9 de xuño de 2022
25 de maio de 2022
Club de ciencia no Pontiñas
A pesar da choiva, o frío e os exames, os intrépidos e aguerridos membros do Club de Ciencia animáronse a seguir as súas profesoras e o seu profesor de Xeografía e Bioloxía, respectivamente, e estudar algúns detalles sobre o río que forma o Lago do Pontiñas.
Despois de ser recibidos, de maneira clamorosa, polas ocas, descubriron que o nome oficial do leito que forma o lago é Rego de Cabirtas. Algúns xa o sabían. Tamén que as súas augas van ao Asneiro, logo ata o Deza e finalmente acaban, grazas ao Ulla, na Ría de Arousa. O día chuvioso permitiu apreciar a cantidade de sedimentos que arrastra o regato, e as medicións previas da profesora Marta Otero demostráronlles ao resto de asistentes á actividade que, nun día, pode transportar case unha tonelada de residuos sólidos. Marta só tivo que recoller a auga nunha botelliña, fervela para quedar só cos restos sólidos e pesalos. Logo faise o cálculo e xa sabemos como pode ir medrando o delta no que todo iso vai acabar.
Na parte alta, o problema foi outro, a mala conservación da ribeira, inzada de herba alta, e o esvaradío das pedras ameazaron con que algún participante acabase na auga. Por sorte o único que foi dar ao lago foi unha das follas do caderno de campo, iso si, recuperada e entregada ao día seguinte cos cálculos feitos.
Aprender desta maneira resultou entretido e divertido. Pero no Pontiñas tamén hai un parque de xogos, e non se podía desaproveitar.
29 de abril de 2022
Ao fío do Encontro con Juan Gestal Otero
Organizado e coordinado polas profesoras Alba Payo de Xeografía e Historia e Ana Penas de Bioloxía, o pasado 6 de marzo tivo lugar un Encontro con Juan Gestal Otero arredor da Historia das pandemias perante o alumnado de 4º da ESO de Cultura científica.
O profesor debullou a evolución do virus dende a súa aparición hai xa dous anos en Wuhan ata as últimas novidades en canto a medidas e coñecemento científico deste coronavirus. E case máis importante, desmentiu trolas que circulan polas redes sociais e teorías conspiracionistas.
Para o noso acougo, e aínda que dixo non ter unha bóla de cristial, augura unha normalización da vida cotiá máis cedo que tarde, debido por un lado á inmunidade que nos ofrecen as vacinas e por outro á maior capacidade de contaxio da variante ómicron que xerou inmunidade de xeito natural a aquelas persoas que contraeron a enfermidade.
Aínda que OLLO! “O virus xa nos enganou dúas veces” pero desta volta é máis optimista, o tempo é un aliado e a circulación doutros virus respiratorios unha boa nova.
E antes de marchar de volta á USC aínda tivo tempo de dedicarnos a súa última publicación, Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, publicado por Bolanda.
E ao fío do Encontro con Juan Gestal non está de máis botarlle unha tranquila ollada ao libro Pandemias, froito da Exposición Pandemias, proxecto desenvolvido o curso anterior.
25 de febreiro de 2022
Noelia Seijas: Premio Extraordinario de Odontoloxía
| Foto: Faro de Vigo / Xoán Álvarez |
E non podía faltar a foto de Noelia de 2º do Bacharelato do curso 2013-2014:
| Copyright : IES Aller Ulloa |
Sofía Haselgruber, máxima nota no MIR-2022
Sofía chegou ao IES Aller Ulloa no 2009, dentro dunha promoción da que algúns só temos recordos imborrables. Algún que outro xa pasou por estas páxinas e seguro que todos deberían estar, por varias e boas razóns. E aquí están...
A foto de Sofía collémola de La Voz, pero a foto de Sofía da xente coa que compartiiu os seus anos no instituto vén directamente da memoria. 12 anos tería(n), 12 anos pasaron. O sorriso fíxose máis grande, e iso emociona.
O éxito pola intelixencia posta ao servizo do esforzo é unha aprendizaxe de moitos anos. Esta foto de aquí abaixo recolle, quizais, uns comezos; a foto de arriba unha etapa máis cara ao que só agardamos que sexa o mellor do mellor. Parabéns, Sofía.
















