Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Aller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ramón Aller. Amosar todas as publicacións

17 de decembro de 2022

As estrelas galegas da ciencia

Gciencia, o xornal galego de ciencia e divulgación dá conta da recente publicación da obra Estrelas galegas da Ciencia. Unha historia de persoeiros e achados asombrosos, de momento só en versión dixital.

Segundo recolle o xornal dixital, os autores confesan que, ao falar das científicas e científicos escollidos, querían construír "unha breve historia da Ciencia en Galicia", e inciden en que se trata dun libro "necesario e sorprendente, para un público infantil e adolescente, pero tamén para adultos con curiosidade pola historia"

A través dos doce capítulos desta obra descubrimos a vida e obra de 14 científicos e científicas do período que vai desde o século XVII ao XX, entre eles O Matemático de Bermés e o seu biógrafo Ramón Mª Aller Ulloa, astrónomo,  matemático e figura capital na creación do que o noso instituto, ao que acompaña a súa discipula predilecta, Antonia Ferrín Moreiras.

A presenza dezá complétas coa coautora do libro e antiga alumna nosa, Maite Vence, directora de Observer.





1 de decembro de 2018

Inéditos e outros manuscritos de Ramón M. Aller. XXXI Congreso ENCIGA [4]









"A actividade central da nosa celebración  do 2009, Ano Internacional da Astronomía, foi unha exposición á volta de manuscritos de D. Ramón Aller,  cedidos por D. Victorino Gutiérrez Aller, sobriño do sabio. Aquel mesmo curso, D. Vitorino fixo doazón dos documentos ao instituto. Entre eles, encóntranse tanto inéditos, como borradores ou primeiras versións de obras xa coñecidas, ademais de notas e apuntamentos diversos.
Naquel momento expresamos, no blogue A Marela tarabela, a emoción que tal doazón nos produciu: “Pensabamos que tiñamos algúns libros valiosos, pero agora temos... que temos? Como lle chamamos? Un tesouro? Como o imos administrar? Só somos unha Biblioteca Escolar! Estaremos á altura? A reflexión ten que ser máis longa e así o faremos. Mentres tanto, moitas graciñas, graciñas de corazón, Victorino!” Hoxe renovamos a expresión de gratitude.
En 2016, mostramos novamente este material, con motivo do 50º cabodano de D. Ramón. A principal diferenza entre as dúas celebracións radicou en que, nesta última, xa dispoñamos das experiencias de Toc TocA Ciencia, polo que puidemos presentar un espectro moito máis amplo e variado de actividades.
A exposición que, co gallo do congreso de ENCIGA e o centenario da publicación de Algoritmia. Principios fundamentales de la ciencia de los números, recuperamos no primeiro andar, fai un percorrido pola actividade científica de D. Ramón a través dos seus textos.
Entre outros manuscritos de don Ramón, forman parte da exposición os seguintes inéditos:
●        [“Primeiro caderno de observacións”]: Álbum (13x20 cm.), coas observacións realizadas entre o 7-11-1917 e o 15-6-1923. Son 45 debuxos autógrafos e anotados.
●        Registro del observatorio astronómico/ Ramón Mª Aller Pbro. . Lalín. Comienza en: 31 de agosto del año 1924. A.M.D.G. [Manuscrito]. 200+1 p. + 41 debuxos (10x13 cm.) anotados, br. e n. e cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 31 do 8 de 1924 ata o 18 do 9 de 1926.
●        Registro de observaciones verificadas en Lalín. [Manuscrito]. 200 p. (das que só están utilizadas 52), 21 cm. Trátase fundamentalmente dun caderno con diversos cálculos matemáticos datados entre o 31 de agosto de 1924 e o 11 de xaneiro de 1925, asociado ao anterior.
●        Observatorio astronómico de Lalín: Registro de las observaciones desde el día 24 de septiembre de 1926.[Manuscrito]. [200 p. + 2 caderniños (de 20 p. cada un) + 41 debuxos (10x13 cm.) anotados, cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 24-9-1926 ata o 30-8-1927.
●        Cuaderno registro de observaciones: Comienza en 31 de agosto del año del Señor 1927. [Manuscrito]. 230 p. Il. cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 31 do 8 de1927 ata o 1 do 6 de 1929".
Boletín das Ciencias,86, 27. Pereira Fdez, Mario; Paio Cangado Xosé.

7 de novembro de 2018

A Marela do 50º de D. Ramón M. Aller

Co gallo da celebración no noso centro do XXXI Congreso Enciga, volvemos imprimir o número 20 d’A Marela Tarabela. Está dedicado ás actividades realizadas con motivo do 50 aniversario do falecemento de don Ramón Mª Aller Ulloa.
Pódese ler ou baixar en PDF premendo aquí.

Tamén se lle pode botar unha ollada ao primeiro que elaboramos sobre D. Ramón. Fora en 2009, con ocasión do Ano internacional da astronomía.

3 de xuño de 2016

Exposición sobre D. Ramón Mª Aller Ulloa

Continúa a exposición sobre D. Ramón na entrada do Instituto. Nela encontraremos:
  • Unha seleccion dos manuscritos doados por D. Vitorino Gutiérrez, no 2009.
  • Unha biografía  de D. Ramón realizada e ilustrada a man por Natalia Fernández.
  • A bibliografía de D. Ramón, na que se inclúen algunhas primeiras edicións e manuscritos inéditos. 
  • Unha selección de fotos realizadas ou relacionadas co noso sabio cedidas polo Museo de Lalín. A maior parte delas rescatadas por Cecilia Doporto e restauradas por María Alejos.
  • Un exposición vídeo-bibliográfica dos fondos da biblioteca sobre astronomía.



 
 

29 de marzo de 2016

28 de marzo, a ollo ceibe

Foi onte día de emocións múltiples, á volta da figura de Don Ramón Aller.



Pola mañá, celebrouse no Observatorio "Ramón Mª Aller Ulloa" da USC, a presentación do libro Astronomía a ollo ceibe, tradución ao galego de Astronomía a simple vista, impulsada por José Ángel Docobo e realizada por Celia Rozas, ex-alumna do noso instituto.
Máis alá dunha tradución, a obra é en certa medida unha restitución: pouco antes do golpe de estado do 36, o Seminario de Estudos Galegos anunciaba a súa publicación, pero daquel orixinal entregado nunca máis se soubo. Oitenta anos despois, a Universidade e a Xunta recoñecen e recuperan este título fundacional da divulgación científica en galego.
E se pensamos no título en sentido estrito, é inexcusable citar as palabras de Celia Rozas no prólogo:
"A relativa infidelidade do título desta versión /.../ -e aínda a inhibición da preferencia académica de ceibo/a fronte a ceibe-  responde á vontade dos editores, que eu como tradutora tamén fixen miña, de manter inalterado o título que, segundo a prensa da época ía ter a obra /.../, Astronomia a ollo ceibe; un título polo demais, provisto dun arrecendo enxebrista bastante característico do galego escrito da época, e ben fermoso e elocuente do sentido rabiosamente divulgativo da obra.

Pola tarde, a homenaxe trasladouse a Lalín. Primeiro, coroa de flores no monumento a Aller e, despois, traslado da actividade ao Museo: breves intervencións das autoridades políticas e académicas (Concelleira de Cultura, Reitor da USC, Conselleiro de Educación e Alcalde), dúas pequenas charlas e a inaguración da exposición.

Ademais de instrutivo, sempre é tremendamente emotivo escoitar a evocación que de Don Ramón realiza o profesor Docobo, o seu sucesor no observatorio compostelán e artífice fundamental na recuperación e difusión da figura do noso sabio.
Nesta ocasión, estivo acompañado de Cecilia Doporto, doutoranda súa, responsable do Museo e arquitecta da exposición. Cecilia, suxeriunos datos da súa tese sobre Don Ramón, e, sobre todo, deixounos albiscar a cantidade de fíos de memoria, admiración e agradecemento que o noso astrónomo foi deixando por aquí e por acolá, e que ela recolle para, tece que tece, preparar un extraordinario tapiz biográfico ao que, así o esperamos, pronto teremos acceso.

A exposición inaugurada é imprescindíbel. Manuscritos, debuxos, ilustracións, instrumental -entre o que podemos admirar esa auténtica icona da ciencia galega que é o teodolito de Don Ramón- dispóñense con harmonía e claridade para ofrecernos unha ben perfilada imaxe de aproximación ao sabio. Non  conforme con iso, tráenos o que, mesmo para moitos iniciados na obra do homenaxeado, resultará unha sorpresa: unha estupenda colección de retratos, obra do Don Ramón fotógrafo, restaurados por María Alejo.

28 de marzo de 2016

50º cabodano de D. Ramón Aller


Hoxe cúmprense cincuenta anos do falecemento de Don Ramón. Andan no forno algunhas actividades toc-toqueiras. Xa volas iremos mostrando

Por agora, presentámosvos o deseño do logotipo. A súa autora é Marta Calviño Sixto.

 Parabéns e graciñas, Marta.

19 de febreiro de 2016

Ignacio Ribas : Día da ciencia en Galicia

Este ano dedicáselle o Día da ciencia en Galicia ao químico Ignacio  Ribas.

A Real Academia Galega de Ciencias, sinálao como "gran valedor dos produtos naturais autóctonos".
A propia academia sinala que "Galego de adopción, bautizou as substancias que descubriu con nomes como santiaguina, pontevedrina, orensina e coruñina.
Moi reivindicativo co financiamento da ciencia e coa conexión entre a investigación e a empresa, foi colaborador de Zeltia e do Instituto Servet.
" [Le máis na páxina da RAGC]


La Voz de Galicia daba a noticia cunha foto na que está acompañado de D. Ramón:


A noticia no Praza pública.

Ignacio Ribas no Album da Ciencia.