8 de decembro de 2023

Con B de Ciencia (13) : Cerebrómic


Ficha editorial.

Referencias:

de Medicina Gráfica (Eugenia García Amor): "“Cerebrómic” es un cómic divulgativo con un dibujo a todo color al más puro estilo tebeo. En contadas ocasiones incluye alguna ilustración anatómica detallada (es difícil recurrir a la metáfora para explicar la vía visual), pero huye de la representación literal para explicar en clave de humor, sin perder el rigor científico, los misterios del cerebro. " [ler máis...]

de Alejandro Martínez: "Cerebrómic está planteado como una entrevista a cargo de una popular periodista al propio cerebro. Será el cerebro quien nos explique cuáles son sus partes y las funciones, o cómo transmite la información sensorial a través de la red extendida por todo el cuerpo. Una vez comprendamos esto, será mucho más sencillo poder comprender las patologías surgidas a partir de un mal funcionamiento de determinadas regiones o estructuras neurológicas.
Es cierto que, a pesar de ese original planteamiento en forma de entrevista, aporta mucha información y a veces el texto es inevitablemente denso, pero creo que seleccionan muy bien la teoría para que en todo momento parezca más una explicación informal que una sucesión de frases sacadas de un libro de anatomía o fisiología. Además, personalizan determinadas estructuras como las neuronas, los axones, y otras tantas, aportando un tono cartoon en plan Érase una vez la vida que puede resultar útil a la hora de conectar con lectores más jóvenes a los que enumerar sin más las diferentes partes o estructuras puede hacerles desconectar en el minuto 1." [ler máis...]

desde a Marela BD.


2 de decembro de 2023

Calendario de advento

Desde hoxe mesmo, como manda a tradición, e ata o xoves 21,  na entrada do noso instituto, e no recuncho TOC-TOC-A-CIENCIA,  podedes desfrutar dunha exposición sobre mulleres científicas.

Baixo a apariencia dun calendario de advento, podemos ver o traballo do alumnado de 3º ESO A e C, que nas horas do Proxecto Competencial buscou e seleccionou información sobre 20 mulleres científicas, coa intención de divulgar o seu labor.  A coordinación correu a cargo das súas profesoras Ana Penas e Natalia Fernández.

Achegamos unhas imaxes, a modo de exemplo, mais se queredes coñecer a estas 20 científicas, só tedes que achegarvos ata o IES R. Mª Aller Ulloa para, día a día, ir descubrindo quen se esconde debaixo de cada data.







19 de xullo de 2023

Lecturas: Prometeo americano. El triunfo y la tragedia de J. Robert Oppenheimer / K. Bird & M. J. Sherwin


Esta biografía de Robert Oppenheimer publicouse orixinalmente en 2005. A produción dunha película baseada nela, cuxa estrea é inminente, levou a que fose traducida ao castelán case vinte anos despois. É un atraso un tanto incomprensible, porque a personalidade do protagonista e o seu papel central en, polo menos, un par de acontecementos históricos de singular importancia no século XX, deberían abondar para chamar a atención das nosas editoriais desde hai tempo.

Aínda que non é desmesuradamente extensa (esta edición en tapa dura de Debate consta de 700 páxinas de texto e 150 máis de notas, bibliografía e índice), trátase dunha biografía moi detallada, que atende con minuciosidade tanto á vida privada como á pública do protagonista. Ás veces, sobre todo no tratamento das persoas relacionadas dun xeito ou doutro co protagonista, resulta prolixa.

A propia historia da súa escrita ten xa aspectos lendarios, xa que se tardou vinte e cinco anos en escribir, despois de pasar de ser obra dun só autor a ser obra de dous: o encargado inicial, Sherwin, falecido no 2021, acumulara en dez anos unhas 50.000 páxinas de entrevistas, transcricións, cartas, diarios, documentos desclasificados e arquivos do FBI. Todo ese material, almacenado en caixas, só puido comezar a ordenarse cando uniu forzas coas de Kai Bird.

A historia de Oppenheimer ten tres focos de interese principais: a súa personalidade, o seu papel no proxecto Manhattan e a súa condición de vítima máis famosa do macartismo. Sobra dicir que son aspectos entrelazados.

Oppenheimer era un home extraordinariamente carismático e intelixente, e non inocente de atesourar altas doses de vaidade e soberbia na súa personalidade, e restos de imprecisos trastornos nunca superados que afloraron na súa etapa universitaria.

Formado nos seus primeiros anos na Escola de cultura ética, unha institución educativa que poderiamos chamar de innovación educativa, esta formación inicial reforzou e fomentou a súa innata tendencia a ter intereses moi variados. Esta diversidade de inquietudes intelectuais foi a que, a longo prazo, o levou a unha vida chea de preocupacións sociais, políticas, científicas e éticas, que o afastaron da dedicación exclusiva á física. Ao ler sobre a súa vida é imposible evitar preguntarse a onde podería chegar como científico se non tivese fragmentado a súa mente como o fixo. Quizá sexa esa mesma traxectoria vital a que ofrece unha resposta: o que puidese ter descuberto ou aclarado como físico tarde ou cedo o había facer outra persoa; pero, só el, Robert J. Oppenheimer, podería ter liderado e protagonizado o que el liderou e protagonizou.

Tal é o caso da súa participación no Proxecto Manhattan, que para el foi primordialmente unha tarefa política, máis que científica. Oppenheimer desenvolvera ao longo da década depresiva dos anos trinta un compromiso social que ía da man das correntes comunistas estadounidenses da época. Estas relacións, que o marcarían funestamente desde o principio a ollos de moitos, tamén o levaron a dirixir a súa preocupación cara á situación de Europa, en concreto cara á xa real ameaza do nazismo, que perseguía sen cerimonias os científicos alemáns desafectos. Foi entón o potencial militar despregado por Hitler durante a Segunda Guerra Mundial o que o conduciu, xunto a moitos outros recoñecidos científicos, a crer que só o desenvolvemento dunha arma poderosa podería deter Alemaña. Evidentemente, as implicacións militares e políticas do asunto, a curto, medio e longo prazo, non foron ignoradas polas autoridades. O apoio foi absoluto e a historia da construción e planificación do laboratorio de Los Álamos e do vivido alí constitúe un dos relatos máis fascinantes desta biografía.

Pero cando parecía que o éxito científico anunciaba o éxito militar do proxecto, as vicisitudes da guerra provocaron un xiro tráxico na vida de Oppenheimer e, sen dúbida ningunha, da humanidade en xeral. De súpeto, Alemaña xa non era o obxectivo da arma nuclear: o impulso non científico daquela tarefa científica foi simplemente ignorado e substituído por intereses bastardos que ansiaban dar un golpe monumental na mesa internacional como aviso a navegantes.

As devastadoras consecuencias de lanzar a arma nuclear sobre dúas cidades dun país a piques de asinar a rendición tivo unhas repercusións que aínda perduran. A biografía de Oppenheimer narra con precisión a conmoción que iso supuxo entre os membros do proxecto, que inevitablemente se mergullaron nun debate ético e político respecto diso cando, como científicos, viron as consecuencias reais do seu traballo, tan diferentes das que imaxinaran ao motivarse pensando na Alemaña de Hitler. Como sinalan os autores, o máis afectado sería Oppenheimer: sabía que, nun sentido fundamental, o Proxecto Manhattan conseguira que unha arma de destrución masiva fose a culminación de tres séculos de física; a sensación que tivo de que, en consecuencia, o proxecto empobrecera a física foi inevitable. En canto logro científico, Oppenheimer non tardou moito en denigrala. A catástrofe humana de Hiroshima e Nagasaki reforzou a súa faceta intelectual e comprometida. Ao mando do Instituto de Estudos Avanzados en Princeton (unha institución multidisciplinar que lle viña como anel ao dedo), Oppenheimer converteuse nun reflexivo, e atinado, analista de como debía enfrontarse o mundo á existencia dun novo tipo de armas que, como moi ben expresou en 1953 cunha frase lapidaria, convertera os Estados Unidos e a URSS en "dous alacráns encerrados nunha botella, cada un capaz de matar o outro, pero só a risco de perder a súa propia vida." A súa biografía reflicte con xenerosidade o que Oppenheimer pensaba sobre o asunto e que deixou exposto en numerosos discursos, ensaios e entrevistas. Aínda que a persecución inquisitorial á que se someteu a Oppenheimer radicalizouse a partir de 1950, é impresionante constatar como en ningún momento da súa vida, desde que nos anos 30 empezara a relacionarse con determinadas correntes esquerdistas, deixou de estar sometido a vixilancia por parte do FBI. De nada serviu que non pertencese nunca ao Partido Comunista, nin que renegase do comunismo cando este quedou alterado polo control ideolóxico desde a URSS. Oppenheimer nunca puido librarse da sospeita de non ser un bo estadounidense: aos ollos de determinados sectores políticos, sociais e económicos, nunca deixou de ser alguén non fiable. A súa postura crítica cara ás políticas nucleares do goberno non fixeron máis que acrecentar o rexeitamento cara a el, e iso a pesar de que Oppenheimer nunca renegou do seu goberno. O comentario de Einstein sintetízao ben: "O problema de Oppenheimer é que quere unha muller que non o quere a el: o Goberno dos Estados Unidos. (...) A cuestión é simple: todo o que ten que facer é ir a Washington, dicirlles aos mandatarios que son uns imbéciles e volver á casa." Mais Oppenheimer era un auténtico patriota. Sempre quixo influír, sempre quixo mellorar aspectos esenciais da democracia do seu país, como, por exemplo, a necesidade de derrubar os muros de segredo levantados polo goberno en materias relevantes, como a nuclear, para deixar fóra da toma de decisións á poboación. O que nas décadas seguintes pasaría con outros asuntos, como Vietnam, demostra que o seu esforzo ía ben encamiñado.


De feito, toda a implacable persecución á que o someteu o macartismo, auspiciada pola súa némese particular, o millonario Lewis Strauss, tiña un simple obxectivo: retirarlle as súas credenciais en relación coa seguridade nuclear, porque permitían que un sospeitoso tivese acceso aos segredos do poder. O lector asiste durante centos de páxinas a algo que non termina de entender ben, a unha farsa, non traxedia (como o mesmo Oppenheimer se encargou de precisar) e que lle lembra, paradoxalmente, os procesos implacables do comunismo soviético contra os infieis. Sen dúbida, a vida de Robert Oppenheimer é unha vida de película; pero uno ten a sensación de que só unha biografía, tan ben escrita e tan ben documentada como esta, pode aproximarse a ofrecer un reflexo do que foi.

9 de abril de 2023

Con B de Ciencia (12): Algas verdes


Ficha editorial

Referencias:

de Juan R. Coca: "Algas verdes. La historia prohibida nos cuenta como los problemas ambientales y de salud no son tenidos en cuenta ante los intereses económicos y los valores neoliberales. La obra está centrada en un caso de contaminación por algas en las playas de Bretaña. Estas algas producen toxinas que afectan a la salud de los organismos y, periódicamente, terminan en las playas de dicha región francesa.
El cómic, desde una perspectiva realista, nos adentra en un trabajo documental sobre la investigación de este problema ambiental. A lo largo de la narración se nos va a mostrar la manera en que diversas instituciones son manipuladas y alteradas para evitar, en lo posible, que se produzcan efectos económicos negativos. Al fin y al cabo, las plazas son uno de los mayores atractores de turismo. Por lo que se podría generar un impacto en la economía local que pocos desean" [ler máis...]

de Diego García Rouco: "En Algas verdes /.../ nos cuentan una historia que solamente nos puede generar miedo, pero, que, a diferencia de otros cómics, no se trata de una obra de ficción. Se trata de una realidad que debemos conocer y cambiar si aspiramos a que el mundo del mañana sea habitable para nuestra descendencia. Un cómic que resume a la perfección y hace accesible un trabajo periodístico complejo y minucioso." [ler máis...]

Desde Marela BD.

3 de abril de 2023

Exploración do Pontiñas

A semana pasada, o alumnado de Xeografía de Bacharelato, coa dirección da súa profesora, Marta Otero,  realizou un estudo da auga do Rego das Cabirtas, desde antes do lago do Pontiñas ata O Espiño.

O inicio da actividade implicaba o recoñecemento da flora e fauna de ribeira e, aínda que as árbores están comezado a abrir, o seu porte, a tona ou algunhas inflorescencias e amentos permitían recoñecer os salgueiros, ameneiros e bidueiros. A cor amarela poñíana as leitarugas e o bugallón. Ocas, patos, unha garza, ras e bolboretas foron acompañando os estudantes durante o seu traxecto río abaixo.

A primeira parte do estudo da auga consistía en comprobar se o lago artificial afectaba á velocidade e arrastre de sedimentos do regato, varias medicións, usando cortizas arrastradas pola auga permitiron ao alumnado analizar a velocidade; a recollida de auga servirá para comprobar os pousos que deixa cada zona e, xa no momento, observar a presenza dalgúns animaliños coma miñocas ou zapateiros. Pero a parte que lles resultou máis atractiva e sorprendente foi a comprobación da cantidade de residuos que forman parte do leito, xa desde a súa  parte inicial, especialmente nitratos, probablemente produto da actividade gandeira da zona. As tiras reactivas non deixan lugar a dúbida sobre a contaminación da auga.




As medicións e tomas de mostras fóronse repetindo en varias ocasións, mentres o vento que achegaba a borrasca propiciou outra explicación sobre o cambio de altas a baixas presións atmosféricas. 

No tramo final do regato, á altura do Espiño, nin é necesario recoller mostras: a canalización que verte augas residuais, directamente ao rego, xa o di todo. Aínda así, os rapaces recolleron as mostras entre restos de toalliñas hixiénicas procedentes das augas fecais, que abaneando nos ameneiros indicaban ata onde chegara o caudal do rego nos momentos de máis enchente.


















28 de marzo de 2023

Prevención da enfermidade renal

O alumnado do 1º curso do STEMBACH, acompañado dos seus profesores Ana Penas Facorro e Luis Guitián Astray, vén de participar na Xornada de prevención da enfermidade renal, organizada pola Fundación renal Íñigo Álvarez de Toledo, que se desenvolve ao longo da xornada deste mércores 28 nas instalacións do Centro de diálise Teixedal (R/ da Ponte 93, Lalín).

Que mellor maneira de comprobar se o teu é realmente o ámbito da Medicina que participar destas experiencias? En palabras dos responsables do centro "45 veciños de Lalín, e a comarca do Deza, pasaron polo centro para facérense as probas gratuítas de detección precoz da enfermidade. Así mesmo, os lalinenses participaron nunha xornada de portas abertas na que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como se leva a cabo unha sesión de diálise, e viron unha simulación na que os pacientes limpan o seu sangue mediante un ril artificial, durante unha media de catro horas por tres días á semana"





Fotografías: Ana Penas Facorro


18 de febreiro de 2023

Ao fío de... Día da muller e a nena na ciencia

Para conmemorar o Día da muller e a nena na ciencia, as alumnas de 4º ESO, coordinadas pola súa profesora Mª Jesús Barcala, están a entrevistar a algunhas das súas profesoras de Ciencias. Este xoves foi a quenda de Ana Penas, bióloga por vocación, aínda que amante da criminoloxía (seica culpa de CSI As Vegas) e estudante de Dereito nos seus primeiros anos universitarios. Picade no enlace se queredes escoitar o Podcast completo.


Nas fotos, de Mª Jesús Barcala, Ana Penas diante do micro verde.


16 de febreiro de 2023

Prácticas do STEMBach na Facultade de Bioloxía.

Tardes de prácticas de Microbioloxía para o alumnado do STEMBach na Facultade de Bioloxía da USC. Xa están en marcha os traballos finais de investigación sobre a identificación de bacterias Gram-produtoras de antibióticos e resistentes aos mesmos.

Texto e fotografías de Natalia Fernández







11 de febreiro de 2023

11 F : Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Como cada ano desde o 2015, celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que este 2023 ten como lema: Innovar. Demostrar. Elevar. Avanzar. Soster (I.D.E.A.S.)
 

Con esta efeméride preténdese sensibilizar sobre o papel fundamental das mulleres, as nenas e a ciencia no logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS).

A salientar como novidade na celebración deste 2023 que se incluirá por primeira vez un taller de ciencia para nenas cegas, así como unha sesión sobre "Ciencia en Braille: Facer a ciencia accesíbel".


A seguir un vídeo producido polo ICTP (Instituto de Ciencia y Tecnología de Polímeros Servicio de Promoción y Divulgación de la Investigación) co obxectivo de dar a coñecer o traballo de mulleres científicas e motivar a futuras xeracións de mulleres a seguir os seus pasos: