27 de xaneiro de 2014

Toc-toca : Exposición "Desde o Big Bang ao LHC"


A idea de facermos unha exposición sobre o CERN e o LHC xa vén de vello. O curso pasado tivemos un tímido contacto co tema en forma de recomendación

Nesta ocasión, aproveitamos os recursos educativos que ofrece o propio CERN nas súas páxinas de educación, para prepararmos unha exposición. Para iso contamos coa axuda do alumnado de 2º de bacharelato B e do Departamento de Inglés. E que terán que ver os de inglés neste asunto? Pois bastante, xa que os paneis que empregamos estaban escritos neste idioma e mais en francés. Así que, para facervos máis sinxela a lectura, realizaron un traballo de tradución ao galego que non estivo nada mal.



Acompañamos os paneis, como é costume, dun tríptico cuestionario ...


... dun pequeno video que se proxectou na bufarra da marela e dunha selección vídeo-bibliográfica con fondos da biblioteca
Ao mesmo tempo fixemos unha impresión "xigante" de Alice y la sopa de quarks y gluones, para que puidese ser lido no noso "super-atril":

 
Como complemento a esta actividade, Manuel Caamaño deu unha charla para o alumnado de bacharelato sobre as aplicacións da Física Nuclear. Os detalles nesta entrada.

Con isto damos por iniciadas as actividades do proxecto Toc Toca Ciencia. Xa sabedes, de aquí a xuño cada semana un toque de ciencia.

21 de xaneiro de 2014

Encontro con... Manuel Caamaño Fresco

Mañá mércores temos o encontro con Manuel Caamaño.



Trátase dunha visita ofrecida polo CPAN, dentro do seu programa Charlas en IES.

Entrevista (23-1-2014) con Manuel Caamaño no Faro de Vigo, con ocasión desta charla.
E xa que se trata de divulgar a ciencia e a figura do científico, é de agradecer a "portada" da edición local do propio Faro.

14 de xaneiro de 2014

Encontro con ... Claudio Cerdeiriña



Hoxe martes visitou o noso centro Claudio Cerdeiriña, profesor e investigador do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Ciencias de Ourense.

No seu encontro cos alumnos de 1º e 2º de bacharelato de ciencias, falou do papel da Física no desenvolvemento da tecnoloxía que empregamos habitualmente nas nosas vidas, dos futuros campos de investigación da ciencia, da relación da Física con todos e cada un destes campos de investigación e, sobre todo , tratou de orientar ao noso alumnado cara o seu futuro universitario, facendo fincapé nas diferenzas que existen entre os estudos que engloban a chamada Ciencia Básica e os que engloban a Ciencia Aplicada.
Aquí podedes acceder á súa páxina web.