Este ensaio de divulgación científica intenta explicar como o universo puido xurdir, realmente, de (a) nada. Este obxectivo, aínda que intrinsecamente de interese científico, plantéxase neste libro, de forma explícita, como unha achega máis das moitas que nos Estados Unidos un grupo de científicos de primeira fila están realizando estes últimos anos na confrontación cos creacionistas. Neste sentido, significativamente, a obra vén reforzada por un postfacio do biólogo Richard Dawkins, adaíl nesa disputa.
Desde o punto de vista científico, o máis valioso d'Un universo de la nada é que é dos poucos libros de divulgación que se dedica case integramente a discutir a hora 0 do universo; e, de se comparar, por exemplo, coas obras tamén recentes de Richard Penrose (Los ciclos del tiempo) e de Martin Bojowald (Antes del Big Bang), é o máis claro para o afeccionado.
A idea clave para entender isto, desenvolta por Richard Feynman, suxire que en períodos inimaxinablemente breves, tanto que a medición precisa da súa velocidade é inviable, as partículas poden chegar a superar a velocidade da luz; e así, seguindo a Einstein, isto suporía que o seu comportamento reflectiría un ir cara atrás no tempo. Para o caso dun electrón, a consecuencia sería a aparición espontánea, nalgún lugar do espazo, dun par electrón-positrón, parella que se desfaría cando o positrón se anulase ao atoparse co electrón inicial. En resumidas contas, en condicións moi específicas, é factible a aparición da nada de partículas virtuais.
Un efecto non desexado da existencia desas partículas virtuais é que, obviamente, xeran enerxía, pero non pouca: tanta, que o seu cálculo resulta sinxelamente incompatible coa existencia do universo tal e como o coñecemos, isto é, plano e con determinadas estruturas materiais no seu interior.
En 1995, o propio Krauss e Michael Turner propuxeron a hipótese de que esas partículas virtuais chegan a anularse entre sí, deixando o espazo baleiro cunha enerxía escura de case cero, unha case nada que sería a responsable da forza de repulsión necesaria para dominar a expansión acelerada do noso universo. Poucos anos despois, a hipótese foi confirmada e estableceuse que "o único universo plano consistente coa estrutura a grande escala observada no universo é o que conta aproximadamente con 70% de enerxía escura e (...) esa enerxía escura actúa máis o menos como a enerxía representada por unha constante cosmolóxica."
Chegado a este punto, o autor céntrase nas condicións iniciais do universo que permitieron chegar á planitude actual. Explica o concepto de transición de fase e aborda o chamado periodo inflacionario, cuxa orixe está, precisamente, nas fluctuacións cuánticas do espazo baleiro. Conxeladas durante esa inflación que expandiu o universo nun factor de máis de 1028 , elas serían as responsables, posteriormente, das densidades que orixinarían todo o que hai, previo paso polo big bang. Un todo o que hai que xorde, así, literalmente, da nada, "sen a necesidade de ningunha guía divina."
O libro, antes dos capítulos finais de confrontación directa coa relixión, aborda otros temas de moito interese, como o do carácter especial da etapa do universo no que vivimos, a posibilidade doutros universos na liña do que suxire a teoría de cordas, os vínculos desa orixe da nada coa aparición da vida, as implicacións que tería unha teoría cuántica da gravidade ao aplicar os mecanismos cuánticos ás propiedades do propio espazo, etc.
É un libro breve, pero extraordinariamente intenso e instrutivo desde o punto de vista científico.
En canto á súa achega ao debate coa relixión, como xa apuntei ao principio, o libro forma parte dunha paisaxe propia dos Estados Unidos. Para entender a que vén no medio deste despregue de ciencia de primeiro nivel o intento de razoar por que non é necesario Deus, un debe primeiro informarse de cal é a rocambolesca presenza social dos creacionistas nese país. Só así é posible ser condescendente con tan grande atrevemento, que de ningún xeito é exclusivo deste autor; a lectura continuada deste tipo de libros fai perceptible unha contraofensiva desnortada de moitos científicos contra todo o que non sexa ciencia. Por poñer un exemplo dun libro que haberemos comentar aquí, na primeira páxina do excelente El gran diseño, de Stephen Hawking e Leonard Mlodinow, afírmase gratuitamente: a filosofía morreu.
Esta trampa na que cae a ciencia ao entrometerse en asuntos que non son da súa incumbencia, como tal ciencia, é perceptible na resposta que Krauss dá á pregunta de por que hai algo en vez de nada: porque a nada é inestable. A trampa é aceptar esa pregunta, pois esa pregunta formúlase desde o lado da relixión e polo tanto, a súa semántica só é entendible desde ela. Esa pregunta fala dunha nada que non é deste mundo, mentres que Kraus fala dunha que si o é.
Se cadra o autor debería no futuro responder á pregunta que realmente xorde como consecuencia do que a súa tarefa como científico nos demostra: por que sempre houbo algo? (C. M.)
KRAUSS,
Lawrence
M.
(2013): Un
universo de la nada.
¿Por
qué hay algo en vez de nada?.
Pasado
y Presente.
Barcelona.
desde A Marela Tarabela.
desde A Marela Tarabela.
de
Ningún comentario:
Publicar un comentario