2 de decembro de 2015

Lecturas : Antimateria, magia y poesía / José Edelstein & Andrés Gomberoff



A Universidade de Santiago de Compostela tivo a ben iniciar unha colección de divulgación científica. Con respecto do mundo anglosaxón, levamos décadas de atraso nesta tarefa, aínda que nos últimos anos varios científicos e editoriais de España están intentando paliar esta deficiencia (entre eles, Jorge Wagensberg, prologuista deste libro e director da colección Metatemas de Tusquets). A divulgación da ciencia, do coñecemento especializado en xeral, forma parte da idea dunha educación permanente da sociedade. Entre o ensino xeral da secundaria e a especialización laboral hai un baleiro formativo intolerable para unha sociedade adulta e moderna, e é precisamente para enchelo para o que este tipo de publicacións son imprescindibles.

O libro de Edelstein e Gomberoff (de título desafortunado por enganoso), escrito cunha axilidade lingüística que un asocia inevitablemente á orixe hispanoamericana de ambos, é unha breve e rapidísima exposición dalgúns dos temas máis relevantes da física actual, especialmente a orientada á cosmoloxía: a antimateria, os neutrinos, o bosón de Higgs, a nada, os buratos negros, etc. O único tema que recibe un tratamento máis por extenso é o da simetría, asunto de non pouca importancia.

A técnica expositiva dos autores baséase nunha explicación teórica mínima, pero precisa, do tema en cuestión, á que engaden, por unha banda, exemplos e comparacións moi de andar por casa, e, por outra, unha serie de pinceladas biográficas dos principais científicos involucrados. O resultado é unha entretida amalgama informativa que serve como guía inicial para unha introdución nos mencionados temas. (C.M.)

Desde a A Marela Tarabela.

EDELSTEIN, José y Andrés GOMBEROFF (2014): Antimateria, magia y poesía. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario