23 de marzo de 2021

Encontro co xeógrafo Horacio García : o acto

Hoxe tivo lugar o anunciado Encontro co xeógrafo Horacio García quen achegou unha máis que atractiva visión da Xeografía ao alumnado, a partir da pregunta, que é a Xeografía?

Durante a exposición, o alumnado puido ver en directo un velocímetro para medir a velocidade do fluxo da auga (e de aí calcular o caudal), un higrómetro para medir a humidade do aire, un anemómetro para medir a velocidade do vento e un medidor láser de distancias.

A seguir unha pequena mostra do relatorio na aula:






15 de marzo de 2021

Prácticas con bacteriófagos na USC

O pasado xoves, 11 de marzo, o alumnado do STEMBAC de 2º do Bacharelato asistiu á facultade de Bioloxía da USC para realizar unha práctica de laboratorio con bacteriófagos, os virus que infectan bacterias, dirixida polo profesor López Romalde, catedrático de Microbioloxía desta facultade.

Completaron a visita cun percorrido botánico polo campus Sur, paseo da Ferradura e a  Alameda compostelá e cunha visita moi interesante ao Museo de Historia Natural da USC, conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, xa que alberga coleccións resultantes do traballo de investigación dos naturalistas e científicos galegos dos séculos XIX, XX ata a actualidade; dedicadas á zooloxía, botánica e xeoloxía.

A actividade, organizada polo Departamento de Bioloxía, estivo coordinada pola profesora Natalia Fernández que ademais acompañou o alumnado.

A seguir unhas fotos da práctica e da visita ao Museo de Historia Natural da USC:





 

14 de marzo de 2021

Día Internacional de π

 

Hoxe, 14 de marzo, celebramos o Día Internacional de π, lembrando seis dos grandes matemáticos da historia.



Así mesmo recordamos o "Arco da vella de π", acompañado da exposición conmemorativa do Día de π con carteis alusivos á Historia do número π.  

É polo que recuperamos ditos carteis que o alumando pode ver de novo expostos no vestíbulo e no recanto de Toc-Toc:




 

10 de marzo de 2021

8M. A historia e a ciencia en feminino : Reportaxe gráfica

Coraxe de muller. A seguir unhas instantáneas do Encontro con Rosalind Franklin e María Blasco que formaron parte das 13 mulleres caracterizadas que nos visitaron para conmemorar o 8 de marzo e informar sobre A historia e a ciencia en feminino:


Rosalind Franklin e Mar-Rosalind Franklin

Na aula en compaña de María Blasco e diante dos carteis

María Blasco reencarnada en Raquel

Defendendo con paixón a causa da Ciencia

8 de marzo de 2021

8 de marzo : Día Internacional da Muller

Ao fío da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, xurdiu por parte dun grupo de profesoras a idea de reivindicar o papel da muller na historia a fin de fomentar a educación en igualdade de cara á eliminación das diferenzas de xénero.

A actividade, 13 mulleres que escribiron a historia en feminino, consiste en iren as profesoras caracterizadas polas aulas explicando a figura feminina elixida. E no ámbito científico contaremos coa caracterización de María Blasco e Rosalind Franklin, que tiveron que desenvolver as súas profesións nun marco radicalmente machista.