18 de xuño de 2021

Obradoiro sobre sexualidade e prevención de ETS

Ao longo da semana, as profesoras Raquel Honrubia e Lara Rodríguez impartiron a alumnado de 1º da ESO e de 4º da ESO un Obradoiro sobre sexualidade e prevención de ETS

Ao fío do Obradoiro, Raquel e Lara reflexionan sobre a actividade: 
“As ETS, a menstruación, a anatomía dos aparatos reprodutores, así como dos órganos sexuais, os métodos anticonceptivos, a influencia da pornografía na concepción das relacións sexuais, os estereotipos xerados arredor do sexo, o concepto de “virxindade”, a importancia da comunicación e do coñecemento do propio corpo…; estes foron algúns dos temas tratados nestes obradoiros tan necesarios para a mocidade. Nestas sesións puxéronse en común preocupacións, dúbidas e curiosidades, nas que se tentou non só dar e compartir información senón tamén abrir camiño de cara á normalización da sexualidade e a desestigmatización do pracer”. 
“Foi unha experiencia do máis produtiva e enriquecedora, que obtivo unha boa acollida por parte do alumnado, sempre disposto a aprender, opinar e compartir as súas reflexións e dúbidas. Dende logo, o éxito destas xornadas debeuse a elas e eles”. 
E como non, unhas fotos da actividade:
 







17 de xuño de 2021

Itinerario IES Aller Ulloa - Fraga de Catasós : segunda andaina

O locus amoenus existe e está en Catasós. 
O mércores, 16, retomouse o Itinerario IES Aller Ulloa / Fraga de Catasós, desta volta co alumnado de 4º da ESO, andaina promovida nesta ocasión pola profesora Raquel Honrubia. 
Como a primeira andaina, iniciouse esta segunda a primeira hora da mañá, comezando a marcha desde instituto. E de novo, durante o percorrido houbo as correspondentes paradas nos puntos de interese con breves explicacións ao alumnado por parte do profesorado acompañante (Raquel Honrubia, Mar Espinosa, Alba Payo e Luis Guitián).  
Unha vez na Fraga, o clímax da natureza en todo o seu esplendor, gratificante experiencia para os sentidos, alimentada coa presenza dun trebón; e as fotos, desta volta da profesora-reporteira Alba Payo, son testemuña:






















 

 

15 de xuño de 2021

Fitoherbario : mostra gráfica

 Éxito é a palabra que mellor cualifica a Mostra Fitoherbario do alumnado de 1º da ESO, ao abeiro da coordinación do profesor Luis Guitián.

A seguir unha breve reportaxe gráfica da mesma. As fotos, como non, son de Carlos Míguez:
 






 


14 de xuño de 2021

Fitoherbario

A partir do martes 15, poderemos ver na Biblioteca Fitoherbario, proxecto desenvolvido polo alumnado de 1º da ESO e coordinado polo profesor Luis Guitián. 
Unha mostra de herbario dezao coa finalidade de potenciar o labor investigador do alumnado.

 

O nome común e o nome científico da planta... son algúns dos datos recollidos para a conformación do herbario por parte do alumnado.

E ao fío do proxecto non está de máis lembrar as Marelas editadas ata hoxe sobre botánica:

Guía das árbores do instituto

O bosque de ribeira

Un porraliño medicinal

Ademais da guía Como faceres o teu herbario. Preme nela:

 


 

11 de xuño de 2021

Itinerario IES Aller Ulloa - Fraga de Catasós : Ao fío de...

O mércores, 9 de xuño, o alumnado de 1º da ESO visitou a Fraga de Catasós, unha actividade organizada polo profesor Luís Guitián, que contou cunha abondosa colaboración. 

Sapientia naturae
 
A camiñada iniciouse a primeira hora da mañá, comezando a andaina desde o instituto. Durante o percorrido a comitiva pasou por diferentes parroquias de Lalín e houbo pequenas paradas en puntos de interese con breves explicacións ao alumnado por parte do profesorado acompañante (Fernando Pereira, Ramón Faílde, Luz González, Xulio Taboada, Alba Payo e Luis Guitián) sobre a historia da Igrexa de Lalín de Arriba, a Dorsal Galega, as plantacións de lúpulo, o Pazo de Quintela onde viviu Emilia Pardo Bazán... 
Unha vez na Fraga, houbo un breve repaso das especies autóctonas máis relevantes, que o alumnado tivo que recoñecer para logo realizar o seu herbario anual na materia de Bioloxía.  
Ao fío da andaina á Fraga de Catasós, unha alumna e dous alumnos do grupo D achegárannos as súas impresións sobre a camiñada:
Na actividade de hoxe fomos á Fraga de Catasós. Para ir, fixemos unha ruta a pé ata chegar alí. De cando en vez iamos parando, para que as profesoras e os profesores nos explicasen cousas sobre Bioloxía, como curiosidades sobre algunhas árbores; pero tamén aspectos relativos á Xeografía e á Historia, por exemplo onde pasou moito tempo Emilia Pardo Banzán, mentres estaba a escribir "Los Pazos de Ulloa". Tamén cales eran as montañas que se vían ao fondo, de que século é a igrexa de Lalín de Arriba etc. 
Estar alí foi moi divertido. Pasaron moitas cousas... 
Volvemos ao instituto en autobús, pero non con quen quixésemos. 
María Villamarín
Hoxe fomos á Fraga de Catasós, un lugar moi bonito cheo de árbores autóctonas. Polo camiño fomos facendo distintas paradas en lugares históricos como na Igrexa de Lalín de Arriba na que a profesora de Historia nos contou que alí foi o verdadeiro inicio de Lalín; ou no pazo no que veraneaba Emilia Pardo Bazán, unha escritora galega. E o profesor de Bioloxía explicounos os distintos tipos de árbores que hai na fraga. Gustoume moito ver que o ser humano non poida intervir na natureza ao seu antollo para saber realmente coma é. 
Samuel Fernández
Hoxe fun á Fraga de Catasós, resultou moi divertida esta saída porque foi especialmente diferente, xa que dende o curso pasado non fora a ningunha excursión. O camiño foi longo e acabei un pouco cansado, pero tamén desconectei e estiven entretido coa natureza, e perdín case todas as clases da mañá. Cando volvía estaba a desgusto por ter que marchar, pero foi unha moi boa experiencia. 
Martín Díaz
E como non, unhas fotos para dar fe:
 
En plena camiñada

Nunha das paradas informativas

Con moito ánimo

No Pazo de Quintela


A información nunca sobra

O entusiasmo que non falte

En plena natureza
Hora da parva

Collendo folgos

O poder da Fraga

Vida verde