4 de febreiro de 2018

Con B de Ciencia (2) : Mujeres de ciencia / Popi.


Popi, tamén coñecido como Iñaki Redín, é profesor de bioloxía por decantación. No seu afán por innovar e ampliar ferramentas para desenvolver o seu traballo, decidiu elaborar os seus propios cadriños (iso si, coa axuda do seu fillo aos lapis) para ilustrar partes do programa das súas materias.

Todos están na rede, no seu sitio Comicreando, e todos son de descarga gratuíta.

Entre eles, está Mujeres de Ciencia. Cal mellor para presentar Popi nesta quincena do 11F?


Mujeres de Ciencia consta de catorce páxinas nas que a maioría de cadriños son estampas dedicadas a achegas científicas realizadas por mulleres, desde Hipatia até Linda B. Buck. Intercalados, atopamos outros que nos ilustran sobre a tremenda hostilidade que, ao longo da historia, a muller  ten que ir vencendo na súa procura do coñecemento científico.

31 de xaneiro de 2018

Encontro con Isabel Riveiro e María Saínza.

No marco das actividades do Día internacional da muller e a nena na ciencia, teremos un encontro con Isabel Riveiro e María Saínza, biólogas do Centro oceanográfico de Vigo. 

Será o mércores, 7 de febreiro, ás 11.30, na biblioteca.




30 de xaneiro de 2018

Astrónomas que fixeron historia

Coas láminas do calendario Astrónomas que fixeron historia, argallamos unha pequena exposición para celebrar o 11F.


Acompañámolas dalgunhas suxestións en diversos formatos e dun cuestionario que podedes dexergar no tríptico co que acompañamos habitualmente as exposicións.
 

25 de xaneiro de 2018

Con B de Ciencia (1) : The Manhattan Projects


Queriamos dicir BD con Ciencia, pero trabucámonos e ímolo deixar así: Con B de Ciencia (Con BD Ciencia) atende ao noso gusto polo xogos de palabras. A iniciativa partiu da Marela B e trátase de ir presentando obras de banda deseñada relacionadas coa ciencia. Xeralmente serán de corte divulgativo e/ou biográfico, pero xa esta primeira nos advirte de que haberá excepcións.


Ben sabedes que o Proxecto Manhattan foi un proxecto científico impulsado polos EUA para a investigación e o desenvolvemento que, entre outras cousas, produciu as primeiras bombas atómicas.


Ben o sabedes, pero iso non é máis que a verdade oficial. Jonathan Hickman descubriu, en 2012, que o tal proxecto só foi unha tapadeira doutros moitos nos que estaban implicadas figuras centrais da ciencia e a política do século XX.

Estea ou non no certo, do que non se dubida é de que The Manhattan Projects é un cómic divertidísimo que pon patas arriba algunhas das maiores xenialidades científicas e persoeiros político-militares do século pasado.


As tramas perfectamente trazadas, o humor absurdo, o enxeño ao bordo do disparate, a parodia total... caracterizan os guións de Hickman.

O traballo aos lapis, distorsionado e caricaturesco, de Nick Pitarra está en total consonancia.


Se vos parades a indagar quen son os personaxes que van aparecendo ou as ideas científicas referenciadas, divertirédesvos moito máis. Pero tampouco fai falta saber quen son Robert Oppenheimer, Albert Einstein, Richard Feynman, Enrico Fermi, William Westmoreland,  Harry Daghlian,  Wernher von Braun,  Leslie Groves,  Franklin D. Roosevelt, Lyndon B. Johnson, Harry S. Truman, Yuri Gagarin,  Helmutt Gröttrup, Dmitriy Ustinov,  John F. Kennedy ou a mesma cadela Laika, porque a obra xa se encarga de crear o seu propio e desquiciado mundo que vos acabará atrapando.


Xa sabedes que as atopades na biblioteca e que a Marelabe vos remite a diversas opinións e informacións sobre os tomos publicados por Planeta:

Los proyectos Manhattan [1]
Los proyectos Manhattan [2]
Los proyectos Manhattan [3]
Los proyectos Manhattan [4] : Lo hicimos
Los proyectos Manhattan [5] : Perro espacial
Los proyectos Manhattan [6] : El sol más allá de las estrellas.