9 de maio de 2019

Galiciencia 2019: Un problema de peso


Un ano máis, o alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de Bacharelato, coordinado pola profesora de bioloxía Natalia Fernández, presenta esta semana un proxecto na Galiciencia. Igual ca na última ocasión, o traballo presentado está relacionado cos hábitos de vida saudables e leva por título Un problema de peso: un mundo cheo de obes@s?

Luz, Marcela e Noelia acompañadas de Natalia.
Velaquí o resumo que Natalia escribiu para o noso blog.

O sobrepeso e a obesidade son problemas de saúde que alcanzan proporcións alarmantes nos adolescentes e na poboación adulta. Calcúlase que, en 2050, o 60% da poboación padecerá obesidade e outras enfermidades derivadas: diabetes, hipertensión, problemas óseos e articulares, síndrome metabólica, asma, problemas psicolóxicos, etc. Estas complicacións, propias dos adultos, empezan a ser frecuentes a idades cada vez máis temperás. Estudos recentes confirman que unha alimentación pouco saudable, cun consumo elevado de produtos industriais, excesiva inxesta calórica polo abuso de alimentos moi enerxéticos (refrescos, doces, bolería, snacks, comida rápida, elevada achega de azúcares, fariñas refinadas, graxas, sal, embutidos...), inxesta deficiente de froitas, legumes e verduras, unido á vida sedentaria, favorece a aparición de doenzas asociadas ao sobrepeso e á obesidade, como as cardiovasculares, a diabetes ou o cancro.
 É moi importante intervir a nivel educativo para romper esta tendencia e que o alumnado aprenda e valore a importancia e os beneficios da adquisición de bos hábitos na súa conduta alimentaria. Para facer este traballo formulámonos preguntas como as seguintes:

  • Que é o índice glicémico dos alimentos?
  • Que é a taxa de metabolismo basal?
  • Que é o índice de masa corporal?
  • Temos todos as mesmas necesidades energéticas?
  • Como é a anatomía e a fisioloxía do aparello dixestivo?
  • Que enfermidades teñen a súa orixe na obesidad?
  • Como funciona a insulina producida polo páncreas?
  • Como evolucionou a alimentación desde as orixes do ser humano ata os nosos días?
  • Por que deberíamos de reducir o consumo de determinados alimentos? 

Faro de Vigo (Deza): 09/05/2019




Ningún comentario:

Publicar un comentario