Os
protagonistas deste libro son o bosón de Higgs e o descubridor do mesmo, pero
non o señor
Higgs, senón o gran colisor de hadróns controlado polo CERN.
La
partícula al final del universo explica a historia e o funcionamento da "máquina máis grande e máis complexa que o ser humano construíu xamais" e,
simultaneamente, na liña dese apaixonante oxímoro
científico que anoa a física de partículas coa cosmoloxía
para xerar un intento de explicación da realidade,
describe a singular posición no cadro do modelo estándar do
que é o seu descubrimento máis relevante: o bosón de Higgs, esa
palpitación dun campo
sustentado sobre o baleiro que fai que as partículas elementais
teñan masa.
Como
ocorre na maioría dos libros de divulgación física, este de
Sean Carroll, ademais de tratar dun aspecto concreto do seu ámbito
de interese (aquí, o bosón
de Higgs), aproveita
tamén para repasar
certos
fundamentos da especialidade: neste caso, tanto nos tres
primeiros capítulos do libro como nos tres apéndices que
contén, Carroll describe as liñas fundamentais dese chamado modelo estándar da
física de partículas.
Polo demais, á parte
do interese concreto que ten o libro pola súa explicación in
extenso do bosón de
Higgs e dos fundamentos históricos,
científicos,
técnicos e humanos do
colisor de hadróns, a obra de Carroll fai precisións
clarificadoras para o afeccionado sobre un
concepto de innegable opacidade como é o de campo, e, en concreto,
sobre o de campo cuántico, cuxo protagonismo na orixe mesma do
universo e na discusión do concepto de baleiro ou de nada física
é evidente. (C.M.)
CARROLL, Sean (2013): La partícula al final del universo: Del bosón de Higgs al umbral de un nuevo mundo. Debate. Barcelona.
Desde A Marela Tarabela.
CARROLL, Sean (2013): La partícula al final del universo: Del bosón de Higgs al umbral de un nuevo mundo. Debate. Barcelona.
Desde A Marela Tarabela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario