas de Charles Khao en 1965 sobre o emprego da fibra óptica nas comunicacións. 
Estanse a realizar actividades de divulgación en todo o mundo, e en Galicia en particular, coa finalidade de achegar á sociedade a importancia da luz a as súas tecnoloxías na vida diaria e fomentar vocacións científicas.
No noso instituto quixemos contribuír tamén cunha actividade conxunta a cargo dos departamentos científico tecnolóxicos dentro da liña Toc Toc a Ciencia. Velaquí tedes unhas fotos do traballo realizado.

No centro o trío:


[Notaredes que Don Albert ten un cadro a maiores. Tratase da reprodución da obra de Míra Szabotin, alumna do ELTE Apáczai Csere János Gyakorlógimnazium de Budapest, que nola envía a través do seu profesor, István Basa].

Á dereita, gañadores e finalistas do noso concurso de fotos científicas e textos e, virando un pouco máis, as mellores imaxes do Hubble, segundo The Guardian, cos textos de   traducidos do inglés pola nosa xente de 2º de BAC B, cos carteis explicativos do funcionamento dun telescopio.





[O telescopio, aí do medio, non é o Hubble: é o noso... e querémoslle]
Á esquerda atopamos uns carteis co fundamento teórico dun láser, un resumo dalgunhas das súas aplicacións prácticas e un proxecto, realizado polo alumnado de 4ºA na aula de tecnoloxía, que consiste na transmisión de son na luz do láser.
Á dereita, un estudo comparativo dos distintos tipos de lámpadas do mercado en canto a consumo enerxético e luminosidade ofrecida. Podedes comprobalo vós mesmos prendendo o interruptor.




[Un dos nosos alumnos consultando por que teñen esas cores tan vistosas os fogos de artificio e como se pode medir a velocidade dunha onda electromagnética. Isto tentámolo na clase de física de 2º de bacharelato e... saiu á segunda ou á teceira, iso si, deixamos un cheiro a regalicia queimada para os que viñeron despois.]

Un chisco máis alá, no recanto, os microscopios ópticos, os carteis que explican o seu funcionamento, varias mostras para observar con eles e un modelo anatómico do ollo humano, co seu correspondente cartel para recordar o mecanismo da visión e a percepción das cores.




De momento non hai máis aínda que o ano é longo e se cadra, antes de que remate, argallamos outra cousa. 

Engadimos (8-5-2015), o custionario-guía elaborado polo alumnado de PDC:


22 de xaneiro de 2015

Toc - toca: Exposición "Materia vs antimateria"

Comenzamos o ano coas novas actividades do Toc Toca Ciencia, o proxecto no que todos os departamentos de ciencias veñen traballando dende hai dous cursos.

O asunto que escollemos esta vez, presente no filme de ciencia-ficción Star Trek e na novela de Dan Brown Anxos e demos, é A Antimateria. Para responder algunhas das preguntas que nos veñen á mente cando escoitamos esta palabra (que é e para que serve?, por que desapareceu do universo actual?, fabrícase no laboratorio?,  onde se fabrica?,...) podemos botarlle un ollo a esta curta documental premiada no II Concurso de Divulgación do CPAN...
 


... e mais á exposición que temos diante da biblioteca, na que empregamos material de divulgación do Instituto de Física Teórica da Universidade Autónoma de Madrid e carteis de elaboración propia en galego e inglés.

Acompañamos a exposición, como é costume, dunha guía didáctica con algunha suxestión por se vos interesa o tema e dunha pequena selección de libros e novelas gráficas da nosa biblioteca.







13 de xuño de 2014

Toc - toca: xincana biográfica

Estes días, e ata final de curso, temos espallados polo insituto pequenos carteis con biografías de científicos e científicas de todos os campos, dende Química, Bioquímica e Matemáticas ata Tecnoloxía, Física ou Informática. O material foi elaborado por membros dos departamentos científico-tecnolóxicos e o resultado podédelo consultar nesta presentación:


Xincana_fichas_biograficas from marelatarabela


Acompañamos a exposición, como ven sendo habitual, dunha mostra bibliográfica con fondos da nosa biblioteca e da colección Los 40 imprescinbles de la ciencia,  que imprimimos en tamaño A3 para ser lida no noso xa famoso "superatril".  











9 de abril de 2014

Toc - toca: propiedades dos líquidos

Un grupo de estudantes de 4º de ESO realizou un pequeno proxecto de investigación no laboratorio sobre varias propiedades físicas dos líquidos. Tiveron algún que outro atranco na fase experimental e nas gravacións dos vídeos. O tempo non deu para máis, pero o resultado foi bastante xeitoso. 
 
Aquí tedes un resumo de todo o realizado. Colaboraron nas explicacións e demostracións María, Sara, Noelia, Alex e Diego. Na cámara Nuria. 
 
Propiedades dos líquidos from marelatarabela


27 de xaneiro de 2014

Toc-toca : Exposición "Desde o Big Bang ao LHC"


A idea de facermos unha exposición sobre o CERN e o LHC xa vén de vello. O curso pasado tivemos un tímido contacto co tema en forma de recomendación. 

Nesta ocasión, aproveitamos os recursos educativos que ofrece o propio CERN nas súas páxinas de educación, para prepararmos unha exposición. Para iso contamos coa axuda do alumnado de 2º de bacharelato B e do Departamento de Inglés. E que terán que ver os de inglés neste asunto? Pois bastante, xa que os paneis que empregamos estaban escritos neste idioma e mais en francés. Así que, para facervos máis sinxela a lectura, realizaron un traballo de tradución ao galego que non estivo nada mal.



Acompañamos os paneis, como é costume, dun tríptico cuestionario ...


... dun pequeno video que se proxectou na bufarra da marela e dunha selección vídeo-bibliográfica con fondos da biblioteca
Ao mesmo tempo fixemos unha impresión "xigante" de Alice y la sopa de quarks y gluones, para que puidese ser lido no noso "super-atril":

 
Como complemento a esta actividade, Manuel Caamaño deu unha charla para o alumnado de bacharelato sobre as aplicacións da Física Nuclear. Os detalles nesta entrada.

Con isto damos por iniciadas as actividades do proxecto Toc Toca Ciencia. Xa sabedes, de aquí a xuño cada semana un toque de ciencia.

6 de xuño de 2013

Toc-toca: música con vasos de auga

Gonzalo Otero de 4º e
Nicolás Varela de 1º de Bach 
Xa está rematando o curso e para festexalo aquí vos deixo un pouco de música, froito do proxecto conxunto entre os departamentos de Física e de Música.
Unha pequena presentación introdúcenos os conceptos básicos de ondas e, cunhas breves indicacións, saberemos como construír un instrumento musical con vasos de auga.
Nos videos, os alumnos do bacharelato musical Martín Falero e Brais Pérez e a profe Almudena interprétannos dúas pezas. A primeira é unha versión do tema Summertime de Gershwin e a segunda, unha melodía composta por eles mesmos.






3 de maio de 2013

Toc-toca: efectos da presión atmosférica

Tocou esta semana facer uns experimentos para pór de manifesto o efecto que produce a atmosfera sobre nós.
Parece que aquilo de que o ovo cocido sexa succionado por unha botella causa sensación...
Aquí tedes unha presentación coa explicación dos fenómenos.

ENCHER CON AUGA UN VASO BOCA ABAIXO




COMO INTRODUCIR UN OVO NUNHA BOTELLA