Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exposicións. Amosar todas as publicacións

24 de febreiro de 2022

Exposición de maquetas de células

Un ano máis a entrada do instituto énchese de maquetas de células eucariotas,  animais e vexetais,  realizadas polo alumnado de 1º da ESO, baixo a coordinación da súa profesora Charo Fernández.

O obxectivo da actividade é que os rapaces e as rapazas do primeiro curso vaian aprendendo as diferentes partes das que consta esta célula, así como a súa forma, e para iso nada mellor que elaborar unha reprodución usando como base esferas de poliestileno ou  láminas de cortiza. Despois toca ir reproducindo o núcleo, a membrana, o aparato de Golgi, as mitocondrias... E aquí a imaxinación de cada quen permitiulle botar man de plastilina, goma eva, gominolas, lacasitos e todo o que tivesen a man.

Aquí vos deixamos unha mostra das moitas maquetas que elaboraron:









1 de decembro de 2018

Inéditos e outros manuscritos de Ramón M. Aller. XXXI Congreso ENCIGA [4]









"A actividade central da nosa celebración  do 2009, Ano Internacional da Astronomía, foi unha exposición á volta de manuscritos de D. Ramón Aller,  cedidos por D. Victorino Gutiérrez Aller, sobriño do sabio. Aquel mesmo curso, D. Vitorino fixo doazón dos documentos ao instituto. Entre eles, encóntranse tanto inéditos, como borradores ou primeiras versións de obras xa coñecidas, ademais de notas e apuntamentos diversos.
Naquel momento expresamos, no blogue A Marela tarabela, a emoción que tal doazón nos produciu: “Pensabamos que tiñamos algúns libros valiosos, pero agora temos... que temos? Como lle chamamos? Un tesouro? Como o imos administrar? Só somos unha Biblioteca Escolar! Estaremos á altura? A reflexión ten que ser máis longa e así o faremos. Mentres tanto, moitas graciñas, graciñas de corazón, Victorino!” Hoxe renovamos a expresión de gratitude.
En 2016, mostramos novamente este material, con motivo do 50º cabodano de D. Ramón. A principal diferenza entre as dúas celebracións radicou en que, nesta última, xa dispoñamos das experiencias de Toc TocA Ciencia, polo que puidemos presentar un espectro moito máis amplo e variado de actividades.
A exposición que, co gallo do congreso de ENCIGA e o centenario da publicación de Algoritmia. Principios fundamentales de la ciencia de los números, recuperamos no primeiro andar, fai un percorrido pola actividade científica de D. Ramón a través dos seus textos.
Entre outros manuscritos de don Ramón, forman parte da exposición os seguintes inéditos:
●        [“Primeiro caderno de observacións”]: Álbum (13x20 cm.), coas observacións realizadas entre o 7-11-1917 e o 15-6-1923. Son 45 debuxos autógrafos e anotados.
●        Registro del observatorio astronómico/ Ramón Mª Aller Pbro. . Lalín. Comienza en: 31 de agosto del año 1924. A.M.D.G. [Manuscrito]. 200+1 p. + 41 debuxos (10x13 cm.) anotados, br. e n. e cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 31 do 8 de 1924 ata o 18 do 9 de 1926.
●        Registro de observaciones verificadas en Lalín. [Manuscrito]. 200 p. (das que só están utilizadas 52), 21 cm. Trátase fundamentalmente dun caderno con diversos cálculos matemáticos datados entre o 31 de agosto de 1924 e o 11 de xaneiro de 1925, asociado ao anterior.
●        Observatorio astronómico de Lalín: Registro de las observaciones desde el día 24 de septiembre de 1926.[Manuscrito]. [200 p. + 2 caderniños (de 20 p. cada un) + 41 debuxos (10x13 cm.) anotados, cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 24-9-1926 ata o 30-8-1927.
●        Cuaderno registro de observaciones: Comienza en 31 de agosto del año del Señor 1927. [Manuscrito]. 230 p. Il. cor; 21 cm. Trátase dun caderno no que se recolle a vida do Observatorio desde o 31 do 8 de1927 ata o 1 do 6 de 1929".
Boletín das Ciencias,86, 27. Pereira Fdez, Mario; Paio Cangado Xosé.

29 de novembro de 2018

Radiografía dun cigarro. XXXI Congreso ENCIGA [3]





"A adolescencia é unha etapa fundamental para tomar conciencia dos hábitos de vida saudables, xa que os cambios cerebrais (na codia pre frontal),  nesta etapa da vida, son moi importantes e relaciónanse coa capacidade de tomar decisións. Deixar de fumar ou non comezar, é unha decisión que favorece moito a saúde. Unha información axeitada sobre os compoñentes e as consecuencias do tabaco é fundamental para previr o tabaquismo e  poderalles axudar a tomar decisións libremente e a resistir a presión social que favorece o seu consumo.
O tabaquismo segundo a OMS é unha enfermidade adictiva crónica. A capacidade do tabaco para xerar dependencia débese á nicotina, que activa funcións cerebrais no sistema de  pracer/recompensa. Hoxe son coñecidos os efectos do tabaco sobre o organismo: provoca  importantes patoloxías agudas e crónicas: pulmonares, coronarias, cerebro-vasculares, úlceras, cancro, etc.. Aínda así, moitas persoas comezan a fumar adquirindo o hábito. Cada cigarro aumenta a dependencia e prexudica seriamente a saúde. Por que o fan?
O propósito deste proxecto é aproximar o alumnado ao traballo de investigación para adquirir hábitos saudables. Dun xeito sinxelo e coa axuda de materiais moi comúns, os estudantes inician pequenas investigacións baseándose nos pasos do método científico, emitindo hipóteses de estudo, experimentando e chegando a conclusións. Deste xeito preténdese espertar a curiosidade pola investigación e que valoren a importancia e os beneficios para a saúde de non adquirir o hábito de fumar. Con este traballo aprenderon como funciona o aparello respiratorio, as substancias que compoñen o fume do tabaco, os efectos prexudiciais que ten para a saúde e os beneficios de non fumar.
 Obxectivos
  • Coñecer e experimentar como funcionan os pulmóns e as vías respiratorias.
  •  Informar  e sensibilizar sobre as consecuencias de fumar.
  •  Coñecer os beneficios de non fumar e reflexionar sobre as consecuencias e os riscos do tabaco.
  •  Investigar sobre as substancias que compoñen o tabaco e os seus efectos prexudiciais para a saúde.
  • Coñecer a composición do fume do tabaco e relacionalo cos efectos que produce na saúde o hábito de fumar.
  •  Desenvolver actitudes críticas sobre os efectos do tabaco.
As hipóteses e algunhas preguntas que nos formulamos neste traballo foron: Que ten o tabaco que o fai tan prexudicial para a persoa fumadora e para o seu entorno? Cal é a composición do fume do cigarro? Que sustancias perigosas contén? Que efectos producen sobre o organismo? Como actúa a nicotina a nivel cerebral para xerar unha adicción tan potente? Axúdanos a resolver os nosos  problemas? Fumar mellora algo a nosa vida? Pode o tabaco funcionar como insecticida? Tendo en conta estas cuestións, investigamos sobre elas coa información presente na rede e fixemos comprobacións mediante sinxelas experiencias con distintos materiais como a realización da maqueta do aparato respiratorio e a das “botellas fumadoras” para comprobar a presenza de alcatrán no fume do tabaco".


Boletín das Ciencias, 86, 26. Fernández García-Basterra, Natalia



[Aproveitemos esta entrada para lembrarmos aquela Marela tarabela de 2008, dedicada ás adiccións e prevencións]


27 de novembro de 2018

O universo dos plásticos. XXXI Congreso ENCIGA [2]





"O termo “plástico” abarca unha serie de materiais sintéticos e semisintéticos que se utilizan para innumerables aplicacións. Miramos ao noso arredor e vemos plástico. Encontramos plástico nos envases, na roupa, nos coches, nos móbiles, nos dispositivos médicos, etc.
Os plásticos son materiais orgánicos, como o algodón, a la, a madeira ou o papel. Obtéñense por un proceso de polimerización a partir de materias primas naturais como o petróleo, o carbón, o sal ou a celulosa, entre outras.
O plástico pódese moldear durante a súa fabricación, o que permite fundilo, prensalo ou extrusionalo para obter diferentes formas, como fibras, tubos, láminas, placas, botellas, caixas, etc. Porén, a diferenza doutros residuos, os plásticos non se descompoñen nin podrecen coa auga, polo que permanecen nos vertedoiros durante centos de anos sen desaparecer. Por este motivo, a eliminación dos residuos plásticos ten que pasar por solucións como a reciclaxe para fabricar novos obxectos, para xerar electricidade ou para obter combustibles.
O primeiro gran reto é a súa recollida selectiva, é dicir, que os separemos do resto do lixo e os depositemos no contedor axeitado. Isto require a colaboración de todos, porque este primeiro paso é imprescindible.

A exposición que presentamos neste XXXI Congreso de ENCIGA consta dunha serie de carteis, que se elaboraron en 2015 no marco das actividades do proxecto Toc Toca Ciencia, nos que se abordan, de xeito moi sinxelo, distintos aspectos relacionados cos plásticos:
  •  Importancia dos plásticos como substitutos doutros materiais utilizados ata a súa aparición.
  •  Que son, e de que materias primas derivan.
  • Como se obteñen mediante un proceso de polimerización.
  •  Propiedades que os fan idóneos para moitos dos seus usos.
  • Aditivos que se utilizan na súa fabricación e que modifican as súas propiedades, o que permite obter os máis variados obxectos.
  • Os plásticos e o medio ambiente: a súa toxicidade e as dificultades para a súa eliminación natural e para a súa reciclaxe.
  • Os tres “R” para os plásticos.
  • Formas de reciclaxe.
  • Tipos de plásticos e clasificación dos mesmos.
  •  Termoplásticos e os seus usos.
  •  Termoestables máis comúns e os seus usos.
  • Os elastómeros.
  • Os bioplásticos como alternativa aos plásticos de uso na actualidade.
Expóñense, ademais, os mais variados obxectos clasificados en función do tipo de plástico que os compoñen dende bolsas e recipientes, ata prendas de roupa, CDs, gafas ou utensilios de cociña".

Boletín das Ciencias,86, 25. Vilas Iglesias, Eva María



25 de novembro de 2018

Astronomía na aula. XXXI Congreso ENCIGA [1]

O XXXI congreso de ENCIGA animounos a compartir algunhas das actividades e exposicións que fomos confeccionando desde que puxemos a andar o Toc-toc. Irémolas lembrando estes días, acompañadas do texto publicado no programa do Congreso.
Polo demais, o noso agradecemento a todos os participantes, relatores e conferenciantes, á dirección de ENCIGA e a Paulino, o seu presidente. Para as compañeiras que toman o relevo: moitos ánimos.







" A Axencia Espacial Europea, a través de ESA Education, ofrece numerosos recursos e diversas actividades de formación para profesorado de primaria e de secundaria, cos que pretende achegar a astronomía e a investigación espacial ás aulas. 

Tras participar no ESA Summer Teachers Workshop de 2015 xurdiu a idea – xa compartida no XXVIII congreso ENCIGA celebrado en Sarria -  de realizar este proxecto co alumnado da materia de Cultura Científica de 1º de bacharelato no curso 2015/2016  no marco das actividades do 50 cabodano de don Ramón Aller.
Nesta exposición resúmense os dous traballos realizados: modelo dun sistema binario e  demostración experimental da segunda lei de Kepler. Ambos os proxectos consistiron nunha pequena demostración experimental que serviu de pretexto para realizar unha indagación na Internet e en bibliografía especializada, así como para elaborar vídeos con Camtasia Studio e pósters en formato dixital co software Open Office Draw. Incidiuse na importancia de citar as fontes empregadas así como a autoría das imaxes.
Empregáronse aproximadamente dez sesións de clase, dúas para o traballo experimental e oito para a busca de información e elaboración de materiais. Dado que as sesións se impartiron no laboratorio e na aula de informática, a avaliación do proxecto, que resultou moi satisfactoria, puido realizarse ao longo de todo proceso".
Boletín das Ciencias,86, 23. Reboiro López, Ana

17 de febreiro de 2018

Con Margarita Salas, Josefa Yzuel e María Blasco


Malia non poderen vir de "corpo enteiro", grazas a Fran Otero e a xente de BAC Artes, puidemos contar -para o este 11F- con tres das  científicas máis relevantes de España. Ben se poden ver no noso laboratorio en miniatura. Son a bioquímica Margarita Salas (Canero-Asturias, 1938), a óptica Josefa Yzuel (Jaca, 1940) e a bióloga e directora do CNIO, María Blasco (Alicante, 1965).




No super atril, máis información sobre elas:



Ao pé, unha pequena selección de libros, películas e documentais arredor da muller e a ciencia.


Cerca, unha "photo call" para que calquera se puidese sentir "muller científica". Unha vez máis, obra de Fran e os seus.

 
2º de ESO case sempre mostra grande interese en resolver os cuestionarios que preparamos. Aquí, ás voltas co de Astrónomas que fixeron historia.







13 de febreiro de 2018

Expedición Malaspina


Para acompañarmos a presenza de Isabel Riveiro, María Saínza e Montse Pérez, investigadoras do Centro Oceanográfico de Vigo, argallamos unha pequena exposición co material que nos ofrecen o CSIC e o Instituto español de oceanografía:  La expedición Malaspina 2010 y las ciencias marinas en España.

No tríptico que elaboramos para a ocasión, atoparades un cuestionario de seguimento e algunhas referencias (web, fílmicas, libros...) sobre o tema.





30 de xaneiro de 2018

Astrónomas que fixeron historia

Coas láminas do calendario Astrónomas que fixeron historia, argallamos unha pequena exposición para celebrar o 11F.


Acompañámolas dalgunhas suxestións en diversos formatos e dun cuestionario que podedes dexergar no tríptico co que acompañamos habitualmente as exposicións.
 

19 de outubro de 2017

Recanto TOC-TOC para o Congreso Solvay



No recanto Toc-toc_A Ciencia, podemos visitar a exposición documental que forma parte da nosa conmemoración do nonaxésimo aniversario do Quinto congreso Solvay e o 150º do nacemento de Marie Curie (1867-1934).






24 de novembro de 2016

Exposición: Seres modélicos

Esta semana conclúe a exposición Seres modélicos. Entre la naturaleza y el laboratorio.

Acudimos con frecuencia ao material de CSIC e este é dos que máis nos gustou.

Van unhas fotos con xente de 1º ESO traballando nela.






Pódese descargar o tríptico (en issuu) de seguimento.

17 de novembro de 2016

One Rat Short

Fonte da imaxe.
Andamos coa excelente exposición Seres modélicos, entre la naturaleza y el laboratorio e, dentro do  material complementario con que a acompañamos, incluímos esta curta -One Rat Short- que ben paga a pena.



WELL, Alex (2006): One Rat Short. Charlex Films. EEUU.

3 de xuño de 2016

Exposición sobre D. Ramón Mª Aller Ulloa

Continúa a exposición sobre D. Ramón na entrada do Instituto. Nela encontraremos:
  • Unha seleccion dos manuscritos doados por D. Vitorino Gutiérrez, no 2009.
  • Unha biografía  de D. Ramón realizada e ilustrada a man por Natalia Fernández.
  • A bibliografía de D. Ramón, na que se inclúen algunhas primeiras edicións e manuscritos inéditos. 
  • Unha selección de fotos realizadas ou relacionadas co noso sabio cedidas polo Museo de Lalín. A maior parte delas rescatadas por Cecilia Doporto e restauradas por María Alejos.
  • Un exposición vídeo-bibliográfica dos fondos da biblioteca sobre astronomía.