25 de febreiro de 2022

Noelia Seijas: Premio Extraordinario de Odontoloxía


De novo estamos que non nos cabe a autoestima, e é que unha vez máis alumnado de noso vén de sobresaír, neste caso referímonos a Noelia Seijas Otero, Premio Extraordinario de Grao de Odontoloxía, e con que satisfacción recibimos estas novas que nos animan a seguir no noso labor docente.
Mágoa que non se poida acceder libremente á entrevista concedida por Noelia a Faro de Vigo, o que non estaría de máis de cara a divulgar a mesma entre a comunidade educativa.
Moreas de parabéns Noelia.
 
Foto: Faro de Vigo / Xoán Álvarez

 E non podía faltar a foto de Noelia de 2º do Bacharelato do curso 2013-2014:

Copyright : IES Aller Ulloa



Sofía Haselgruber, máxima nota no MIR-2022


A noticia é esa, e así a recollen a revista Redacción Médica (cunha entrevista) e La Voz de Galicia. A lembranza e o orgullo chegan pois da man.

Sofía chegou ao IES Aller Ulloa no 2009, dentro dunha promoción da que algúns só temos recordos imborrables. Algún que outro xa pasou por estas páxinas e seguro que todos deberían estar, por varias e boas razóns. E aquí están... 

A foto de Sofía collémola de La Voz, pero a foto de Sofía da xente coa que compartiiu os seus anos no instituto vén directamente da memoria. 12 anos tería(n), 12 anos pasaron. O sorriso fíxose máis grande, e iso emociona. 

O éxito pola intelixencia posta ao servizo do esforzo é unha aprendizaxe de moitos anos. Esta foto de aquí abaixo recolle, quizais, uns comezos; a foto de arriba unha etapa máis cara ao que só agardamos que sexa o mellor do mellor. Parabéns, Sofía.

Sofía, a primeira á esquerda
 
Unha vez máis congratulámonos do bo facer formativo e profesional da nosa xente e neste caso todos os parabéns son para Sofía Haselgruber, nº 1 do MIR 2022.
A seguir a Sofía de 2º do Bacharelato do curso 2014-2015:
 
Copyright IES Aller Ulloa



24 de febreiro de 2022

Exposición de maquetas de células

Un ano máis a entrada do instituto énchese de maquetas de células eucariotas,  animais e vexetais,  realizadas polo alumnado de 1º da ESO, baixo a coordinación da súa profesora Charo Fernández.

O obxectivo da actividade é que os rapaces e as rapazas do primeiro curso vaian aprendendo as diferentes partes das que consta esta célula, así como a súa forma, e para iso nada mellor que elaborar unha reprodución usando como base esferas de poliestileno ou  láminas de cortiza. Despois toca ir reproducindo o núcleo, a membrana, o aparato de Golgi, as mitocondrias... E aquí a imaxinación de cada quen permitiulle botar man de plastilina, goma eva, gominolas, lacasitos e todo o que tivesen a man.

Aquí vos deixamos unha mostra das moitas maquetas que elaboraron:









23 de febreiro de 2022

Con B de Ciencia (10) : Una carrera de obstáculos

A Carlos, un mozo de dezaseis anos, diagnostícanlle leucemia...

ANFANION (Asociación de familias de niños con cáncer de Castilla - La Mancha) encargoulle a Ciro-Rosell un cómic dirixido a adolescentes sobre o cancro. O resultado foi Una carrera de obstáculos que trata de responder aos múltiples conflitos e interrogantes que iso orixina.

Aquí mesmo o podedes descargar en PDF.

Lembra que na biblioteca temos unha boa selección de títulos de BD sobre o cancro.


22 de febreiro de 2022

CienciAtiras (65) : 22/02/2002

Palíndromo e ambigrama

de Vida de suporte



Campaña de doazón de medula ósea

O alumnado de Cultura Científica (4º da ESO), coordinado pola súa profesora Charo Fernández Blanco, promoveu unha campaña de doazón de medula ósea entre o alumnado do centro. 

A actividade tivo dúas fases:
1. Elaboraración de carteis que mostran en que consiste a leucemia e información de como pode ser combatida grazas ao transplante de medula dun doante compatible. 



2. Nunha segunda fase, foron informando polas aulas para facer chegar á rapazada as condicións para poder ser doador.





Se queredes máis información sobre a doazón de medula ósea podedes acceder á web da Fundación Josep Carreras


20 de febreiro de 2022

Bronce para Denís Iglesias

Denís Iglesias Montes e Adrián Llinares Juiz, alumnos de 2º de Bacharelato do noso IES, metéronse na final autonómica da Olimpíada de Bioloxía. Dos 169 participantes da primeira fase (celebrada online) só 30 pasaron á final, e aí estaban Adrián e Denís. 

Na segunda fase, celebrada o venres na Universidade da Coruña,  Denís fíxose co terceiro posto, e representará a comunidade galega na fase nacional. 

Parabéns para os dous.

Fotografía : La Voz de Galicia



17 de febreiro de 2022

Olímpicos biólogos / biólogos olímpicos: Audaces fortuna iuvat

Denís Iglesias e Adrián Llinares, dirixidos pola profesora Natalia Fernández, son os nosos olímpicos destacados na fase autonómica da Olimpiada Española de Biología. Seleccionados na primeira proba telemática, irán mañá á facultade de Ciencias da UDC, acompañados polo noso Vicedirector Santiago Cerviño, para afrontar a proba definitiva. 

Denís e Adrián


10 de febreiro de 2022

Visita ao Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS)

 Por Natalia Fernández, Profesora de Bioloxía

O mércores 2 de febreiro, o alumnado STEM de 2º do Bacharelato desprazouse ata os laboratorios de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía da USC, para levar a cabo unha práctica con bacteriófagos, os virus que infectan as bacterias.
Tras rematar a actividade, pasearon polo Campus Sur, achegándose ata o Observatorio Astronómico da USC que, ao igual que o noso centro, leva o nome do astrónomo de Lalín,  Ramón Mª Aller Ulloa,
Despois de xantar visitaron o Museo de Historia Natural da USC Luis Iglesias, onde puideron apreciar, entre outras moitas cousas, a magnífica colección de minerais e rochas que alí se expón, así como os modelos cristalográficos de madeira que pertenceron ao matemático de Bermés, Xosé Rodríguez González.





 Ao fío da visita, dous dos alumnos do STEM achegáronnos a seguinte reflexión:

"A actividade resultou moi interesante ao non poder facer uso no laboratorio do noso instituto destas técnicas coas que puidemos observar a actuación de bacteriófagos en disolucións con bacterias. Ao mesmo tempo, puidémonos facer unha idea aproximada do que é a vida na Universidade, e ata accedemos ao interior dos edificios das Facultades de Bioloxía e Medicina"

Marta García e Adrián Llinares, 2º Bac. A





8 de febreiro de 2022

11 F : Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

O 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia,  e como sempre o noso centro súmase a tal conmemoración con diversas actividades coordinadas polo Departamento de Bioloxía.

Así, alumnado de 2º e 4º da ESO e 1º do Bacharelato puido asistir este martes a unha conferencia online, no marco da Semana da Muller e a Nena na Ciencia que tivo como protagonista á asociación Aseica mujer que nos presentou o programa "Conócelas", permitíndonos deste modo coñecer a dúas investigadoras que nos contaron a súa experiencia no ámbito do traballo e  nos mostraron como é o camiño para chegar a ser unha investigadora hoxe en día, para iso, remontáronse aos seus estudos no IES, ao seu paso pola Universidade, á tese doutoral e aos posteriores traballos xa no ámbito da investigación, achegándonos as súas vivencias neste último aspecto. Así:

Inés Martínez Penas mostrounos como contribúe á investigación contra o cancro desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Ana Belén Dávila ensinounos como as nanopartículas poden axudar a que os medicamentos actúen só sobre os tumores sen danar as células boas.

Podedes consultar máis información sobre este programa na súa páxina web: https://www.aseica.es/aseica-mujer-lanza-conocelas

Mar Espinosa, profesora de Química.


 A seguir unhas fotos dos relatorios: