22 de xaneiro de 2016

Exposición: Con A de astrónomas



Esta é unha historia que empeza hai miles de anos, quizais centos de miles.
Cando as nosas antepasadas, con “a”, miraron ao ceo e se preguntaron polo que había nel. É seguro que, xa entón, as mulleres mediron o tempo observando a Lúa e o Sol.

Miles de anos despois, outras mulleres dirixiron a súa mirada ao Cosmos e converteron na súa profesión investigar os seus misterios. Esas son as astrónomas, tamén con “a”. Foron moitas, moitísimas. En todas as épocas da historia houbo astrónomas. Todas elas, co seu esforzo e dedicación, fixeron
avanzar a ciencia. Algunhas realizaron achados transcendentais. Esta exposición mostra algunhas das súas contribucións.

Esta historia tamén fala doutro “a”, a de astronomía, claro. Resoan ademais moitos outros as: a de avanzar, a de arela, a de afouteza, a de alegría, a de análise.
De antes e de agora. De aprendizaxe. Pero tamén de algo de amargura, porque as mulleres tiveron que enfrontarse sempre a moitos obstáculos para desenvolveren o seu coñecemento.
O texto que precede é o de presentación da exposición Con A de astrónomas, que nos acompañará na entrada do instituto, a partir do luns.

A exposición componse de trece paneis que trazan un percorrido polos momentos cruciais da astrofísica e o papel fundamental que moitas mulleres tiveron no avance desta ciencia. Fora confeccionada no 2009, Ano Internacional da Astronomía, coa colaboración de nove astrónomas. Unha delas Josefina Ling, da USC, que foi a comisaria, deunos facilidades inmensas para dispoñermos dela e aínda nos agasallará coa súa presenza na primeira semana de febreiro.

Comezamos así as actividades conmemorativas do Quincuaxésimo cabodano de D. Ramón Aller.

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario