5 de setembro de 2018

Con B de Ciencia (4): Cosmicómic: El descubrimiento del Big Bang.



Amedeo Balbi  e Rossano Piccioni relátannos, con ingredientes de novela de misterio, o descubrimento do Big Bang. O grande enigma é a orixe do universo, a detective que debe resolvelo será a comunidade científica. Nesta, atoparemos quen procura e recaba datos e quen elabora hipóteses e teorías. No momento en que uns e outras encaixen, o misterio quedará resolto.

Así é que, por un lado, Cosmicómic preséntanos a Penzias e Wilson medindo un ruído de fondo que inunda o universo, para o que non atopan explicación; igual que non lla atopa Hubble á conclusión que lle ofrecen as súas medicións: aparentemente, as galaxias estanse afastando da terra. Por outra, encontramos a Friedman, Lamaître ou Gamow. Estes formulan hipóteses ("o universo expándese e, se é así, tivo que haber un momento e que a distancia entre todos os seus puntos debeu ser nula"), pero carecen de datos con que demostralas. Tamén a Hoyle, Bondi e Gold, que idean un espazo estacionario. Tamén a Einstein,  empeñado nun universo estático, pero capaz de rectificar despois.

A BD, que se estende durante medio século, desenvólvese -tanto no aspecto "literario", como grafico- nun relato sobrio e fluído, ameno e preciso. A limpeza da narración e a claridade con que expón os conceptos científicos fai que case non advirtamos a cantidade e a dificultade de comprensión dos mesmos, polo que cada nova lectura representa unha lectura máis avanzada, máis complexa e rica que a anterior.

O desenlace xa o coñecedes: o ruído non era ruído, era un sinal, un sinal "que non proviña dunha fonte concreta senón de todo o espazo. O universo estivera a unha temperatura moi alta tras o Big Bang, e despois expandírase e arrefriara durante miles de millóns de anos" (p. 110, trad.). Sen quereren, Penzias e Wilson mediran o que restaba daquela calor inicial, descubriran o máis antigo de todos os fósiles. A teoría do Big Bang botou corpo.

(Xa sabedes, na Marela BD, varias ligazóns sobre a obra)

Ningún comentario:

Publicar un comentario