26 de febreiro de 2015

Toc - toca: Exposición "Plásticos"

Aínda quedou ben xeitosa a exposición sobre os plásticos...







Como tantas cousas que se nos fixeron imprescindibles, os plásticos teñen a súa cara escura e, nesta, sen dúbida, destaca a contaminación dos mares. Aquí tedes un par de artigos sobre o tema:
Neste magnífico sitio, Tara, atopades unha extraordinaria experiencia: Tara méditarranée: une expédition scientifique pour étudier la pollution plastique.
 
Ademais diso, recomendámosvos esta unidade didáctica, cargada de información e suxestións: Plásticos en automóbiles: polimerización e reciclaxe.



11 de febreiro de 2015

Ao fío do encontro con Bernardo Andeva Andany


Por Claudia Alonso
  
O home sempre buscou a orixe do universo e as súas partículas fundamentais. Antigamente, cos presocráticos, había quen buscaba archés dos que se formaría todo (aire, lume, auga, ect). Con todo, o mundo cambiou dende aqueles tempos e aínda que se seguen a buscar os compoñentes fundamentais da materia (e como interaccionan), hoxe facémolo dende a prespectiva da física de partículas. O pasado xoves tivemos a honra de recibir a Bernardo Adeva Andany, catedrático de física atómica e molecular da USC. Puidemos escoitar información relativa aos quarks e á antimateria de alguén que a coñece de primeira man, pois ademáis de traballar no sincrotrón DESY de Hamburgo xunto co premio Nobel Samuel Ting, o seu grupo de investigación da USC participou no experimento LHCb do CERN.
 
A charla, tremendamente produtiva, seguramente deixou sorprendido a máis de un. Por unha parte, falouse do complexo asunto da antimateria e a materia. Cada partícula posúe a súa antipartícula (un electrón ten a súa antipartícula no positrón, un electrón positivo), e se as partículas forman a materia, as antipartículas formarán a antimateria loxicamente. Porén, a materia e a antimateria deberían terse aniquilado mutuamente, pero non foi así xa que predomina a materia. O profesor Adeva mencionou a posibilidade de que houbera galaxias formadas por antimateria, aínda que nunca se observou ningunha.

 Por outra parte,  sorprendeunos cos científicos mencionados, pois todos esperábamos oír nomes como o de Stephen Hawking, pero non foi así. Foron nomes importantes neste ámbito, segundo o catedrático, Paul Dirac e Georges Lemaître.  O primeiro predixo a mesma existencia de antimateria (tema principal da charla) e o segundo propuso o Big Bang. Isto último é especialmente sorprendente pois tratábase dun cura, o cal é pouco habitual cando falamos de temas de física. Ademais, esta teoría hoxe aceptada foi desacreditada por Einstein, que tiña moito prestixio na comunidade científica xa daquelas. Finalmente, cabe mencionar a desilusión xeral ou decepción de Adeva no seu traballo no LHC, pois el tiña a esperanza de poder romper o modelo actual. Isto non significa que as súas observacións non foran importantes, senón todo o contrario, pois axudaron a negar certas teorías que se estaban a plantexar.

 As ideas e a información exposta por Bernardo Adeva foi moita e difícil de resumir e, aínda que nos resolveu moitas dúbidas sobre esta materia, deixou novas dúbidas sobre a física actual. Preguntas difíciles de responder pero, ás veces, as preguntas son máis importantes que as respostas.

9 de febreiro de 2015

Edgard: tan incomprendido como a física

Edgar é un inadaptado, un incomprendido (tan incomprendido como a física!) e decide cambiar de vida:
http://edgarhq.blogspot.com.br/search?updated-max=2013-10-09T04:18:00-07:00&max-results=7&start=14&by-date=false

Tamén é certo que a física lle axuda a vencer determinados contratempos e desasosegos:

http://edgarhq.blogspot.com.br/2013/10/edgar-4.html

O caso é que nós podemos acompañar Edgar na procura dunha nova vida e irmos atopando unha chea de fenómenos naturais que ben merecen a súa explicación científica.


A crónica dos días de Edgar é relatada por Gustavo S. Borges, tamén autor do biográfico 30 minutos e do imprescindíbel A entediante vida de Morte Crens.


Cada episodio vai acompañado dun vídeo explicativo, no que o profesor Giovane Mello nos aclara o fenómeno físico ao que acabamos de asistir.



3 de febreiro de 2015

Lecturas: La partícula al final del universo / Sean Carroll

Os protagonistas deste libro son o bosón de Higgs e o descubridor do mesmo, pero non o señor Higgs, senón o gran colisor de hadróns controlado polo CERN. 
 

La partícula al final del universo explica a historia e o funcionamento da "máquina máis grande e máis complexa que o ser humano  construíu xamais" e, simultaneamente, na liña dese apaixonante oxímoro científico que anoa a física de partículas coa cosmoloxía para xerar un intento de explicación da realidade, describe a singular posición no cadro do modelo estándar do que é o seu descubrimento máis relevante: o bosón de Higgs, esa palpitación dun campo sustentado sobre o baleiro que fai que as partículas elementais teñan masa.


Como ocorre na maioría dos libros de divulgación física, este de Sean Carroll, ademais de tratar dun aspecto concreto do seu ámbito de interese (aquí, o bosón de Higgs), aproveita tamén para repasar certos fundamentos da especialidade: neste caso, tanto nos tres primeiros capítulos do libro como nos tres apéndices que contén, Carroll describe as liñas fundamentais dese chamado modelo estándar da física de partículas.


Polo demais, á parte do interese concreto que ten o libro pola súa explicación in extenso do bosón de Higgs e dos fundamentos históricos, científicos, técnicos e humanos do colisor de hadróns, a obra de Carroll fai precisións clarificadoras para o afeccionado sobre un concepto de innegable opacidade como é o de campo, e, en concreto, sobre o de campo cuántico, cuxo protagonismo na orixe mesma do universo e na discusión do concepto de baleiro ou de nada física é evidente. (C.M.)

CARROLL, Sean (2013): La partícula al final del universo: Del bosón de Higgs al umbral de un nuevo mundo. Debate. Barcelona.

Desde A Marela Tarabela