20 de febreiro de 2018

Campus científico de verán 2018

Realizouse a convocatoria do Programa Campus Científicos de Verán para estudantes de 4º ESO e 1º BAC.
Carlos Santorum envíanos esta fotografía da súa participación o ano pasado. Xunto a outros rapaces de toda España, acudiu á Universidade Carlos III de Madrid para traballar no proxecto Estatística: facendo ciencia cos datos.



O prazo para presentar a solicitude remata o 9 de marzo de 2018 ás 15:00h.
Podes consultar aquí as bases da convocatoria.



19 de febreiro de 2018

Nas aulas de Hipatia


Teón de Alexandría (Sandra Blanco) presentounos na entrada do instituto á súa filla Hipatia (Rosa Núñez), considerada como a primeira muller astrónoma e matemática da historia.


Un día calquera de principios do século V, Hipatia imparte clase aos seus discípulos. Sinesio de Cirene (Alba Otero), Orestes (Semahel Polo) e Hesiquio de Alexandría (Hugo Pérez), ademais de se volveren sorprender coas explicacións astronómicas, tiveron o privilexio de ser os primeiros da historia en veren un densímetro, invención da súa mestra.




Están marabillados e felices, así que, ao rematar a clase, celébrano bailando o Epitafio de Seikilos.


17 de febreiro de 2018

Con Margarita Salas, Josefa Yzuel e María Blasco


Malia non poderen vir de "corpo enteiro", grazas a Fran Otero e a xente de BAC Artes, puidemos contar -para o este 11F- con tres das  científicas máis relevantes de España. Ben se poden ver no noso laboratorio en miniatura. Son a bioquímica Margarita Salas (Canero-Asturias, 1938), a óptica Josefa Yzuel (Jaca, 1940) e a bióloga e directora do CNIO, María Blasco (Alicante, 1965).




No super atril, máis información sobre elas:



Ao pé, unha pequena selección de libros, películas e documentais arredor da muller e a ciencia.


Cerca, unha "photo call" para que calquera se puidese sentir "muller científica". Unha vez máis, obra de Fran e os seus.

 
2º de ESO case sempre mostra grande interese en resolver os cuestionarios que preparamos. Aquí, ás voltas co de Astrónomas que fixeron historia.







16 de febreiro de 2018

O Encontro con María, Isabel e Montse do IEO Vigo

O mércores 7 de febreiro tivemos a sorte de contar con tres científicas do Instituto Oceanográfico de Vigo. Amosáronnos o labor do IEO no estudo do medio mariño e compartiron connosco diversas anécdotas dos seus inicios no mundo da investigación. O certo é que conseguiron espertar as inquedanzas da audiencia, pois varios alumnos e alumnas formularon interesantes preguntas.

Velaquí unha breve selección de fotografías do encontro.





13 de febreiro de 2018

Expedición Malaspina


Para acompañarmos a presenza de Isabel Riveiro, María Saínza e Montse Pérez, investigadoras do Centro Oceanográfico de Vigo, argallamos unha pequena exposición co material que nos ofrecen o CSIC e o Instituto español de oceanografíaLa expedición Malaspina 2010 y las ciencias marinas en España.

No tríptico que elaboramos para a ocasión, atoparades un cuestionario de seguimento e algunhas referencias (web, fílmicas, libros...) sobre o tema.





11 de febreiro de 2018

Cine 11F : Figuras ocultas

Entre as recomendacións fílmicas que fixemos para este 11F, inclúese Figuras ocultas, baseada na novela de Margot Lee Shetterly, que está nos paquetes de varias plataformas televisivas.

A película de Theodore Melfi, sitúase nos EUA dos anos 60 e céntrase en tres figuras que comparten un triplo estigma: son mulleres, son negras e son científicas.

O seu encontro prodúcese na NASA (propiamente, na NACA), no momento en que se desenvolve o programa que levará a John Glenn a orbitar arredor da terra.

O filme dános interesantes pinceladas sobre a sítuación política, social e científico-técnica da época, pero -sobre todo- atráenos cara as figuras de Katherine Johnson, Dorothy Vaughan y Mary Jackson.


Paga a pana que vos documentedes algo máis sobre elas.

Katherine Johnson

"Esta es la historia de una niña afroamericana que lo contaba todo; los pasos que necesitaba para cruzar la calle, los pasos que había hasta la iglesia, el número de platos que limpiaba, las estrellas que veía… todo lo que podía ser contado..."  [le máis en mujeres con ciencia.com]

Dorothy Vaughan

"En 1949 se hizo cargo de la dirección de la West Area Computers, un equipo de trabajo compuesto exclusivamente por mujeres afroamericanas con formación matemática..." [le máis en mujeres con ciencia.com]

Mary Jackson

"Autora o coautora de doce artículos técnicos para la NACA y NASA, ayudó a mujeres y otras minorías a ascender en sus carreras, asesorándolas sobre la manera de mejorar sus oportunidades de promoción..."  [le máis en mujeres con ciencia.com]


4 de febreiro de 2018

Con B de Ciencia (2) : Mujeres de ciencia / Popi.


Popi, tamén coñecido como Iñaki Redín, é profesor de bioloxía por decantación. No seu afán por innovar e ampliar ferramentas para desenvolver o seu traballo, decidiu elaborar os seus propios cadriños (iso si, coa axuda do seu fillo aos lapis) para ilustrar partes do programa das súas materias.

Todos están na rede, no seu sitio Comicreando, e todos son de descarga gratuíta.

Entre eles, está Mujeres de Ciencia. Cal mellor para presentar Popi nesta quincena do 11F?


Mujeres de Ciencia consta de catorce páxinas nas que a maioría de cadriños son estampas dedicadas a achegas científicas realizadas por mulleres, desde Hipatia até Linda B. Buck. Intercalados, atopamos outros que nos ilustran sobre a tremenda hostilidade que, ao longo da historia, a muller  ten que ir vencendo na súa procura do coñecemento científico.