10 de xuño de 2015

Lecturas: Universos ocultos / Lisa Randall

Este libro de Lisa Randall, profesora da Universidade de Harvard, é, antes que nada, unha completa exposición divulgativa da teoría de cordas, a candidata máis coñecida para conseguir combinar a mecánica cuántica coa gravidade. Alén do chamado modelo estándar da física de partículas (o que todos, máis ou menos, coñecemos), esta teoría aposta pola existencia dunha entidade física elemental (non divisible e unidimensional), a corda, que sería unha especie de segmento de enerxía que, dependendo da sua oscilación ou vibración, daría lugar ás partículas. 
 

Non obstante, malia se relacionaren con ela poucas veces, o máis coñecido da teoría de cordas son dous dos seus corolarios: por un lado, a posible existencia de, como mínimo, 6 dimensións espaciais máis, e, por outro, a posible existencia de branas, unha sorte de universos paralelos (entre os que estaría o noso) con condicións e características físicas de seu; isto é, simplificadamente, a teoría de cordas aposta pola existencia dun multiverso. A explicación do que son esas dimensións ocultas é absolutamente clarificadora ao respecto.


Polo demais, o libro da profesora Randall funciona tamén como manual de física e cosmoloxía básicas. Aínda que cun estilo expositivo en ocasións exasperante pola súa obsesión con certo ton informal que se confunde coa prolixidade, ao longo das súas páxinas podemos encontrar tratados cunha destacable habilidade explicativa os grandes temas da física relativista e cuántica. En concreto, Randall é quen de sortear calquera complicación no asunto da dualidade onda/partícula, e no seu tratamento da mecánica cuántica, o experimento da dobre regaña está exposto con bastante claridade. É moi clarificadora tamén a súa explicación de como se materializan as distintas forzas físicas; neste sentido, cobre un terreo moi difícil de atopar noutros libros acerca de cal es el papel exacto que desempeñan os bosóns gauges na transmisión desas forzas entre partículas, e que é, realmente, o que dá sentido a todo. A este respecto, a súa discusión da forza débil é apaixonante e o seu panorama das partículas e das relacións e forzas entre elas é altamente informativo. (C. M.)
 

RANDALL, Lisa (2011): Universos ocultos. Un viaje a las dimensiones extras del cosmos. Acantilado. Barcelona.

Desde A marela tarabela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario