8 de maio de 2019

Encontro con Ben Feringa, premio Nobel de Química en 2016


Na tarde de onte desprazámonos ao CIQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC, para asistir a un encontro co Profesor Ben Feringa, premio Nobel de Química de 2016 polo "Deseño e síntese de máquinas moleculares".

Tras recibir unha invitación do CIQUS, convidamos cinco estudantes de brillante expediente académico que tiveron así a oportunidade de coñecer o profesor Feringa, unha persoa moi próxima que conectou dun xeito espectacular coa audiencia.

A charla, "A arte de construír en pequeno", ía dirixida a estudantes de secundaria de Galicia e estaba enmarcada nas actividades que a USC organiza dentro do seu Programa ConCiencia. Nela falou da súa orixe, dos seus primeiros contactos coa ciencia, de como influíu nel un profesor cando era estudante, do seu campo de investigación e posibles aplicacións, e por suposto, do que supuxo para el o galardón recibido. Animou en todo momento os asistentes a perseguiren os seus soños.

Tras a súa intervención abriuse unha rolda de preguntas na que participaron varios estudantes, entre eles o noso alumno Rubén Fontán de 4º de ESO. Rematou o evento cunha sesión fotográfica e cun pequeno ágape.

Foi unha experiencia de seguro inesquecible para todos. 

Moitas grazas aos organizadores: Jorge Mira, Diego Peña e Jose Luis Mascareñas.


De esquerda a dereita: Laura López, Pablo García,
María Abeledo, Ben Feringa, Rubén Fontán e Marta Ceán.
María, Rubén e Marta con Ben Feringa.
Imaxe de www.usc.es/ciqus

Imaxe de www.usc.es/ciqus

O Profesor Feringa ao inicio da conferencia.
Imaxe de www.usc.es/ciqus

O Profesor Feringa durante a rolda de preguntas.



As alumnas e alumnos do IES Aller Ulloa
uns minutos antes de comenzar o evento.
La Voz de Galicia (Deza): 08/05/2019


Entrevista en La Voz de Galicia (08/05/2019)

Ningún comentario:

Publicar un comentario