1 de febreiro de 2017

Ao fío do encontro co grupo de investigación do Reino Protista

  


Por Antía Rodríguez Fernández (1º bach A)

   O venres 25 de novembro, alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato mostraron na biblioteca do centro o traballo que realizaron o curso pasado na clase de Bioloxía coa axuda da profesora Natalia Fernández e que, ademais, presentaron na XVI Reunión do grupo especializado en filoxenia, taxonomía e diversidade da Sociedade Española de Microbioloxía. Este traballo consistiu na investigación de organismos do reino protista en mostras de auga dóce.
   Ao comezo da exposición, un dos alumnos, Óscar, fixo unha breve introdución sobre o traballo e sobre o Reino Protista, citando, por exemplo, a Lynn Margulis e a Teoría da endosimbiose. A seguir, a súa compañeira, Sara, describiu os obxectivos do proxecto, así como o procedemento que empregaron para observar ao microscopio os diversos organismos do Reino Protista que eles mesmos recolleron en diferentes lugares coma charcas, fontes, lagoas…  
   Logo desta introdución ao proxecto, os demais alumnos do grupo de traballo (Sarai, Antía, Laura, José Manuel, Olimpia, Emma e Nerea) profundaron máis en varios grupos do Reino Protista, mostrando con imaxes as súas características principais, entre as que destacan a súa estrutura vista ao o microscopio ou a rapidez dalgúns destes organismos que impedía fotografalos facilmente, fronte á lentitude doutros coma a ameba. Tamén destacaron a capacidade de moitos destes organismos para agruparse en colonias, adoptando diferentes formas, ou a maneira que teñen de reaccionar ante un estímulo, contraéndose de xeito veloz.
   Para concluir a exposición, destacaron o aprendido ao realizar o traballo, que para eles supuxo o descubrimento duns seres dos que estamos rodeados e que son de grande importancia nos ecosistemas. Xa rematando o relatorio, os alumnos e as alumnas que realizaron este traballo non dubidaron en agradecerlle á Sociedade Española de Microbioloxía o feito de contar con eles no congreso ao que asistiron o curso pasado.



Ningún comentario:

Publicar un comentario