21 de febreiro de 2014

Visita ao MUNCYT

A semana pasada alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º de bacharelato do noso IES visitaron a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Alí puideron entrar na cabina do avión que trouxo a España O Guernica en 1981 , ver aparellos tecnolóxicos e de laboratorio antigos e mesmo coñecer como era o primeiro acelerador de partículas que houbo no noso país.

 

Ao tempo que percorrían as distintas salas, fixeron unha actividade de busca do tesouro organizada polo propio museo. Nesta actividade, o alumnado tivo que responder, competindo en grupos, a un amplo cuestionario con preguntas relacionadas principalmente coa historia da ciencia e da tecnoloxía.
 





Dúas horas lendo carteis, observando aparellos, escoitando as explicacións da nosa guía e anotando datos. E despois a comer para á tarde ir ao concurso de robótica. Día intenso.

6 de febreiro de 2014

Formas & fórmulas


Formas & fórmulas: conceitos naturais e matemáticos en ação e interação é o título da exposición que, arredor das matemáticas, leva en Lisboa desde hai máis de ano e medio. Seica estará ata finais de marzo e cóntase con que a traian ao Porto (daquela estará máis a man).

Son tantas e tantas as suxestións que hai no seu sitio que resulta imposíbel glosalas todas.

Aínda que sempre podedes descargar  o catálogo, unha marabilla...
>

... ou facerdes unha breve visita (virtualmente, claro) ao apartado Para além da terceira dimensão ... 

... ou atrevervos a unha breve incursión no Imaginary...

... ou deixarvos levar por Oliver Labs (e o seu proxecto Mo-Labs) ao universo das ecuacións de 3º grao...

... ou ver o célebre filme LPDJLQH D VHFUHW (no CIM) ...



... ou..., eu que sei!, haivos moitas cousas...
 -

 

5 de febreiro de 2014

Toc-toca : O microscopio óptico


Xa o comprobamos o ano pasado: á xente gústalle mirar polo microscopio e os microscopios gañan outro atractivo fóra do laboratorio.

Nesta ocasión, tocoulles aos microscopios ópticos, cos que puidemos observar ás de bolboreta, o aparello bucal dun mosquito femia, os ollos compostos de insecto, a hibra de auga doce, o pole do piñeiro e varias cousas máis...





Tamén aproveitamos para mostrar as fotos gañadoras do Fotciencia11.





Estas fotos, ademais de atractivas, supoñen un interesante recurso que se pode utilizar desde múltiples perspectivas.