Amosando publicacións coa etiqueta Xeografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xeografía. Amosar todas as publicacións

3 de abril de 2023

Exploración do Pontiñas

A semana pasada, o alumnado de Xeografía de Bacharelato, coa dirección da súa profesora, Marta Otero,  realizou un estudo da auga do Rego das Cabirtas, desde antes do lago do Pontiñas ata O Espiño.

O inicio da actividade implicaba o recoñecemento da flora e fauna de ribeira e, aínda que as árbores están comezado a abrir, o seu porte, a tona ou algunhas inflorescencias e amentos permitían recoñecer os salgueiros, ameneiros e bidueiros. A cor amarela poñíana as leitarugas e o bugallón. Ocas, patos, unha garza, ras e bolboretas foron acompañando os estudantes durante o seu traxecto río abaixo.

A primeira parte do estudo da auga consistía en comprobar se o lago artificial afectaba á velocidade e arrastre de sedimentos do regato, varias medicións, usando cortizas arrastradas pola auga permitiron ao alumnado analizar a velocidade; a recollida de auga servirá para comprobar os pousos que deixa cada zona e, xa no momento, observar a presenza dalgúns animaliños coma miñocas ou zapateiros. Pero a parte que lles resultou máis atractiva e sorprendente foi a comprobación da cantidade de residuos que forman parte do leito, xa desde a súa  parte inicial, especialmente nitratos, probablemente produto da actividade gandeira da zona. As tiras reactivas non deixan lugar a dúbida sobre a contaminación da auga.




As medicións e tomas de mostras fóronse repetindo en varias ocasións, mentres o vento que achegaba a borrasca propiciou outra explicación sobre o cambio de altas a baixas presións atmosféricas. 

No tramo final do regato, á altura do Espiño, nin é necesario recoller mostras: a canalización que verte augas residuais, directamente ao rego, xa o di todo. Aínda así, os rapaces recolleron as mostras entre restos de toalliñas hixiénicas procedentes das augas fecais, que abaneando nos ameneiros indicaban ata onde chegara o caudal do rego nos momentos de máis enchente.


















10 de outubro de 2018

Cartas a Domingo Fontán

O mapa de Fontán (propiamente Carta geométrica de Galicia) é un dos maiores fitos científicos da nosa historia. En 2017, celebrouse o bicentenario do inicio de tan magna obra. En 2018, o seu autor foi elexido como científico galego do ano. Unha boa ocasión para apareceren publicacións que difundan a súa figura.

O Consello da Cultura Galega encargou unha unidade didáctica (descarga en PDF) que constitúe unha magnífica aproximación a Don Domingo Fontán, ademais de incorporar uns moi atractivos exercicios matemáticos.


A revista Ciencia en Galicia, editada pola Real Academia Galega de Ciencias e GCiencia, dedícalle boa parte do anuario 2018.  Pódela descargar en PDF ou visitar a súa versión web: acienciaengalicia2018.gciencia.com.


Nunha e noutra publicación, atopamos o nome da decana da facultade de matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón (como autora, como entrevistada) a quen poderemos escoitar, o mes que vén, no noso centro, dentro das actividades do congreso de Enciga.

A BNE dixitalizou a Carta... e pódela descargar en PDF.