5 de marzo de 2015

Campus científico de verán

Realizouse a convocatoria 2015 do Campus científico de verán para estudantes de 4º ESO e 1º BAC. Carlos Meixide, que acudiu o ano pasado, relátanos a súa experiencia e anímavos a participar.

Universidade Carlos III de Madrid: deseño e construción de microrrobots, do 6 ao 12 de xullo de 2014.
Por Carlos Meixide
“Se soubese o que estou facendo, non lle chamaría investigación, verdade?”, dixo Einstein. E a verdade é que no fondo non erra en que ninguén dos que chegabamos dende lonxe, cansados de parar nunha chea de estacións para baixar, correr para non perder o metro turrando pola maleta na que nosos pais nos meteron un mundo, equivocarse, perdelo e toda unha sorte de adversidades das que un despois se sente orgulloso e gusta de narrar; por moito que presumiramos de marchar de viaxe, non  faciamos nin a máis mínima idea de que ía aquilo e das continxencias que podía supoñer. Con todo, este ambiguo escepticismo ao que nos viamos sometidos ao darnos a man conforme iamos chegando á residencia e dicindo o noso nome en voz baixiña ía minguando a medida que nos decatabamos de que non estabamos tratando coas estrañas persoas pouco faladoras e insulsos científicos a pé fixo que todos nos imaxinabamos de camiño a Madrid. Acaeceu o oposto, se eramos todos iguais! Ao relegarmos o medo á diversión, todo se normalizou e a primeira noite xa se oíron principios dun barullo festeiro- sempre eutrapélico- nos cuartos.



Secomasí, chegou o primeiro día e con el a escisión do grupo en cadanseus departamentos que tiñamos asignados. Foi todo un pracer e unha honra pasar esas mañás compartindo longas conversas cos catedráticos de automática, electrónica e informática. Revivir vellos tempos de programación en C, posta en funcionamento de humanoides, robótica aplicada á astrofísica, simulación Java de estruturas robóticas, matemáticas discretas, manipulación de impresoras 3D... Sobra enumerar todas as áreas do saber tecnolóxico a cuxas fiestras nos asomamos de xeito vago e tímido. Pracer é ver como o pequeno skybot move unha roda tras horas e horas de variables, operadores e estruturas flotantes.
Así a todo, despois de xantar o rigor científico semellaba desaparecer para dar paso a aqueles partidos de fútbol e volei baixo o espléndido sol do serán ou, de cando en vez, non se lle facía excepción a un bo partido de waterpolo. Mesmo facer o pallaso semellaba ser para nós unha descarga contra o rigor ao que nos sometía a ciencia polas mañás.
Pasaron os días e a conferencia televisiva achegábase. Pero a tarefa ardua e máis complexa era a despedida, intre que pouco a pouco socabava as nosas morais.
En suma, debémonos liberar de todos os falsos atisbos sobre as decisións de viaxar sós e coñecer sitios, ámbitos e xente completamente estupenda que, dun xeito ou outro, fai que este tipo de experiencias deixen unha pegada nas vidas das persoas.
A conclusión é sinxela: ánimo, a ciencia non se fai soa! Poder experimentar sen consecuencias as rutinas daquelas personaxes grazas ás que hoxe en día existe o transistor, se sabe da existencia do ADN ou mesmo é posíbel poñer ao home na lúa é máis que un perfecto agasallo.
Accede aquí toda a información da convocatoria de 2015. Prazo de presentación das solicitudes ata o 20 de marzo.

4 de marzo de 2015

Ao fío do encontro con Carmen Pérez Pérez


Por Daniel Fernández Paz

A profesora Carmen Pérez ofreceunos unha charla informativa sobre un dos materiais máis novos e, á súa vez, con máis importancia na actualidade: o plástico.
 
Este material está formado en reaccións de polimerización (proceso químico no que moléculas pequenas pasan a formar moléculas máis grandes, chamadas polímeros) levadas a cabo en plantas petroquímicas. O plástico, hoxe en día, podémolo atopar en tódolos ámbitos xa que as súas características se poden adaptar á función que nós queiramos, dende carrocerías de automóbiles que serven para reducir impactos, ata todo tipo de obxectos como moita da roupa que empregamos. Os plásticos teñen a vantaxe de ser sinxelos de fabricar, moi baratos e lixeiros en comparación con outros tipos de materiais, de aí a súa grande importancia.

A pesar de todos os seus puntos fortes, tamén conta con alguns puntos febles. Un dos principais e a reciclaxe, xa que unicamente se poden reutilizar poucos tipos de plásticos (Polietileno, polipropileno ou poliestireno entre eles) e depende en gran parte da colaboración do propio consumidor e o seu correcto emprego dos colectores do lixo. Outra das súas materias pendentes son as substancias contaminantes que se verten á atmosfera no seu proceso de fabricación nas plantas petroquímicas.

26 de febreiro de 2015

Toc - toca: Exposición "Plásticos"

Aínda quedou ben xeitosa a exposición sobre os plásticos...









Como tantas cousas que se nos fixeron imprescindibles, os plásticos teñen a súa cara escura e, nesta, sen dúbida, destaca a contaminación dos mares. Aquí tedes un par de artigos sobre o tema:
Neste magnífico sitio, Tara, atopades unha extraordinaria experiencia: Tara méditarranée: une expédition scientifique pour étudier la pollution plastique.
Ademais diso, recomendámosvos esta unidade didáctica, cargada de información e suxestións: Plásticos en automóbiles: polimerización e reciclaxe.

Unha excelente visións xeral: Desengancharse del plástico : problemas de un material ubicuo (2015). [Madrid] : Ecologistas en Acción.



11 de febreiro de 2015

Ao fío do encontro con Bernardo Andeva Andany


Por Claudia Alonso
  
O home sempre buscou a orixe do universo e as súas partículas fundamentais. Antigamente, cos presocráticos, había quen buscaba archés dos que se formaría todo (aire, lume, auga, ect). Con todo, o mundo cambiou dende aqueles tempos e aínda que se seguen a buscar os compoñentes fundamentais da materia (e como interaccionan), hoxe facémolo dende a prespectiva da física de partículas. O pasado xoves tivemos a honra de recibir a Bernardo Adeva Andany, catedrático de física atómica e molecular da USC. Puidemos escoitar información relativa aos quarks e á antimateria de alguén que a coñece de primeira man, pois ademáis de traballar no sincrotrón DESY de Hamburgo xunto co premio Nobel Samuel Ting, o seu grupo de investigación da USC participou no experimento LHCb do CERN.
 
A charla, tremendamente produtiva, seguramente deixou sorprendido a máis de un. Por unha parte, falouse do complexo asunto da antimateria e a materia. Cada partícula posúe a súa antipartícula (un electrón ten a súa antipartícula no positrón, un electrón positivo), e se as partículas forman a materia, as antipartículas formarán a antimateria loxicamente. Porén, a materia e a antimateria deberían terse aniquilado mutuamente, pero non foi así xa que predomina a materia. O profesor Adeva mencionou a posibilidade de que houbera galaxias formadas por antimateria, aínda que nunca se observou ningunha.

 Por outra parte,  sorprendeunos cos científicos mencionados, pois todos esperábamos oír nomes como o de Stephen Hawking, pero non foi así. Foron nomes importantes neste ámbito, segundo o catedrático, Paul Dirac e Georges Lemaître.  O primeiro predixo a mesma existencia de antimateria (tema principal da charla) e o segundo propuso o Big Bang. Isto último é especialmente sorprendente pois tratábase dun cura, o cal é pouco habitual cando falamos de temas de física. Ademais, esta teoría hoxe aceptada foi desacreditada por Einstein, que tiña moito prestixio na comunidade científica xa daquelas. Finalmente, cabe mencionar a desilusión xeral ou decepción de Adeva no seu traballo no LHC, pois el tiña a esperanza de poder romper o modelo actual. Isto non significa que as súas observacións non foran importantes, senón todo o contrario, pois axudaron a negar certas teorías que se estaban a plantexar.

 As ideas e a información exposta por Bernardo Adeva foi moita e difícil de resumir e, aínda que nos resolveu moitas dúbidas sobre esta materia, deixou novas dúbidas sobre a física actual. Preguntas difíciles de responder pero, ás veces, as preguntas son máis importantes que as respostas.

9 de febreiro de 2015

Edgard: tan incomprendido como a física

Edgar é un inadaptado, un incomprendido (tan incomprendido como a física!) e decide cambiar de vida:
http://edgarhq.blogspot.com.br/search?updated-max=2013-10-09T04:18:00-07:00&max-results=7&start=14&by-date=false

Tamén é certo que a física lle axuda a vencer determinados contratempos e desasosegos:

http://edgarhq.blogspot.com.br/2013/10/edgar-4.html

O caso é que nós podemos acompañar Edgar na procura dunha nova vida e irmos atopando unha chea de fenómenos naturais que ben merecen a súa explicación científica.


A crónica dos días de Edgar é relatada por Gustavo S. Borges, tamén autor do biográfico 30 minutos e do imprescindíbel A entediante vida de Morte Crens.


Cada episodio vai acompañado dun vídeo explicativo, no que o profesor Giovane Mello nos aclara o fenómeno físico ao que acabamos de asistir.